Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

15 de decembro de 2014

Coruña42 dá un paso máis na súa aposta pola sostenibilidade

Realizouse un informe tendo en conta unha serie de indicadores que permitiron analizar o impacto social, ambiental e económico da iniciativa posta en marcha polas concellerías de Deportes e Medio Ambiente en colaboración con Eixoecología. As conclusións mostran a mellora experimentada coa redución do uso de papel e os residuos xerados

O Concello, a través da Área de Educación, Deportes e Xuventude que dirixe Francisco Mourelo, informa de que a III edición do Maratón Coruña42 deu este ano un paso máis na súa aposta pola sostenibilidade, segundo o informe final presentado por Eixoecología, axencia de ecoloxía urbana do Eixo Atlántico, alcanzando de forma satisfactoria todos os retos expostos e converténdose nun evento máis ecolóxico e sostible.

Así, coa colaboración da Concellería de Medio Ambiente, a través da súa Oficina de Control do Cambio Climático, púxose en marcha esta iniciativa que ten entre os seus principais obxectivos calcular a pegada de carbono ou emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) durante a realización da proba o pasado 27 de abril, demostrar o compromiso do Concello coa redución e a compensación de GEI que provocan o cambio climático, e divulgar e concienciar os participantes no evento e a poboación en xeral, en relación ás prácticas que contribúen a diminuír estas emisións. Por exemplo, para o cálculo de emisións, tomáronse datos referidos aos medios de transporte utilizados polos corredores para os seus desprazamentos, datos sobre consumo eléctrico, tanto no operativo da carreira como polos propios participantes, quilómetros percorridos polos vehículos asociados ao desenvolvemento da carreira ou datos de residuos xerados durante o evento.

Para a realización do informe tivéronse en conta unha serie de indicadores que permitiron analizar o impacto social, ambiental e económico da iniciativa, centrándose sobre todo na prevención, reutilización e reciclaxe de residuos, así como na comunicación da sostenibilidade.

Neste sentido, nesta edición, centráronse os esforzos en superar os cocientes de recollida selectiva obtidos na edición anterior e instaláronse colectores para este fin próximos ás zonas de avituallamento. Ademais, adoptáronse criterios ambientais de contratación que minimizaron o impacto ambiental e a xeración de residuos, como a inscrición online das persoas asistentes ou o emprego de materiais reciclados; e ampliáronse as medidas de comunicación para divulgar as medidas de sostenibilidade utilizando tanto a web municipal como as redes sociais e elaborando unha enquisa de participación entre as persoas participantes.

Proba da mellora experimentada respecto ao ano pasado é que os datos expoñen, entre outras cifras, que o número de inscricións presenciais diminuíu un 63% en relación coa edición anterior, a pesar de aumentar a participación nun 29%; a xeración estimada de residuos no evento descendeu en 700 quilogramos, pasando de 2.000 a 1.300, e recolleuse o 82% dos residuos inorgánicos xerados. Respecto da comunicación, o número de visitas á web incrementouse nun 17% respecto da edición anterior e os resultados da enquisa de satisfacción mostraron que o 96,8% dos enquisados volvería participar na proba, valorando positivamente as medidas de sostenibilidade incorporadas.

O informe conclúe que nesta edición estableceuse unha mellora considerable en todos os aspectos dentro da política de sostenibilidade: menor xeración de papel debido aos procesos de inscrición online; fomento dunha mobilidade máis sostible; maior difusión; e maior participación dos corredores.

Pode descargar en PDF os informes completos a través dos seguintes enlaces

Documentos relacionados

  • Informe de Sustentabilidade Axencia Ecoloxía Urbana Eixo Atlántico (4 MB)

Botóns sociais

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión