Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

30 de xaneiro de 2014

A Popular Torre de Hércules, ao servizo dos corredores

Os case 3000 atletas que se darán cita este sábado na realización da que será a terceira proba do Circuíto Coruña Corre, e que marca o seu ecuador, contarán, como en pasadas competicións, con servizos complementarios. Estes, unidos á existencia dun trazado preparado para o bo desenvolvemento da proba, farán da carreira un evento inesquecible. Do mesmo xeito que na anterior proba, en Novo Mesoiro, habilitarase un servizo de gardarroupa.

A organización da IV Carreira Popular Novo Torre de Hércules II Trofeo José Antonio Varela Calviño poñerase en marcha xa este venres, xa que dende as 17.00 ás 20.30 horas no Frontón da Torre os corredores poderán recoller os seus respectivos dorsais. Tamén poderán facelo o propio día da carreira, na mesma localización, dende as 10.00 horas e ata unha hora antes do inicio da competición. Así mesmo, lémbrase que aqueles atletas que xa están inscritos en todo o Circuíto Coruña Corre e participaron na proba dos Rosales ou Novo Mesoiro contan xa cun dorsal que é válido para todo o circuíto. Non obstante, na Popular Torre de Hércules todos os corredores e corredoras poderán retirar o dorsal titular do circuíto, tanto o venres nos mesmos horarios antes especificados como o sábado ao longo da mañá. Deste modo dispoñerán dun titular e outro suplente para as restantes competicións, aínda que se recomenda o uso do primeiro, de cor amarela. Habilitarase así mesmo unha zona independente na entrega de dorsais para isto, e unicamente será necesario mostrar o dorsal orixinal.

Do mesmo xeito que na Popular de Novo Mesoiro, e atendendo ás demandas dos corredores e corredoras, volverá estar habilitado un servizo gratuíto de gardarroupa do que dispoñerán no propio frontón a partir das 17.00 horas. Así mesmo, todos os atletas que o desexen poderán levar un adhesivo cunha cadeira vermella que a ONG EntreCulturas terá a disposición na caseta que habilitarán na entrega de dorsais e o día da carreira. Esta iniciativa nace como defensa da educación, sobre todo nos países en vías de desenvolvemento e á escolarización dos máis pequenos.

Unha vez completado o percorrido da Popular Torre de Hércules, dende os 6.515 metros dos absolutos aos 150 metros dos pitufos, todos os atletas recibirán avituallamento, tanto líquido como sólido, grazas á colaboración de Horno San Brandán, Gadis e Begano. Ademais, dende ese instante, terán á súa disposición as duchas nos vestiarios da Cidade Deportiva da Torre, ás que poderán acceder a el ensinando o seu dorsal ou o seu DNI.

Anunciaranse por megafonía o momento no que as clasificacións de cada carreira estean colocadas ao público no Frontón da Cidade Deportiva da Torre, onde terá lugar a entrega de trofeos ás 19.45 horas. Recoméndaselles aos corredores premiados que se sitúen na zona próxima a onde se realizará a entrega.

Tras a carreira e o esforzo, a través do escaneado do código QR que posúen todos os dorsais poderase acceder aos tempos oficiais, tanto absolutos como netos. Tamén estará dispoñible ao longo da tarde o vídeo que rexistra a chegada de cada atleta. A outra opción é consultalos a través dun ordenador ou de calquera dispositivo móbil á páxina web dos cronometradores: www.championschipnorte.com.

Toda esta información, e calquera dúbida, pode ampliarse e formularse á organización directamente a través de todos os servizos de comunicación que pon ao alcance dos participantes. Dende esta páxina mesma páxina web, á conta de Twitter @CorunaCorre, pasando polo correo electrónico carreraspopulares@coruna.es ou o teléfono 981 18 98 00 (Extensión 25036 - 25025), Coruña Corre está, tamén na Popular Torre de Hércules, ao servizo dos seus auténticos protagonistas, os atletas.

Botóns sociais

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión