Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

23 de decembro de 2016

A VII Carreira San Silvestre, "unha proba popular que fomenta o carácter lúdico sobre o competitivo", pechará o ano deportivo na Coruña o sábado 31

O día 25 de decembro pechará o prazo de inscrición da proba, que terá a súa meta na Praza de María Pita e na que, por vez primeira, poderán participar atletas desde os 14 anos

O próximo sábado, 31 de decembro, A Coruña acollerá a celebración da sétima edición da Carreira de San Silvestre, unha proba de carácter popular que porá o broche á ao ano deportivo. O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, salientou o "carácter lúdico e de celebración" desta cita co asfalto coruñés, que premia todos os anos os mellores disfraces das e dos atletas participantes. "A Coruña é unha cidade rica en actividade de todo tipo, tamén deportiva, e a San Silvestre supón unha ocasión de luxo para rematar deportivamente o ano", sinalou o concelleiro, "precisamente porque destaca o compoñente lúdico sobre o competitivo, e incide, así, nesa idea da práctica deportiva como hábito saudable que se fomenta e saúda desde este Goberno". Na proba, organizada polo Concello e o club Deportivo Rialto, poderán participar, por vez primeira, atletas desde os 14 anos, "dando así continuidade a toda a actividade deportiva para menores que se desenvolve, tamén, a través das categorías inferiores en probas do Circuíto Coruña Corre ou da tríade C10, C21 ou C42", argumentou o responsable municipal.

A proba partirá o sábado, 31, ás 17.00 horas do Obelisco, e o trazado levará ás e aos atletas a percorrer, durante 7.000 metros aproximadamente, os Cantóns, Juana de Vega, e o Paseo Marítimo até a entrada á Cidade Vella, á que accederán polas rúas Julio Portela Ceballos e Metrosidero. Desde aí pasarán por Maestranza, Porta de Aires, Amargura e Santiago, ata alcanzar a meta na Praza de María Pita tras cruzar Porta Real. "O noso obxectivo", explicou o organizador da proba, David Iglesias, aos medios de comunicación, "é ensinar as zonas máis emblemáticas da nosa cidade a todas aquelas persoas que participen na proba, e convertir un deporte fundamentalmente individual, como é o atletismo, nunha actividade colectiva".

A data límite para formalizar a inscrición a proba será o día 25 de decembro ás 23.00 horas --ou ata esgotar as 3.500 prazas da presente convocatoria--, e poderá realizarse a través das páxinas web www.championchipnorte.com ou www.sansilvestrecoruna.com. Ás 12.00 horas desta mañá, a lista de inscritos da sétima edición da San Silvestre supera as 3.245 persoas. A cota xeral é de 12 euros agás para as persoas posuidoras do chip amarelo --que permite a cronometraxe--, en cuxo caso só aboarán 10 euros. Tanto a recollida dos chips como dos dorsais poderá realizarse os días 29 e 30 de decembro, de 10.00 a 21.00 horas, no espazo deportivo Metropolitan La Solana. No caso que a persoa que participe na carreira non se poida achegar nestas datas ao recinto, deberá facilitar un documento acreditativo da súa identidade para que outra persoa poida recoller a equipación no seu nome. A organización sinala que, ao contrario das probas do Circuíto Coruña Corre, non se poderán retirar dorsais o mesmo día da carreira.

Unha vez finalice a carreira --o control pecharase 45 minutos despois da entrada do primeiro atleta--, procederase a entrega de premios e trofeos, que se destinarán ás tres primeiras persoas clasificadas de cada categoría, así como da proba absoluta, ademais dos xa tradicionais e específicos da proba, como son o mellor disfraz, tanto individual como colectivo.

Para máis información sobre a San Silvestre, pode consultarse o seu regulamento, dispoñible en www.coruna.gal/carreiraspopulares e www.sansilvestrecoruna.com

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión