24 de abril de 2024
O Goberno de Inés Rey reafirma o seu compromiso coa convocatoria destas subvencións, que triplicaron a súa contía desde 2019
O Concello da Coruña convoca, un ano máis, as subvencións dirixidas a entidades deportivas sen ánimo de lucro para o fomento e apoio á realización de actividades físicas e deportivas durante este ano. O Goberno de Inés Rey destinará 400.000 euros a estas axudas, reafirmando o seu compromiso co deporte coruñés. A contía destinada triplica os 120.000 euros da convocatoria do 2019.
O Goberno municipal, a través do diálogo coas diferentes entidades, actualizou nesta edición a clasificación das actividades que optan ás axudas. Concretamente, haberá catro tipos. A primeira delas será a actividade deportiva federada, á que se destinará un 37,5% do orzamento (ata 150.000 euros). A segunda sería a actividade física ou deporte non federado, que contará cun 12,5% da contía total (ata 50.000 euros). A terceira opción será a de campamentos e campus, con outro 12,5% e ata 50.000 euros asignados.
Por último, tamén se terán en conta actividades deportiva de carácter extraordinario, cun orzamento asignado do 37,5% do total e ata 150.000 euros. Esta categoría inclúe a organización de eventos deportivos e competicións na cidade e, en caso de estar xustificado, fóra do termo municipal.
O prazo de presentación da documentación será de 20 días naturais a contar desde a publicación das bases da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia, que se produciu este mércores. Toda a documentación requerida pode atoparse na sede electrónica do Concello, onde tamén deberán dirixirse as entidades interesadas para presentar a solicitude.
O Concello atende, ano tras ano grazas a estas axudas, a diversidade e riqueza de disciplinas deportivas que se desenvolven na cidade, apoiando actividades como baloncesto, fútbol sala, balonmán, atletismo, hóckey sobre patíns e sobre herba, xadrez, pesca submarina, patinaxe artística e en liña, natación, waterpolo, tenis de mesa, ximnasia rítmica, halterofilia, vela, judo, automobilismo, piragüismo ou tiro con arco, entre outros. Coa convocatoria destas axudas, o Concello reforza o seu compromiso co tecido deportivo da cidade, dando continuidade á rede de axudas a entidades deportivas con sede no municipio e cumprindo co obxectivo do Goberno de Inés Rey de acadar un modelo de cidade máis activo, saudable e referente en actividades deportivas.
18 de mayo de 2024
16 de mayo de 2024
15 de mayo de 2024
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible