Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

9 de novembro de 2016

O Concello abre un proceso participativo para artellar “con toda a cidadadanía” un Pacto Social por unha Cidade Libre de Violencias Machistas

A concelleira de Igualdade e Diversidade tamén anunciou hoxe a posta en marcha de distintas actividades e accións de cara ao 25 de novembro, Día Internacional contra as Violencias Machistas, entre as que avanzou a campaña Coruña En Negro, que se centrará tanto no comercio de proximidade como nas entidades e asociacións deportivas da cidade

O Concello impulsará entre este mes de novembro e maio de 2017 un proceso participativo coa cidadanía para asentar as bases do Pacto Social por unha cidade Libre de Violencias Machistas. "É preciso acadar un amplo consenso con toda a veciñanza para o rexeitamento social contra este fenómeno e avanzar cara á tolerancia cero ante calquera tipo de violencias machistas, así como promover de forma conxunta modelos alternativos de convivencia", explicou a titular de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, en rolda de prensa. O proceso participativo que se porá en marcha este mesmo mes --no que se celebra o Día Internacional contra as Violencias Machistas-- ten como obxectivo "promover a participación, en todas as fases do proceso, de todos os grupos poboacionais implicados, como son mulleres, homes, familias menores, xuventude, entidades veciñais, deportivas, sociais, comerciais, estudiantís, LGTBQI, así como colectivos diversos".

Este proceso participativo, total e necesariamente aberto a toda a cidadanía, desenvolverase mediante encontros, sesións informativas, talleres e espazos de formación presenciais onde tanto a veciñanza como as distintas entidades e axentes implicados darán a súa opinión de cara a configurar este Pacto contra as Violencias Machistas. As accións que conformarán este procedemento participativo terán lugar en distintos espazos municipais (dos que se informará puntualmente) dos barrios da cidade, tales como centros cívicos, instalacións deportivas, espazos sociais ou mercados municipais. O obxectivo da Concellería de Igualdade e Diversidade é poder artellar todo este proceso nun período de seis meses. O proceso comenzará cun "proxecto piloto" nun barrio da cidade, neste caso Monte Alto, que logo se estenderá a outros distritos e barrios.

O Pacto Social por unha Cidade libre de Violencias Machistas "será o compromiso consensuado coa cidadanía de adhesión a unha estratexia de intervención municipal e a un plan de traballo conxunto para avanzar cara a unha cidade libre de violencias machistas". "O Pacto Local será o que resulte do proceso participado da sociedade civil. Haberá uns obxectivos mínimos como o rexeitamento colectivo da violencia de xénero ou calquera outra violencia machista, así como considerar que estas son un indicador da existencia dun grave problema social que afecta a toda a cidadanía", comentou Fraga, que explicou que o pacto servirá para, a partir del, "impulsar iniciativas colectivas de prevención das violencias machistas". "Quixemos artellar isto dende un procedemento participativo para recoller ideas, necesidades e propostas concretas dos e das veciñas da cidade", engadiu.

A Coruña en negro contra as Violencias Machistas

Por outro lado, a concelleira de Igualdade e Diversidade avanzou, de cara ás actividades que terán lugar con motivo da celebración, o 25 de novembro, do Día Internacional contra as Violencias Machistas, que A Coruña se sumará á campaña En Negro contra as Violencias Machistas, xunto a Compostela --onde comezou esta iniciativa-- e 13 concellos máis como son Ames, Cangas, Carballo, Ferrol, Lugo, Poio, Pontevedra, Ribadeo, Sada, Sarriá, Teo, Tui, Vilalba e Zas. A acción iniciarase o 18 de novembro, e está principalmente ligada ao comercio de proximidade. Fraga explicou que esta campaña organizada polo Concello (e que conta coa colaboración de Gadisa e a Compañía de Tranvías) terá especialmente incidencia no ámbito comercial, no ámbito da hostalería e nos mercados municipais da Coruña. Non obstante, non só estará centrada no ámbito do comercio de proximidade, senón que tamén se levarán a cabo accións de visibilización contras as violencias machistas no ámbito dos deportes, no que participan até 21 entidades, asociacións deportivas e equipos da cidade, ademais do Real Club Deportivo da Coruña.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión