Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

23 de abril de 2014

O Concello supera os 2.850 atletas inscritos para as dúas carreiras de Coruña42

A Concellería de Mobilidade deseña un dispositivo especial con motivo da competición do próximo domingo para garantir a seguridade das persoas participantes e o uso de vías alternativas para os desprazamentos de condutores, peóns e buses urbanos

Os concelleiros de Deportes e de Mobilidade, Francisco Mourelo e Begoña Freire, respectivamente, presentaron esta mañá as últimas novidades do programa de actividades que se desenvolve con motivo do III Maratón Atlántica Coruña42 e a súa carreira paralela de 10 quilómetros, que se disputarán o vindeiro domingo, 27 de abril, polas rúas da cidade, e onde se produciu un récord de participación, ao acadar os 2.856 participantes. Ademais, o Concello preparou un dispositivo para garantir a seguridade das persoas participantes e facilitar o uso de vías alternativas para os desprazamentos tanto a pé como en vehículo particular ou en transporte público.

Francisco Mourelo destacou que os 2.856 corredores inscritos finalmente -1.134 no maratón e 1.722 na proba de 10 quilómetros-, aos que se suman medio cento anotados para o Campionato Galego, demostran que Coruña42 consolidouse nesta terceira edición como unha das grandes competicións do atletismo, non só a nivel autonómico senón tamén nacional.

O concelleiro de Deportes subliñou que o elevado número de participantes, preto dun 30% máis ca no 2013, contribúe a acadar o obxectivo marcado polo Goberno municipal de fomentar a práctica deportiva saudable. Mourelo lembrou o programa paralelo de actividades que se deseñou para facer máis atractiva a proba e achegar o atletismo a toda a cidadanía. Neste sentido, puxo como exemplo as tres masterclass organizadas con grandes atletas galegos como Andrés Díaz, Paula Mayobre, Yolanda Gutiérrez e Pedro Nimo.

Esta terceira edición do maratón, a ExpoRunning cambia de sede, trasladándose a Palexco, para lles ofrecer maior comodidade ás persoas participantes. Ademais, como grande apertura, proxectarase de forma gratuíta o documental "Fiz, puro maratón", que contará coa presenza de Martín Fiz. Todas estas accións, unidas a outras xa realizadas en anteriores edicións, como o programa de sostenibilidade e animación ou o ciclo de conferencias, volverán facer do Maratón Atlántica unha festa do deporte o próximo 27 de abril.

DISPOSITIVO DE SEGURIDADE

A concelleira de Mobilidade tamén presentou esta mañá o dispositivo de tráfico que se poñerá en marcha este domingo con motivo da realización do III Maratón Atlántica Coruña42. Begoña Freire explicou que o dispositivo articúlase para garantir a seguridade das persoas participantes e facilitar o uso de vías alternativas para os desprazamentos tanto a pé como en vehículo particular ou en transporte público.

O dispositivo durará oito horas, de 07.00 a 15.00 horas. Freire explicou que o circuíto estará completamente cerrado ao tráfico durante sete horas, de 08.00 a 15.00 horas. Os 42,195 quilómetros disputaranse nun percorrido de tres voltas de 14.065 metros cada unha, situadas na zona centro da cidade.

O percorrido será o seguinte: avenida de Montoto, avenida da Mariña, Obelisco, Cantón Grande, Cantón Pequeno, praza de Mina, Sánchez Bregua, praza de Ourense, Linares Rivas, Primo de Rivera, praza da Palloza, Casa do Mar; regreso por praza da Palloza, Primo de Rivera, Linares Rivas, Praza de Ourense, Sánchez Bregua, praza de Mina, Juana de Vega, praza de Pontevedra, Modesta Goicouría, virando á esquerda cara ao paseo marítimo (avenida Pedro Barrié de la Maza), Buenos Aires, praza de Portugal, Paseo de Ronda, rotonda do colexio das Esclavas, paseo marítimo, rotonda do Millennium; regresando polo paseo marítimo cara á rotonda de Labañou, San Roque de Afuera, Palacio de Deportes, praza de Portugal, Buenos Aires, Barrié de la Maza, Matadoiro, Domus, As Lagoas, Aquarium Finisterrae, Torre de Hércules; e un novo xiro de 180º cara á Casa dos Peixes, As Lagoas, Domus, Matadoiro, paseo marítimo, virando á esquerda por Modesta Goicouría, praza de Pontevedra, praza de Mina, Cantón Pequeno, Cantón Grande, Obelisco, Mariña, avenida de Montoto e rotonda de Porta Real. A meta estará situada na praza de María Pita.

Como consecuencia da proba, entre a praza de Ourense e Porta Real, o único viario posible para o tráfico -en ambos os sentidos- será a avenida Alférez Provisional. De Catro Camiños cara á praza de Ourense, non se poderá circular pola Palloza, Primo de Rivera e Linares Rivas. Ademais, habilitarase un carril para cada sentido de circulación dende Alfonso Molina (á altura do viaduto), Linares Rivas, praza de Ourense e Alférez Provisional, pegado ao porto. Tamén quedará cortado ao tráfico en ambos os sentidos as avenidas Montoto e a Marina, Cantóns, Juana de Vega, praza de Pontevedra, Modesta Goicouría, o paseo marítimo entre as glorietas da Torre de Hércules e do Millennium, Linares Rivas, praza da Palloza e Casa do Mar.

A concelleira de Mobilidade recomendou evitar na medida do posible o uso do vehículo particular entre as 08.00 e as 15.00 horas na zona centro da cidade e, en caso de necesidade, habilitarase:

  • Un carril para cada sentido de circulación na avenida de Linares Rivas, pegado ao porto, que conectará as avenidas de Alférez Provisional e Alfonso Molina.
  • O túnel da praza de Pontevedra-Juana de Vega en dobre sentido de circulación para turismos, bicicletas e motocicletas, de forma que se repón a circulación entre San Andrés-Francisco Mariño-Juan Flórez a través do paso subterráneo en ambos os sentidos cos seguintes itinerarios:

Itinerarios alternativos

 

Entrada á cidade

  • Dende Alfonso Molina cara á Cidade Vella e Monte Alto: Alfonso Molina, Linares Rivas, Alférez Provisional, con opción do túnel de María Pita ou o Paseo de Dársena.
  • Dende Federico Tapia cara ao Ensanche, Pescadería, Monte Alto e Cidade Vella a través do túnel da praza de Pontevedra, saíndo en Juana de Vega, e dende alí Durán Loriga para saír por Santa Catalina a San Andrés.
  • Dende a avenida de Finisterre cara ao Ensanche, Pescadería, Monte Alto e Cidade Vella: por Juan Flórez e no seu caso pola rúa Betanzos e dende aí cara a Francisco Mariño para entrar no túnel da praza de Pontevedra.
Saída da cidade
  • Cidade Vella e Monte Alto
    • Saída: por Alférez Provisional, Linares Rivas cara a Alfonso Molina (carril contrario habilitado).
    • Pola praza de España, túnel de María Pita, Alférez Provisional cara a Alfonso Molina.
    • Por Panaderas-Pórtico de San Andrés, rúa San Andrés, xiro á esquerda na rúa Huertas, Durán Loriga, túnel da praza de Pontevedra e Juan Flórez.
  • Dende Pescadería, rúa San Andrés, xiro á esquerda á rúa Hortas, Durán Loriga, Juana de Viga, túnel da praza de Pontevedra e Juan Flórez.
  • Dende o Ensanche: dende a praza de Ourense poderase circular por un carril cara a Alfonso Molina e por un carril de Primo de Rivera cara ás avenidas do Exército e da Pasaxe. Tamén por Juan Flórez.

Outras modificacións

  • Rúa Payo Gómez: saída pola praza de Pontevedra cara á Teresa Herrera, praza de Lugo, Padre Feijóo, praza de Ourense, Linares Rivas e Alfonso Molina.
  • Avenida de Rubine: única saída por praza de Pontevedra cara a Teresa Herrera, praza de Lugo, Padre Feijóo, praza de Ourense, Linares Rivas e Alfonso Molina.
  • Dende a avenida da Habana poderase circular cara a Rubine por un carril da avenida da Habana.
  • Á Torre de Hércules poderase acceder a través da glorieta de Adormideras.

AUTOBUSES URBANOS

Estes cambios na mobilidade que se producirán con motivo do maratón tamén implicarán, coma na anterior edición do 2013, modificacións no percorrido de 14 liñas do bus urbano (1, 1A, 2, 2A, 3, 3A, 4, 5, 6, 6A, 7, 11, 17 e 23A), así como nas paradas de taxis de Cantón Grande, Modesta Goicouría e Paseo de Ronda (fronte ao colexio das Esclavas), que se trasladan de maneira provisional a Santa Catalina e Entrejardines, avenida de Rubine e Manuel Murguía.

  • Todas as liñas que circulan pola praza de Pontevedra cara a Monte Alto desviaranse por Juan Flórez cara a San Pedro de Mezonzo.
  • Na zona de Catro Camiños, xunto ao resto de liñas que circulan dende Catro Camiños cara a Monte Alto, habilitarase unha parada provisional de buses urbanos para o transbordo de liñas e a articulación de buses lanzadeiras, dende as 07.00 horas e cada dez minutos, cara a Adormideras e Monte Alto. Para iso, impedirase o aparcamento de vehículos no paseo de Alexandre Bóveda, e entre San Pedro de Mezonzo e a fonte de Catro Camiños para destinalo ao aparcadoiro e transbordo dos buses urbanos.
  • Rotularanse estes buses con Servizo Especial Coruña42, Monte Alto-Catro Camiños, o que permitirá identificar tanto a excepcionalidade do servizo como o especial itinerario dos buses lanzadeira.

Percorrido dos buses lanzadeiras

  • Cara a Monte Alto: Catro Camiños, Castiñeiras, Alfonso Molina, praza de Ourense, Alférez Provisional, O Parrote, A Maestranza, Metrosidero, Orillamar, Adormideras, avenida de Navarra, Santo Tomás e avenida de Hércules.
  • Cara a Catro Camiños: avenida de Hércules, rúa da Torre, glorieta da praza de España, Baltasar Pardal, Millán Astray, Metrosidero, A Maestranza, O Parrote, Alférez Provisional, praza de Ourense, Alfonso Molina, fonte das Pajaritas e Catro Camiños.
Anexo: Servizo Extraordinario Autobuses Urbanos
  • Liña 1:
    • Pablo Iglesias, Castrillón, Monelos, Caballeros, estación de autobuses, Catro Camiños e parada provisional de San Pedro de Mezonzo. Transbordo a lanzadeira.
    • Regresará por Catro Camiños, Xeneral Sanjurjo, Ramón y Cajal, avenida do Exército, avenida dos Caídos e Pablo Iglesias.
  • Liña 1A:
    • Fará o seu percorrido habitual dende A Pasaxe ata Catro Camiños, onde transbordará ao servizo de lanzadeira na parada provisional de Mezonzo.
    • Regresará polo seu itinerario habitual cara á Pasaxe.
  • Liñas 2 e 2A:
    • Os Castros-Hospital de Oza, Xeneral Sanjurjo, Catro Camiños e parada provisional de Mezonzo. Transbordo a lanzadeira.
    • Regresará por Catro Camiños, Xeneral Sanjurjo e Os Castros-Hospital de Oza.
  • Liñas 3 e 3A:
    • San Pedro de Visma, Os Rosales, Cidade Escolar, avenida da Habana, Alfredo Vicenti, Juan Flórez, San Pedro de Mezonzo e parada provisional de Mezonzo. Transbordo a lanzadeira.
    • Regresará por Catro Camiños, Castiñeiras, Federico Tapia e Francisco Mariño, retomando en Juan Flórez o seu itinerario habitual cara a San Pedro de Visma.
  • Liña 4:
    • Fará o seu percorrido habitual ata Catro Camiños e parada provisional de Mezonzo. Transbordo a lanzadeira.
    • Regresará polo seu itinerario habitual cara ao barrio das Flores.
  • Liña 5:
    • Espacio Coruña, O Birloque, segunda fase, Xeneral Rubín, estación de tren, Capitán Juan Varela, praza de Monforte, Catro Camiños e parada provisional de Mezonzo. Transbordo a lanzadeira.
    • Regresará por Catro Camiños, Mezonzo, Marqués de Figueroa, estación de tren, Xeneral Rubín, Salgado Torres, O Birloque, e Espacio Coruña.
  • Liñas 6 e 6A:
    • Bens/San José/Nostián, avenida de Finisterre, Juan Flórez, Mezonzo e parada provisional de Mezonzo. Transbordo a lanzadeira.
    • Regresará por Catro Camiños, Castiñeiras, Federico Tapia e Francisco Mariño, recuperando en Juan Flórez o seu itinerario habitual cara a San José.
  • Liña 7:
    • O Ventorrillo, Ronda de Outeiro, Vila de Negreira, Gregorio Hernández, avenida da Habana, Alfredo Vicenti, Juan Flórez, San Pedro de Mezonzo e parada provisional de Mezonzo. Transbordo a Lanzadeira.
    • Regresará por Castiñeiras, Federico Tapia e Francisco Mariño, retomando en Juan Flórez o seu itinerario habitual cara ao Ventorrillo.
  • Liña 11:
    • Marineda, A Sardiñeira, estación de tren, Ronda de Outeiro, avenida de Arteixo, Pla y Cancela, Gómez Zamalloa, praza de Vigo, Francisco Mariño, Juan Flórez, Mezonzo e parada provisional. Transbordo a lanzadeira.
    • Regresará por Castiñeiras, Federico Tapia e Francisco Mariño, retomando en Juan Flórez o seu itinerario habitual cara á área comercial Marineda.
  • Liña 17:
    • CHUAC, Estrada da Pasaxe, Os Castros, Xeneral Sanjurjo, Catro Camiños e parada provisional de Mezonzo. Transbordo a lanzadeira.
    • Regresará por Catro Camiños, Xeneral Sanjurjo e Ramón y Cajal, retomando na avenida do Exército o seu itinerario habitual cara ao CHUAC.
  • Liñas 21 e 23:
    • Non sofren variación no seu percorrido habitual, aínda que se trasladará a cabeza de liña de Juana de Vega a Juan Flórez, número 10 (quedando así unificada coa parada da liña 23).
    • De regreso: Juan Flórez, San Pedro de Mezonzo, Catro Camiños e Xeneral Sanjurjo, retomando o itinerario habitual en Ramón y Cajal.
  • Liña 23A:
    • Dende Ramón y Cajal desviarase cara a Catro Camiños, Castiñeiras, Federico Tapia e Francisco Mariño, facendo cabeza de liña en Juan Flórez, número 10.
    • De regreso: Juan Flórez, San Pedro de Mezonzo, Catro Camiños e Xeneral Sanjurjo, retomando o itinerario habitual en Ramón y Cajal.
  • Non se prevén modificacións de itinerario para o resto das liñas da rede de buses urbano.
 

Botóns sociais

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión