Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

22 de xaneiro de 2014

O dereito á educación presente na Carreira Popular Torre de Hércules

A ONG Entreculturas colocará un posto informativo na Carreira Popular Torre de Hércules o próximo 1 de febreiro na Coruña. É unha organización que apoia iniciativas que promoven a educación para os pobos máis desfavorecidos. www.entreculturas.org

Un dos lemas do circuíto municipal de carreiras populares Coruña Corre é “Correr é máis que correr”. Por iso ofrécese a posibilidade a entidades sociais, ONGs e diversos colectivos, para que aproveiten a ocasión e poidan levar a cabo accións pola súa causa, beneficiándose da visibilidade de cada unha das carreiras.

Entreculturas é unha organización vinculada aos Xesuítas que traballa pola educación e o desenvolvemento dos pobos, como dereito humano fundamental, como unha ferramenta privilexiada para conseguir a xustiza social. Entreculturas cre firmemente que educar é dar oportunidades e por iso apoia iniciativas que promoven a educación para os pobos máis desfavorecidos de América Latina, África e Asia.

En España realiza campañas educativas, de comunicación, investigacións, accións de presión política e financiamento de proxectos, todo iso encamiñado a sensibilizar a sociedade española respecto da necesidade de considerar a educación unha causa pola que vale a pena comprometerse. Neste marco, Entreculturas estará presente na Carreira Popular Torre de Hércules, cunha das súas campañas chamada “Silla Roja” www.lasillaroja.org, un asento vermello baleiro que alerta de todos eses nenos e nenas no mundo que ven privado o seu dereito á educación. É tamén unha alarma sobre a necesidade non só de acceso á educación, senón tamén a que esa educación sexa de calidade. A escolarización por si soa non basta.

Calcúlase que preto de 250 millóns de nenos e nenas en idade de cursar educación Primaria non saben ler, escribir, ou facer operacións matemáticas básicas; ben porque non teñen acceso á educación Primaria (é o caso de 57 millóns de nenos e de nenas), ben porque a abandonan cedo ou, porque a calidade é tan escasa, tan precaria, tan deficiente, que non adquiren as aprendizaxes básicas que lles permitirán desenvolverse na vida. Estas limitacións marcarán definitivamente as súas vidas condenándoos á exclusión social.

Convidámosvos a que pasedes polo posto de Entreculturas e poñades o voso gran de area polo dereito á educación.

Botóns sociais

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión