Concello da Coruña

Concello da Coruña

Multiplicaos

A sala Humboldt mostra unha exposición dedicada á acuicultura na que se abordan cuestións como as especies que se poden cultivar, a perspectiva ambiental, a nutricional, ou aspectos culturais e sociais relacionados coa acuicultura. Trátase dunha produción propia, realizada polo equipo dos Museos Científicos Coruñeses do Concello da Coruña, e conta co patrocinio da Consellería do Medio Rural e do Mar (Xunta de Galicia).

Cando:

Dende o 18/03/2014 ata o 18/04/2014

Xa rematou

Enderezo:

Aquarium Finisterrae

A acuicultura é un tema que xa se contemplou nos inicios do Aquarium, cun módulo permanente na sala Maremagnum. A cuestión é quizais agora máis oportuna, xa que se están abordando na nosa comunidade proxectos privados de investimento, e cando dende diferentes institucións públicas se considera a acuicultura unha das máis importantes liñas de investigación e desenvolvemento. Galicia, ademais, é unha das rexións con maior relevancia neste sector. Non en balde, durante o ano 2011, producíronse 223.000 toneladas de mexillón, o que converte a España no segundo produtor mundial (China é o primeiro).

Con motivo da montaxe desta nova exposición, a sala Humboldt experimentou algunhas reformas, como a ampliación da súa entrada. Así, a exposición recibe os visitantes no vestíbulo de acceso á sala con dous elementos singulares. Un deles é un módulo dedicado ao cultivo do mexillón, cun prisma de 2 metros de altura cheo de cunchas deste molusco e diferentes elementos como unha colección de envases de conservas antigas cedidas polo Museo Anfaco da Industria Conserveira.

O outro elemento, quizais o máis emblemático e mesmo reflectido no título da exposición, é unha escultura dunha vaca decorada con motivos relacionados coa acuicultura. Facendo un paralelismo coa revolución que supuxo o desenvolvemento da agricultura e a gandería no Neolítico, nos nosos tempos a acuicultura representa outra revolución dos cultivos, neste caso mariños. Así, a vaca, un dos primeiros animais que se domesticaron naquela época antiga, terían o seu equivalente actual nos peixes e demais especies do mar obxecto da acuicultura.

O deseño que loce esta escultura saíu dun concurso no que foron convidados os escolares para enviar as súas propostas de decoración dunha vaca tan particular. Das 3.009 propostas recibidas de escolares de todas as idades e de numerosas localidades de toda Galicia, seleccionouse a presentada por unha estudante de 3º da ESO do IES Otero Pedrayo de Ourense. O seu deseño foi seleccionado por ser capaz de representar múltiples referencias da acuicultura, incluíndo dende perspectivas históricas ata tecnoloxías modernas, sendo capaz de conxugar conceptos con solucións de gran valor expresivo. Ela, xunto cos seus compañeiros de aula, foron convidados a asistir á presentación da exposición e a coñecer o Aquarium Finisterrae.

Outro dos aspectos que hai que destacar nesta exposición é a presentación nun dos acuarios da sala do resultado dun programa europeo de desenvolvemento e investigación sobre a cherna ou mero. O Aquarium Finisterrae traballou na reprodución desta especie dende o ano 2000. Na actualidade conseguíronse inducir postas de ovos e obtivéronse millóns de larvas. Aínda que a supervivencia en catividade destas larvas é moi difícil, algunhas conseguíronse desenvolver ata obter os primeiros alevíns desta especie nacidos en catividade no mundo.

Os contidos
No interior da sala Humboldt, a exposición presenta dez acuarios, dispostos no perímetro da sala, e tres elementos centrais que lembran a estrutura das bateas, onde se exhiben módulos interactivos e diferentes pezas expositivas. Os seus contidos discorren por tres ámbitos: a presentación (que inclúe un acuario na recepción do Aquarium, e o módulo dedicado ao mexillón e a escultura da vaca na entrada á sala), unha contextualización histórica, e a acuicultura contemporánea (onde se aborda a acuicultura en auga salgada e doce, a alimentación das diferentes especies, os ciclos biolóxicos, os impactos ambientais, e cuestións relacionadas co consumo humano de especies de acuicultura). Ademais, na parte posterior da sala creouse unha aula onde se desenvolverán actividades relacionadas coa educación ambiental e o consumo sostible de produtos mariños.

Os acuarios da exposición conteñen diferentes especies que son obxecto da acuicultura ou que teñen relación con esta actividade. O máis novo e singular é, se dúbida, un tanque xiratorio con diferentes compartimentos nos que se presentan alevíns de robaliza, linguado, rodaballo e lumbrigante. O visitante pode accionar unha manivela para que o acuario xire e observar cada un destes animais. O grande acuario que preside o fondo da sala está dedicado á chamada acuicultura multitrófica integrada, un sistema de produción que busca imitar os ciclos naturais; inclúe unha diversidade de especies mariñas, de tal modo que os produtos de refugallo dunhas son reciclados e utilizados por outras como fonte de alimento. Tilapias, anguías, lagostinos, orellas de mar, carpas e pangas son outras das especies que viven nos acuarios da exposición. E non falta un tanque dedicado á acuariofilia que aloxa peixes tropicais, cuxas paredes son transparentes para permitir observar todo o armazón de filtros e demais instalacións que precisa un acuario para funcionar.

Os módulos centrais, dedicados aos xogos interactivos, informáticos e vitrinas con pezas, presentan elementos como unha lupa na que se poden observar mostras de algas mariñas, un xogo que convida a descubrir qué especies do mercado son cultivadas e cales non, outro no que se describen os aspectos nutricionais do peixe, ou varios exemplares conservados de especies que son invasoras, como o cangrexo americano, o caracol mazá, ou a ostra xaponesa, exemplos do impacto ambiental que ocasiona a introdución de especies non autóctonas.

Como complemento da información que se presenta en cada módulo, incluíuse un sistema de lectura de códigos QR e chips NFC deseñados para utilizar con teléfonos móbiles. A través destes sistemas pódense descargar textos en diferentes idiomas e outros documentos para profundar nos temas tratados en cada unidade expositiva.

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión