Concello da Coruña

Concello da Coruña

Plossu "París: cartes de visite"

Un percorrido pola obra de Plossu e o seu inigualable rexistro de paisaxes insinuadas e suxeridas.

Cando:

Dende o 10/03/2014 ata o 11/04/2014

Xa rematou

Horario:

Luns a venres: 11.00 a 14.00 e 17.00 a 21.00 horas. Sábados con cita previa.

Enderezo:

Galería Vilaseco

Páxina web:

http://www.vilasecohauser.com

Na exposición de fotografías que a Galería Vilaseco Hauser dedica á obra de Bernard Plossu, destaca un conxunto de pezas relacionadas con París que chama a atención pola súa orixinalidade. Nunha época na que as mostras dedicadas á fotografía están presididas polo xigantismo das copias, pola tendencia ao muralismo, case ao valo anuncio, veña ou non a conto, o fotógrafo francés presenta unha colección de pequenos formatos que resulta moi reveladora. Trátase dunhas fotografías lixeiramente máis grandes que as clásicas "cartes de visite" un tipo de reprodución creada precisamente en París a mediados do século XIX por un dos pioneiros da fotografía, André Adolphe Disderi, convertido dende entón nun formato de referencia que contrastan coas dimensións habituais máis inclinadas á espectacularidade que ao intimismo. É un formato que na actualidade é unha curiosidade nas exposicións de fotografía, aínda que o caso do artista francés non sexa infrecuente atoparnos con pezas de tamaño reducido, como algunhas das presentadas ilustrando os poemas de Juan Manuel Bonet, na exposición Nord-Sud, que tan próxima me resulta.

Non é de estrañar que un fotógrafo como Plossu, no que a poesía e eses chamados “momentos feitos de nada” son os elementos máis destacables do seu traballo, escollese este formato discreto e en orixe destinado ao retrato, para recoller as imaxes do seu persoal paseo parisiense. Esta procura da elegancia, do primor diriamos ao Juan Ramón Jiménez, supón a renuncia á grandilocuencia e á retórica das imaxes ante a sinxeleza, pero tamén a submisión da técnica á representación e á lírica do instante, lonxe dunha obsesión tecnolóxica que nunca o condicionou.

Por medio de vinte e dúas tarxetas de visita lixeiramente ampliadas, Bernard Plossu móstranos unhas imaxes que nalgún casos poderían ser as de calquera cidade, pero que en realidade son de París, ou mellor, son a súa persoal visión de París, resultado dun percorrido temporal de máis de corenta anos nos que se desenvolven as diferentes etapas plossuianas. Dixemos nalgunha ocasión que Bernard Plossu non pode ser considerado un fotógrafo urbano ao uso, pois nin a súa mirada é estritamente documental, nin a súa ferramenta de traballo, un 50 mm, é a máis adecuada para unha mirada que adoita buscar o testemuñal, aínda que haxa traballos como o fotolibro Barcelona 1974 recentemente recuperado e publicado por Sd.Edicions, con estudo de Jacques Terrasa, que parecen desmentilo. En realidade, a mirada de BP que dá lugar a ese persoal “estilo sen procura de estilo” que caracteriza toda a súa obra e que o acompaña no seu perpetuo grand tour, aplícase á urbe e, como sucede neste caso, presenta os intereses esenciais do fotógrafo que aparecen despregados ao longo de toda a súa poética e que a definen.

O feito de que as fotografías reunidas agora na Galería Vilaseco Hauser, na que a máis antiga é de 1970 e a máis moderna deste ano 2013, teñan en común esa atmosfera Plossu que as aproxima, unido á reducida presenza entre elas de imaxes que poidan considerarse de referencia, de iconas mediáticas, permite falar dese “estilo sen estilo”, aplicado agora de forma orixinal á urbe. A reunión destas vinte e dúas obras suxire unha visión orixinal da cidade á vez elegante e delicada, que enlaza coa habitual poética do fotógrafo.

Pero a exposición confirma tamén que Plossu é máis un fotógrafo urbano que de cidades, pois as imaxes que recolle neste paseo parisiense de case medio século retratan momentos de poesía que suceden nun espazo que en moitas ocasións non ten todo o protagonismo. Esta idea da urbe como escenario sutil xa se revelou hai tempo, como mostran algunhas das súas imaxes sobre París incluídas nun libro de gran difusión que reúne traballos de diferentes fotografos, no que as obras de Plossu mostran un París persoal, poético e excepcional, que é o mesmo que o que aparece nestas "cartes de visite".

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión