A colección ‘Tempestade - Entretempo - Rexurdimento’, do alumno do IES de Monelos José Pazos Pérez, foi a gañadora da 14ª edición do Concurso de Fotografía Xurxo Lobato.
Para público en xeral
Dende o 08/07/2019 ata o 31/07/2019
Xa rematou
de balde
O concurso, dirixido ao alumnado de educación secundaria de Galicia e que organiza a Asociación de Amigos do Instituto de Monelos, pretende favorecer a promoción de novos valores que ven na fotografía un xeito de creación. Dende o seu inicio en 2004, este certame vén ocupando un posto destacado entre os eventos que promocionan a fotografía entre a mocidade galega, do que é boa mostra a elevada participación. Na presente edición, concorreron a este concurso fotográfico un total de 450 traballos de 191 participantes, dos que un 52% foron artistas mulleres.
No traballo gañador de José Pazos Pérez, o xurado valorou a orixinalidade, a boa realización, a capacidade narrativa e o rescate da estética postmoderna dos oitenta da colección de fotografías Tempestade - Entretempo - Rexurdimento.
O segundo premio foi para Douglas Bolivar, do IES Alfonso X o Sabio (Cambre); e o terceiro para Paula Sanchoyerto Rodríguez, do IES Castro de Baronceli (Verín). Así mesmo, foi premiada cunha bolsa Paula Pita Varela, do IES Monelos (A Coruña).
O xurado do concurso estivo presidido por Xosé A. Fraga Vázquez, presidente da Asociación de Amigos do Instituto Monelos; o secretario Marcos Sánchez, e vogais os expertos de arte e fotografía Rosario Sarmiento, Xosé Díaz Arias de Castro e Xurxo Lobato.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible