Concello da Coruña

Concello da Coruña

POETAS DI(N)VERSOS con Lorna Saughnessy e Isaac Xubín

Un recital poético cheo de auténtico sabor celta. Irlanda atravesando dúas voces en galego e inglés. Dous tradutores poéticos de fina sensibilidade: a do coruñés que viviu en Irlanda e a de quen versionou a Manuel Rivas dende alí.

A quen vai dirixido:

Para público en xeral

Cando:

18/04/2016

Xa rematou

Horario:

20:30 h

Enderezo:

Centro Sociocultural Ágora. Lugar da Gramela 17. 15010 A Coruña

Prezo:

Entrada de balde até completar a capacidade

 

Contacto:

981189888

Documentos:

Dossier Poetas di(n) versos Abril 2016 (925 KB)

LORNA SAUGHNESSY

Lorna Shaughnessy (Belfast, Irlanda del Norte, 1961) é poeta, tradutora e profesora universitaria de Estudos Hispánicos na Universidade Nacional de Irlanda, en Galway.

Publicou  tres poemarios: Torching the Brown River [Incendiar o río Brown], Witness Trees [Árbores testemuñas] e Anchored [Ancorada], en 2008, 2011 e 2015 respectivamente. Un poema seu, ‘Grasping the Nettle’ (O touro polos cornos), foi incluído na antoloxía The Forward Book of Poetry (2009). Publicou tamén dúas traduccións de poesía contemporánea mexicana, Mother Tongue. Selected Poems by Pura López Colomé e If We Have Lost our Oldest Tales de María Baranda, ambos os dous en 2006. A súa tradución de The Disappearance of Snow [A desaparición da neve] de Manuel Rivas, publicada por Shearsman Press en 2012, foi preseleccionada para o premio Popescu de tradución. As súas traducións de poemas de Chus Pato están incluídas nas antoloxías To the Wind Our Sails. Irish Writers Translate Galician Poetry [Coas nosas velas ao vento. Escritoras irlandesas traducen poesía galega] (2010) e Forked Tongues. Galician, Basque and Catalan Women's Poetry in Translations by Irish Poets [Linguas bífidas.Poesía de mulleres galegas, vascas e catalás en tradución de poetas irlandesas] (2012).

 

CAMIÑANDO POLA ESTRADA DO TREMO

ocorréuselle que a felicidade sería como ter unha laverca

que se ergue desde a boca do estómago ata a cabeza

para estoupar nun canto que só ela recoñecería.

Que o seu corazón era un xardín murado

coidado por unhas xardineiras chamadas Prudencia, Constancia e Fe,

pero a súa vida semellaba máis ben un tremo no cumio dun outeiro

e, a xente nela, ovos que paxaros cantores puxeran no chan,

invisíbeis para os nosos ollos pero totalmente expostos.

 

Que as relacións consistían en escoller os pasos

polo tremo sen alterar os niños,

e a posibilidade da ledicia pendía dalgún xeito

dunha familiaridade coa febleza

só coñecida en ámbito salvaxe;

como os ovos da laverca, era algo

que non se podía apañar, algo

para chocar de vez, eternamente.

 

ISAAC XUBÍN

Nado na Coruña en 1978, Isaac Xubín é Licenciado en Filoloxía Galega pola Universidade de Vigo, e mestre en Política lingüística e planificación da lingua galega. Como tradutor, profesor e investigador elaborou un dicionario bilingüe galego-éuscaro. Constituíndo o noso principal tradutor da lingua vasca para o galego, publicou traducións entre as que destacan Sete poetas vascos e Tempo de exilio, de Joseba Sarrionandia, polos que gañou os prestixiosos premios de tradución Loís Tobío (2013) e Etxepare (2015) respectivamente. Así mesmo, foi lector de lingua e cultura galegas na Universidade Nacional de Irlanda (University College Cork), e na actualidade escribe a súa tese de doutoramento, un estudo sobre as relacións entre literatura e gastronomía.

Como creador ten publicado obras de poesía entre as que cómpre salientar Lisboa  –Premio de poesía da Universidade de Vigo– e Con gume de folla húmida –XXIV edición do Premio Lorenzo Baleirón–, e de narrativa curta: Château Bobcat e Le pied de Julien DuPuy, ambos os dous primeiro premio no certame Os Viadutos de Redondela. No vindeiro mes de setembro publicará a súa primeira novela, Non hai outro camiño.

 

OILEÁIN ÁRAINN

Nacer en Inis Mór co océano a zoupar nos ollos e a meterse sen remedio polas calexas de son ou furnas que forman os oídos.

Nacer alí e saber o que é navegar as ondas e soñar con cabalos a penetrar o vento durante quilómetros e quilómetros sen sentir o Boireann nas pedras, como se fose un topónimo a renacer noutras pequenas linguas que nunca soñaran resistir. 

Vivir en Inis Mór,

na do Medio ou na do Leste,

soñar penetracións rubias a rentes da herba e sentir

o bico da lúa que te pica

de golpe na tempa esquerda para lembrar

que non é todo verde nesta illa,

que tamén existe a cor vermella

se naces en Inis Mór

a desexar a visión eterna da muller de Cláir. 

 

 

 

Compartir en Tuenti

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión