Concello da Coruña

Concello da Coruña

Type in Motion

A exposición Type in Motion mostra un completo panorama da escena creativa internacional presente nos medios de comunicación.

Cando:

Dende o 24/05/2012 ata o 23/09/2012

Xa rematou

Horario:

 Martes a domingo, festivos incluídos: de 12.00 a 14.00 e de 18.00 a 21.00 h.

Prezo:

Entrada gratuíta.

A fundación presenta, na súa sede da Coruña, a exposición Type in Motion organizada en colaboración co Museo de Deseño de Zúric. A mostra ofrece un completo panorama da escena creativa internacional presente hoxe en día nos medios de comunicación. Baseándose en obras experimentais onde a tipografía asume o protagonismo, a exposición aproxima ao público a visión de deseñadores novos que exploran os novos formatos con enxeño e imaxinación ampliando as nosas oportunidades de «ler o mundo».

Tanto nas nosas pantallas domésticas, grandes ou pequenas, ou no cine, a dixitalización da vida cotiá creou unha situación na que periodicamente nos enfrontamos con palabras ou frases enteiras que se moven diante dos nosos propios ollos. Facendo gala da súa intelixencia creativa, os deseñadores utilizan unha ampla gama de dispositivos para esta finalidade, chegando mesmo a converter textos completos en imaxes dinámicas. Desta maneira logran expandir a área visual de experiencia: recibimos unha gran cantidade de información nun espazo físico moi pequeno, divírtennos dunha forma sorprendente, ou anímannos a prestar máis atención ao que lemos. O ritmo dos textos a miúdo acompáñase de música ou sons.

Type in Motion mostra unha selección de vídeos musicais, películas publicitarias, curtametraxes, trailers, taboleiros de anuncios electrónicos e fachadas mediais, postais dixitais e logotipos de todo o planeta que nos introducen nun mundo de texto en movemento. A exposición tamén inclúe experimentos con fontes de imprenta, presentados na forma de instalacións interactivas, permitíndonos así albiscar o futuro.

ANUNCIOS

O feito de que o texto en movemento non adoita formar parte dun anuncio ou película publicitaria fai que o seu efecto sexa aínda máis sorprendente. Aínda que, e con bo criterio, o prioritario adoita ser a claridade da mensaxe, na película publicitaria dos cigarros “Gauloises Blondes” preséntasenos cada vez máis texto, ata o punto de facernos renunciar a seguir lendo, atafegados e divertidos por partes iguais. Outra alternativa é presentar cun texto para ler que se escoita en locución simultaneamente, é dicir unha voz sen presenza visual –un concepto publicitario moi apropiado tanto para libros [Dinge geregelt kriegen] como para a banca telefónica [First Direct], onde os clientes nunca se atopan cos empregados en persoa.

GRÁFICOS ANIMADOS

Naqueles gráficos animados que só duran uns poucos segundos, a utilización dunha tipografía impactante adquire enorme relevancia. A modo de exemplo pódense citar os títulos dos programas de televisión ou os tráilers das páxinas web das canles de televisión ou emisoras de radio, os cales deben establecer unha identidade visual no tempo máis curto posible. O mesmo pode dicirse das felicitacións de Ano Novo ou as invitacións para asistir a actos que se envían por correo electrónico na forma de animacións, ou son colgadas nunha páxina web.

ESPAZO PÚBLICO

As fachadas mediais que cobren edificios enteiros atraen a nosa atención cada vez máis debido ao seu continuo movemento e, moitas veces, aos seus cambios de cor. As súas mensaxes poden ser actualizadas e, cando sexa necesario, a rotación de textos permite alcanzar unha alta densidade de información nun espazo limitado. Unha alternativa para as grandes pantallas LED actuais, aínda que polo momento só en prototipo, sería o Solar Display [Pantalla solar] cos seus xigantescos píxeles de células solares que poden ser inclinadas, definindo así o aspecto visual do sistema á vez que fornece electricidade á pantalla.

VÍDEOS MUSICAIS

O texto en movemento dentro dunha imaxe en movemento moitas veces mantén unha estreita relación coa música. No caso dos vídeos musicais isto faise evidente de forma acústica e visual sobre todo nas letras das cancións que se len á vez que se escoitan, intensificando ambos os efectos e ás veces impulsándonos a cantar ao unísono. Dende o Subterranean Homesick Blues de Bob Dylan [1967], primeiro exemplo de vídeo dunha canción, no que no canto de cantar o músico deixa caer folios con fragmentos da letra da canción, ata os primeiros vídeos musicais de verdade dos anos oitenta, esta conexión non perdeu un chisco do seu evidente atractivo. Unha serie de videoclips de artistas como Prince, Alex Gopher, Non Doubt, Wir sind Helden, Kanye West ou Yello demostran que esta novidade chegou a todos os xéneros e estilos musicais.

CURTAMETRAXES

As curtametraxes son moitas veces experimentais. En Dialogue Judith Poirier imprimiu texto directamente sobre tiras de película de 16 e 35mm, bandas sonoras incluídas, polo que tanto a imaxe como o son veñen determinados polo texto. Mediante a utilización dunha densa montaxe de imaxe, fonte, palabra e son no seu ensaio fílmico The End of Print David Carson explora os límites da lexibilidade e ao mesmo tempo avoga, con ironía, polos medios dixitais. No vídeo musical The Child, do estudo francés H5, os personaxes, os obxectos e os edificios constrúense na súa totalidade con palabras. Na monumental curtametraxe de cinema negro Logorama os personaxes publicitarios animados móvense por un Los Ángeles ficticio, construído con centos de logotipos polo mesmo estudo.

LONGAMETRAXES

As longametraxes adoitan comezar cunha secuencia de títulos que, a través do seu contido e deseño, ponnos en sintonía coa obra en cuestión. O uso de texto en movemento permite presentar de maneira atractiva, e a miúdo divertida, o que moitas veces constitúe unha inxente cantidade de texto sobre as persoas que interveñen na creación da película e as súas respectivas funcións. Neste sentido, a película Catch Me If You Can [Atrápame si puedes] demostra unha particular elegancia narrativa: en retrospectiva, unha vez terminada a película, a secuencia de títulos resulta ser un breve resumo da historia contada.

Mais información en: http://www.fundacionbarrie.org/es/actividades/exposiciones/exposiciones-temporais/361-actividades-didacticas-type-in-motion

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión