Recomendacións en alertas por choiva e ventos fortes
Como medidas preventivas:
- Peche e asegure portas, ventás e toldos.
- Retire macetas e todos aqueles obxectos que poidan caer á rúa.
- Asegure andamiaxes, guindastres e outros elementos de obra.
- Comprobe que non hai obstrucións en canalóns, sumidoiros de terrazas e rede de sumidoiros.
Se está á intemperie:
Afástese de cornixas, muros, árbores ou valos publicitarios e tome precaucións diante de edificios en construción ou en mal estado.
Se vai viaxar en vehículo:
- Procure evitar os desprazamentos por estrada e en todo caso extreme as precaucións.
- Reduza a velocidade a límites de seguridade (un golpe de vento pode desvialo/a da traxectoria).
- Teña presente que a distancia de freado é meirande con choiva, polo que debe aumentar a distancia de seguridade co vehículo dianteiro.
- As motos e os vehículos de grandes dimensións que ofrecen unha gran superficie de contacto co vento (camións, furgonetas, vehículos con remolque ou roulotte) corren o perigo de envorcar ante ventos transversais.
- En caso de necesidade, párese nunha zona segura e espere a que amaine o vento.
- Procure non circular xunto a arborizados, nin estacione o seu vehículo debaixo deles, tampouco estacione nas proximidades de muros, tapias ou valos.
- Acenda as luces de cruzamento para ser visto mellor (para ver ben e para ser visto).
- Comprobe o correcto funcionamento dos limpaparabrisas e da luneta térmica.
- Comprobe periodicamente a eficacia dos freos e tóqueos suavemente para secar a humidade das pastillas de freo.
- Free suavemente para evitar o esvaramento (aquaplaning).
- Infórmese das condicións meteorolóxicas da zona á que se dirixe ou polas que vaia pasar.
Se se atopa en zonas marítimas:
- Afástese da praia e de lugares que poidan ser afectados polas mareas e ondadas que se poidan xerar debido á intensidade de ventos fortes.
- Evite a utilización de embarcacións e revise as súas amarras. En ningún caso practique deportes acuáticos.
Recomendacións en alertas por temporal marítimo
Como medidas preventivas:
- Protexa a súa vivenda ante a posible invasión da auga do mar.
- Non se sitúe no extremo de peiraos ou espigóns, nin se arrisque a sacar fotografías ou vídeos preto de onde rompen as ondas.
- Evite a pesca en zonas de risco.
- Non circule con vehículos por estradas próximas á liña de praia.
- Nunca se bañe en praias apartadas ou que non coñeza suficientemente, porque pode haber remuíños locais.
- Nunca se bañe nas praias con bandeira vermella, en zonas onde haxa forte ondada e resaca ou que carezan de servizos de vixilancia e salvamento.
- Evite realizar prácticas deportivas e náuticas nas zonas afectadas polo mar de fondo e non acampe na praia cando haxa alerta por temporal de mar.
- Se aprecia certa ondada fóra do normal non permaneza preto do mar, nin se achegue aínda que se acougue de súpeto.
- Se dispón de embarcación procure asegurar o seu amarre nun lugar resgardado.
- Se ve outras persoas en sitios perigosos advírtaos/as do perigo.
- Se cae á auga apártese de onde rompen as ondas, pida auxilio e espere a que o/a rescaten.
- Se intenta saír e é arrastrado pola ondada, procure tranquilizarse; non nade contracorrente e déixese levar. Polo xeral, as correntes costeiras perden intensidade noutros tramos e é entón cando debe nadar.
- Se está en terra e ve que alguén caeu á auga tírelle un cabo cun flotador, ou calquera outro obxecto ao que se poida aferrar.
EN CASO DE EMERXENCIA, CHAME AO 112
Emerxencias Galicia 112