Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

20 de maio de 2019

A fase de propostas de investimento no marco dos Orzamentos Participativos finaliza este martes, 21 de maio

A cidadanía pode consultar as achegas realizadas até o momento no web que sustenta o proceso, http://aportaaberta.coruna.es

A Concellería de Participación e Innovación Democrática informa de que mañá, martes 21 de maio, finalizará a primeira fase da nova edición dos Orzamentos Participativos, o programa de democracia directa posto en marcha polo goberno local mediante o cal a veciñanza decide libremente o destino dunha parte do presuposto municipal. A través dun proceso de achegas, apoios, valoración técnica e votación, a cidadanía escolle as iniciativas de gasto que pasarán a formar parte do proxecto de Orzamento Xeral do 2020.

De cara a esta edición do programa, a cuarta, destinaranse 3 millóns de euros, que se dividirán en 1 millón para o conxunto da cidade, e 2 que se redistribuirán, equitativamente, entre os 10 distritos do termo municipal, contando así con 200.000 euros por distrito. As propostas que a veciñanza pode presentar teñen que ser investimentos, de competencia municipal e que o seu custo non supere o importe máximo de 1 millón de euros nas propostas da cidade --no caso de superar o máximo de 200.000 asignado a distrito, a iniciativa reclasificarase como achega para o conxunto--. Ademais, deberán ser legais e viables tecnicamente, e poderán abranguer numerosos ámbitos, como infraestruturas, medio ambiente, mobilidade, coidados e servizos sociais, turismo, emprego, cultura, deporte, promoción social, igualdade, saúde ou promoción económica, entre outros.

Todas as persoas empadroadas na Coruña e maiores de 16 anos poden presentar as súas propostas a través do portal http://aportaaberta.coruna.es, que sustenta o proceso, e na que se poden consultar as achegas que se recibiron desde o 25 de abril, así como os proxectos e o seu estado de execución que se levaron a cabo noutras edicións. Para poder propoñer, priorizar ou votar as propostas, é necesario ter cunha conta de usuaria do portal. As persoas que xa participaron noutras edicións non terán que crear un perfil novo, e todas aquelas que teñan dúbidas para acceder ou crear unha conta, poden solicitar colaboración no teléfono de atención cidadá 010. Ademais, como é habitual, e de cara a favorecer a participación, o Concello conta con puntos de apoio presencial, como son as bibliotecas municipais, os centros cívicos, o CMIX e a Federación de Asociacións Veciñais de A Coruña e Área Metropolitana.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión