Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

31 de xaneiro de 2014

Caixóns de saída na Popular Torre Hércules, confort para os atletas

A utilización de caixóns na carreira deste sábado, técnica xa empregada na Popular de Novo Mesoiro, é un requisito indispensable debido ao grande aumento no número de participantes que haberá na Popular Torre de Hércules, e como garante das maiores facilidades para os corredores durante a competición.

A IV edición da Carreira Popular Torre contará con case 3.000 atletas e dende a organización quérese garantir un bo desenvolvemento da carreira que lles permita a todos os corredores gozar, independentemente do seu nivel ou marca. Para iso, e do mesmo xeito que sucedeu na Popular de Novo Mesoiro, habilitaranse na liña de saída diferentes caixóns de saída.

Con este sistema búscase que os corredores se poidan agrupar en función dos seus tempos, favorecendo o bo desenvolvemento da competición e impedindo que se produzan perigosos embotellamentos que poidan derivar en caídas, e que ademais retarden o ritmo dos participantes. Na elección do caixón deberá imperar a boa vontade e sobre todo o sentido común dos atletas. É preferible colocarse un caixón por baixo e ir adiantando corredores a ser excedido por moitos participantes, algo que ao final termina por facer madeixa na propia motivación do que compite. Para que todas as persoas participantes teñan unha referencia de cal é o caixón máis idóneo, o speaker dará referencias de cada un antes do inicio da proba.

Nun primeiro caixón deberán situarse os corredores masculinos que cubran os 10K en menos de 35 minutos e as mulleres por baixo de 40'. É dicir, homes que corran arredor de 3:30 o quilómetro e mulleres ata 4 minutos. En definitiva, participantes moi preparados e que loitarán polo podio.

Nun segundo caixón homes que estean entre 35-40' e mulleres entre 40' e 45' no 10.000. Refírese a homes que teñen unha marca de ata 4' o quilómetro e mulleres ata 4:30. Aquí concentraranse corredores con tamén horas de adestramento, pero un chanzo por baixo do anterior caixón, xa que o seu ritmo será algo inferior. No terceiro espazo situaranse homes por encima dos 40' e mulleres que pasen dos 45' nos 10 quilómetros, ou que non teñan marca. Neste terceiro caixón débense situar os corredores con cronos superiores aos anteriores ou que non conten cunha referencia de marca. É o ideal para quen queira gozar dunha maneira pausada da carreira, ou estea iniciándose no apaixonante mundo do running.

Se os corredores teñen en conta as especificacións dos tres caixóns e sitúanse en función dos seus tempos e sendo coherentes garantirán as mellores condicións para que se desenvolva a Popular Torre de Hércules e farán que todas as persoas participantes gocen da proba.

Botóns sociais

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión