9 de maio de 2024
O concelleiro Gonzalo Castro presentou a programación, que se desenvolverá entre o 7 e 9 de xuño nos xardíns de Méndez Núñez
O concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, presentou esta mañá a programación do oitavo encontro internacional Acampa pola Paz, que terá lugar os días 7,8 e 9 de xuño nos xardíns de Méndez Núñez. O edil estivo acompañado por Xosé Abad, coordinador de Acampa pola Paz, e Rosa Ana García López, deputada provincial.
A cita promovida polo Goberno de Inés Rey achegará a cidadanía á dura realidade da infancia e a mocidade refuxiada, que centra a programación deste ano. A proposta busca a reflexión conxunta ao redor da urxente necesidade de defender os dereitos humanos e o dereito ao refuxio. "Para este Goberno municipal a defensa dos dereitos humanos é unha prioridade e máis se cabe na situación global actual, con conflitos abertos coma o que afecta ao pobo palestino", indicou Gonzalo Castro durante a súa intervención.
A imaxe que ilustra o cartel desta edición é obra do fotógrafo palestino Majdi Fathi e amosa a un neno recollendo entre as ruínas os seus libros e cadernos. Durante os tres días que dura esta evento pasarán polos xardíns de Méndez Núñez relatoras convidadas como a ministra de Mocidade e Infancia, Sira Rego, e a directora da UNRWA España, Raquel Martín. Tamén participará a responsable de actividades médicas de MSF en Gaza, Ruth Conde, ou Vicente Raimundo, director de Cooperación Internacional e Acción Humanitaria de Save the Children.
Programación variada e reivindicativa
O certame contará cun simbólico memorial pola infancia asasinada en Gaza, que consistirá nunha instalación colaborativa de máis de 1.000 elementos para renderlle homenaxe aos máis de 14.000 nenos e nenas finados no conflito. Fronte a el, terá lugar o domingo 9 de xuño, ás 12.00 horas, un minuto de silencio. De novo, levantarase no recinto un campo de refuxiados para concienciar as persoas visitantes da situación na que viven centos de milleiros de homes e mulleres no mundo. Haberá visitas guiadas para o público xeral e para colexios e institutos.
Por outra banda, tamén haberá mostras fotográficas de gran formato. Ademais de Majdi Fathi, conforman a nómina de fotoxornalistas convidados Ana Palacios, Diego Ibarra, Pedro Armestre, Vicent Tremeau, Rodrigo Adb, Bruuno Thevenin e Marta Moreiras. As súas imaxes permanecerán expostas nos xardíns ata o 30 de xuño. Tamén haberá dúas proxeccións, unha delas o documental 'M' e outra a curtametraxe 'Aunque es de noche'. Acampa pola Paz contará nesta edición coas actuacións dos grupos Kreze, A Quinta de Do, Belém Tajes e os músicos ucraínos Anna Haidukova, Myroslava Tatarchuk, Artem Matovka, Solomia Javchuk, Ihor e Lida Popadiuk.
O Concello da Coruña promove, un ano máis, as xornadas Acampa pola Paz. "A Coruña é unha cidade aberta e tolerante, consciente da importancia de preservar os dereitos humanos, e o Goberno de Inés Rey aposta por iniciativas que potencien valores que deberían ser os de todas as persoas", indicou Castro.
20 de maio de 2024
20 de maio de 2024
18 de maio de 2024
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible