Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

28 de marzo de 2024

O Concello reformará o Miradoiro de Santo Amaro e farao máis accesible

Renovaranse o pavimento e os pasamáns e instalarase un panel informativo sobre a historia da pasarela como antiga estrutura de canteira

O Concello da Coruña acometerá diversas melloras no Miradoiro de Santo Amaro co obxectivo de acondicionar o espazo e facelo máis accesible á cidadanía. A reforma súmase a outras actuacións postas en marcha polo Goberno de Inés Rey para mellorar os espazos de lecer de carácter turístico, como a renovación do Miradoiro de Bens ou a creación do Miradoiro dos Castros.

A estrutura de formigón de Santo Amaro, situada na contorna da praia de Santo Amaro, no barrio de Durmideiras, foi utilizada na súa orixe para retirar pedra da canteira existente na zona. Logo de perder a súa funcionalidade orixinal, déuselle un novo uso como pasarela peonil sobre o mar, retiráronse as vías existentes e instalouse o pavimento actual, e converteuse a vella estrutura nun miradoiro de interese turístico.

Pola súa exposición ás inclemencias meteorolóxicas e pola proximidade ao medio marítimo, o miradoiro presenta diversos defectos no pavimento da pasarela así como dificultades de accesibilidade, e permanece pechado na actualidade por cuestións de seguridade. Para o seu arranxo, o Concello levará a cabo a retirada completa do pavimento así como da subestrutura sobre a que se sustenta, que será totalmente renovada.

No caso do pavimento, o obxectivo é aproveitar entre o 75% e o 80% da superficie das táboas que o conforman mediante a súa restauración en taller, seguindo os principios de reciclaxe, reutilización e a xeración mínima de residuos. Unha vez instalado, procederase á súa limpeza e aplicación dun tratamento especial para o aspecto e protección da madeira. Ademais, tamén se restaurarán os pasamáns de madeira do mesmo xeito que o pavimento e instalarase no acceso á pasarela un cartel divulgativo con información histórica da praia de Santo Amaro e a antiga canteira que alí existía. 

O proxecto conta cun orzamento de máis de 20.000 euros financiados ao 90% con fondos Next Generation, no marco da liña de axudas concedidas por Turismo de Galicia para mellorar a accesibilidade e fomentar o turismo inclusivo no litoral.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión