Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

9 de xuño de 2016

A Xunta de Goberno local aprobará o inicio do expediente de municipalización da Rede de Bibliotecas do Concello, “co que se recupera a xestión pública e se consegue un aforro de máis de 500.000 euros”

O alcalde, Xulio Ferreiro, destacou que “se inicia un proceso pioneiro en todo o Estado, que actúa sobre as cinco bibliotecas dentro da rede municipal que son xestionadas por unha empresa privada, cuxo contrato finaliza en novembro”

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, indicou este xoves que a Xunta de Goberno Local aprobará mañá, en sesión extraordinaria, o inicio do expediente de municipalización da xestión da Rede Municipal de Bibliotecas. Na actualidade, cinco das oito bibliotecas da rede (Biblioteca Infantil e Xuvenil, Os Rosales, Ágora, Fórum e Sagrada Familia) están suxeitas a un contrato de prestación de servizos a través dunha empresa privada que ten un custe de 2,3 millóns de euros ao ano, e cuxo contrato finaliza o 14 de novembro. "Cremos que é unha boa oportunidade para recuperar a xestión pública de todas as bibliotecas municipais, por convecemento e tamén porque a actual situación de dualidade interfire na prestación do servizo, ao facer máis complicada a xestión das bibliotecas, e tendo en conta que, segundo os nosos estudos, coa municipalización se conseguiría un aforro de máis de 500.000 euros", comentou.

Ferreiro recordou que a municipalización de servizos públicos xestionados por empresas privadas é un obxectivo do Goberno local "sempre que se dean as condicións necesarias" e que o proceso que se iniciará mañá coa aprobación do inicio do expediente por parte da Xunta de Goberno local "ten un carácter pioneiro en todo o Estado". "Esta actuación está fundamentada na necesidade de que os servizos esenciais dunha cidade teñan unha xestión pública", comentou.

Con todo, o primeiro edil coruñés fixo fincapé en que "a munipalización é un proceso complicado, tendo en conta, entre outras, as leis de estabilidade orzamentaria ou o propio deseño institucional da lei de bases locais". "Tanto a Asesoría Xurídica do Concello como o departamento de Culturas levan meses traballando neste asunto e, como resultado, temos un informe xurídico impecable co que podemos dar inicio a todo este procedemento, que esperemos que culmine co mellor dos éxitos", dixo. "Neste camiño será necesaria a axuda de todos e de todas, tamén dos grupos municipais con presencia no Pleno que, non obstante, xa se manifestaron máis dunha vez en favor da municipalización dos servizos", engadiu.

En concreto, e en base ao informe proposta elaborado pola Concellería de Culturas, e sostido sobre os traballos da Asesoría Xurídica, a Xunta de Goberno local dará luz verde, ademais de á incoación do expediente de municipalización, á posta en marcha dunha Comisión Informativa Especial do Pleno que teña por obxecto o estudo e ditame do propio expediente de municipalización do servizo. Tamén se pretende constituír unha Comisión de Estudo, de apoio técnico-xurídico á tramitación e conformación do expediente de municipalización, encomendando ao alcalde a designación dos seus membros.

Ferreiro manifestou ademais, que a intención do Goberno local é prestar un servizo 100% público nas cinco bibliotecas da rede municipal que agora están xestionadas por unha empresa privada co mesmo cadro de persoal, en cumprimento das obrigas legais de subrogación. "Posteriormente, e nunha segunda fase, na medida en que as leis orzamentarias nolo permitan, iranse convocando os procesos de selección necesarios para cubrir esas plazas definitivamente", dixo. "Este proceso de municipalización non pode supor en ningún caso a entrada de profesionais á administración pública por unha porta que non sexa á do mérito e a capacidade pero, á vez, temos que garantir, a estabilidade dos e das actuais traballadoras destas cinco bibliotecas", comentou.

"Este primeiro proceso de municipalización que comezamos será unha pedra de toque. Estamos a falar dun servizo moi importante e cuantioso e na medida en que nos saia ben, iremos estudando procedementos na misma liña con outros servizos", reflexionou.

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión