Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

4 de decembro de 2014

Coruña Corre comparte as súas experiencias no Eixo Atlántico

O 25 de novembro realizouse na cidade portuguesa de Barcelos o III Seminario de Intercambio de Experiencias no ámbito do Deporte, organizado polo Eixo Atlántico. A Coruña estivo entre as seis cidades que presentaron as súas prácticas, sendo o circuíto municipal de carreiras populares o protagonista, é dicir, vós!

O Museo da Olaría foi o recinto que albergou o terceiro Seminario de Intercambio de Experiencias no ámbito do Deporte organizado polo Eixo Atlántico do noroeste peninsular. As dúas primeiras edicións foron valoradas de forma moi positiva polos delegados das cidades que integran o Eixo, polo que se fixou a cidade de Barcelos como sede da terceira cita.

O Eixo Atlántico é unha asociación transfronteiriza que integra os 34 principais concellos e cámaras de Galicia e do Norte de Portugal, e seis foron as que nesta ocasión presentaron unha das súas experiencias prácticas no ámbito do deporte. O programa de relatorios estivo composto polas seguintes áreas e presentacións:

Eficiencia enerxética en instalacións deportivas

  • Vila Nova de Gaia “Proxectos municipais sobre eficiencia enerxética en pavillóns e piscinas”
  • Ourense “A tecnoloxía LED para a iluminación pública e eficiencia enerxética”

Evolución e tendencias na xestión deportiva

  • Ourense “Evolución da xestión pública, público-privada e privada; tendencias dos tipos de clubs, modelos e formatos”

Deporte en idade escolar

  • Guimarães “Centro de Detección de Talento Deportivo de Guimarães”
  • Viana do Castelo “Centro de mar, náutica nas escolas”
  • A Coruña "Running en idade escolar? Aproveitemos a oportunidade"

A presentación sobre o Coruña Corre cerrou o seminario, e nela expuxéronse os detalles máis relevantes que converteron o circuíto nun éxito de participación nas tres edicións de vida coas que conta.

Comezamos o relatorio cunha análise da moda do running e a evolución no número de carreiras que se realizan na cidade dende o ano 2011, para a continuación expoñer as dificultades da xeografía coruñesa en termos de mobilidade. Con ese contexto esbozouse a estratexia da Concellería de Deportes, Educación e Xuventude para as carreiras populares coruñesas, coas súas metas para alcanzar e con dous fitos importantes, o nacemento do Maratón Atlántica Coruña42 e do circuíto Coruña Corre no ano 2012.

Xa centrándonos no circuíto enumeráronse os pasos previos, cun primeiro estudo das experiencias similares que xa estaban en práctica noutros lugares, intentando recoller todo o positivo para adoptalo. E así nace a primeira edición, cunha serie de obxectivos específicos que ano a ano alcánzanse con maior satisfacción. E cunha diferenciación da que nos sentimos orgullosos, xa que sodes quen a convertedes en realidade, a clasificación familiar.

Con todo non é suficiente con explicar estratexias nin obxectivos xerais e específicos, nin sequera expoñer números que certifiquen o éxito. Nun intercambio de experiencias hai que incidir no como, e ese foi o contido da presentación ata o seu termo. Foi o momento de explicar o apoio técnico dos clubs na organización, o apoio social de asociacións de veciños e comerciantes, o coidado da imaxe, o estudo pormenorizado do regulamento, a comunicación a través desta web e da conta en Twitter, a captación de patrocinios e, o máis importante, o coidado das persoas participantes. A avaliación continua carreira a carreira é sempre un estímulo de mellora, no que os corredores sodes fundamentais. Da mesma forma o coidado dos detalles que reforcen as condutas de esforzo, a participación, o acudir en familia, son a última peza clave para o éxito do Coruña Corre.

Con todos eses ingredientes estanse alcanzando por agora interesantes obxectivos na participación de nenos e xuventude. Facer unha festa das primeiras experiencias en deporte dos máis pequenos, vivilo en familia, e dar a oportunidade a pais e nais de involucrarse na educación deportiva dos seus fillos e fillas sendo modelo activo, son algúns dos grandes valores do circuíto. E en todos eles vosoutros e vosoutras sodes os protagonistas, grazas!

Podes descargar o documento completo do relatorio no enlace a continuación

Documentos relacionados

  • Presentación Coruña Corre Eixo Atlántico (9 MB)

Botóns sociais

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión