Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

8 de outubro de 2015

Coruña10 celebra o domingo a súa novena edición cun trazado que percorrerá o Paseo Marítimo

O concelleiro de Deporte, José Manuel Sande, presentou esta mañá a proba na que participará a Campioa de España de 10 quilómetros, Paula González, e o actual campión da Maratón Atlántica, Lolo Penas

A decana das carreiras populares da cidade, Coruña10, volve ás rúas coruñesas. Este domingo terá lugar a novena edición da recoñecida competición, na que 3619 atletas percorrerán un trazado deseñado, nesta ocasión, polo Paseo Marítimo. O concelleiro de Deportes, José Manuel Sande, presentou esta mañá a proba no Pazo de María Pita xunto a representantes da Federación Galega de Atletismo, e agradeceu a colaboración dos equipos de pedestres da cidade así como das traballadoras e traballadores do Servizo Municipal de Deportes, “imprescindibles para a celebración das carreiras, tanto sexan vinculadas o Concello como de ámbito privado nas que o Concello ten unha intervención loxística e humana”. O concelleiro lembrou que Coruña10, a primeira das Carreiras Populares da cidade, “forma parte dunha tríade con Coruña21 e Coruña42”.

O circuíto urbano, homologado pola Real Federación Española de Atletismo, ten un perfil practicamente chairo e terá a súa saída en Riazor. As e os atletas populares percorrerán, desde as 10.30 horas da mañá, 10.000 metros polo Paseo Marítimo da enseada do Orzán,  achegándose dun extremo a outro nas rotondas do Millenium e Torre de Hércules. A proba, de carácter estatal e de “gran prestixio”, como afirmou o presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, contará coa participación da Campioa de España nos 10 quilómetros, Paula González. En Coruña10 tamén estarán presentes fondistas galegas como Solange Pereira, a actual campioa de España dos 1.500 metros; Yolanda Gutiérrez, antiga Campiona de Maratón; ou Eva Arias. Na categoría masculina, Alejandro Fernández, Manuel Hurtado ou Lolo Penas, o actual campión da Maratón Atlántica celebrada no mes de abril, tamén participarán nunha carreira que, segundo Hornillos, “contribuirá a afianzar os hábitos saudables da poboación”.
Das 3619 inscricións nesta IX Carreira Popular Coruña10, 2894 son de pago na categoría absoluta, fronte as 3963 de pago da pasada edición. O Concello obtivo este ano, coas inscricións das carreiras, unha recadación de 28.940€, incrementando así os ingresos en 9.125€ máis respecto ao ano 2014 (19.815€). A proba será máis económica para as arcas públicas. 

Premios

A entrega de premios das distintas categorías comezará ao finalizar as probas das categorías das e dos menores. As primeiras persoas clasificadas na carreira Coruña10 obterán premios en metálico, e aquelas que batan o récord da proba tanto na categoría masculina (28:09) como na feminina (31:40) obterán un premio de 1.000 euros. O regulamento así como todos os servizos que ofrece Coruña10 poderán atoparse na web municipal www.coruna.es/carreraspopulares

Documentos:

Percorrido Coruña10 (1 MB)

Botóns sociais

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión