Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Concello da Coruña

  • Compartir
  • Engadir ao meu móbil | 
  • Imprimir

Cando:

10 de setembro de 2015

Xulio Ferreiro reivindica a contestación social como motor de cambio

O alcalde da Coruña pediu unha reflexión sobre os temas realmente importantes durante a inauguración das xornadas Pensando en Xustiza



O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, reivindicou este xoves o papel da contestación social como motor de cambio, durante a súa intervención na inauguración da segunda edición das xornadas ‘Pensando en Xustiza’, que organiza o Colexio  de Avogados da Coruña xunto coa Universidade e a Asociación Profesional da Maxistratura de Galicia (APM) e que se celebran entre hoxe e mañá no Paraninfo da Maestranza. “Neste momento de emerxencia social e de contestación social, o descontento forma unha cidade diferente”, sinalou Ferreiro, quen atribúe a esa oposición o ter conseguido “que as institucións públicas se poñan a traballar e que as entidades privadas como as entidades bancarias entendan cal é a súa nova función e a súa responsabilidade social” neste novo contexto histórico que se abre no ano 2008.

Neste contexto, o rexedor quixo recoñecer o papel da xudicatura, “e sobre todo dos xuíces de abaixo”, nos cambios na interpretación das normas xurídicas para a protección das persoas ante certos abusos, caso de certas cláusulas tipo en contratos como os hipotecarios,  que durante anos foron asumidos como normais. “Entenderon a importancia da norma xurídica e do estado social. Novamente, construír desde abaixo acaba cambiando as formas tamén na Xustiza e incluso obrigando a que se fagan modificacións, por exemplo, da Lei Hipotecaria”, indicou Ferreiro, quen tamén tivo palabras para eses letrados e letradas “audaces, que entenderon a súa función de defensa dos dereitos da cidadanía” e que permitiron a xuíces e tribunais introducir formas novidosas de interpretar a norma xurídica.

Durante a súa intervención, o alcalde lembrou tamén a relevancia da reflexión sobre os grandes temas que afectan a toda a cidadanía e chamou a relativizar os problemas do día a día. Nesa liña, fixo mención da relevancia do dereito urbanístico -un dos asuntos que se abordan nas xornadas, xunto coa reforma do Código Penal, a contratación bancaria e o papel dos operadores xurídicos- na tarefa de pensar a cidade. “Calquera política que queiramos facer de medio ambiente, de mobilidade, de humanización ou incluso de vivenda ten que estar antes sobre un plano, sobre ese dereito urbanístico e os instrumentos de planeamento”, constatou, e lembrou casos “candentes” como os do Ofimático ou Someso. Neste sentido, Ferreiro fixo unha reflexión sobre o modelo urbanístico herdado, “instrumentos que estaban pensados para un xeito de facer cidade, se cadra, apresurado e aloucado, cunha inercia que neste momento histórico temos que tentar parar para darlle un sentido diferente, pensando no dereito á cidade e nun desenvolvemento urbanístico máis humano e máis sostible”, plantexou.

O rexedor foi encargado de presentar aos outros membros da mesa inaugural, na que estiveron presentes o decano do Colexio de Avogados, Augusto Pérez-Cepeda Vila, o maxistrado representante da APM José Ignacio Picatoste, o director da Banca Particulares para Galicia do Banco Santander, Jesús Otero Díaz, e o decano da facultade de Dereito da Coruña, José Manuel Busto Lago, e aproveitou para defender o papel “esencial” da Universidade e das facultades de dereito e eloxiar a boa relación e colaboración que existe hoxe entre as distintas institucións.
  • Concello da Coruña
    • Ayuntamiento de A Coruña | Concello da Coruña
    • Praza de María Pita, 1. 15001 A Coruña
    • 981 184 200 ou desde dentro do termo municipal ao teléfono de atención 010
Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?