Concello da Coruña

Concello da Coruña

Poetas di(n)versos outono 2014

As novas citas mensuais co mellor da poesía galega e do resto do mundo chegarán con autores dende Singapur ata Canadá pasando por México nunha ambiciosa programación trimestral.

Cando:

Os días 20/10/2014 ás 20:30 , 17/11/2014 ás 20:30 , 01/12/2014 ás 20:30

Xa rematou

Horario:

20.30 h

Enderezo:

Centro Sociocultural Ágora. Rúa Ágora. 15010 A Coruña

Prezo:

Libre ata completar a capacidade.

O ciclo POETAS DI(N)VERSOS continua a súa programación que encherá as próximas citas de outubro, novembro e decembro.

Deste xeito, a oferta poética dirixida pola escritora e dinamizadora cultural Yolanda Castaño e promovida pola Concellería de Cultura da Coruña, continúa mostrando algunhas das mellores voces da poesía actual tanto galega como do resto do mundo. E faino sempre en lecturas dobres, abertas e gratuítas, de aproximadamente unha hora de duración, realizadas mes a mes no Auditorio do Centro Ágora e conducidas pola propia Castaño, como sempre en luns e coma sempre ás 20.30 h.

POETAS DI(N)VERSOS é o único ciclo poético xornal de ámbito internacional en toda España, e foi galardoado recentemente co Premio da Crítica-Galicia á mellor Iniciativa Cultural.

POETAS DI(N)VERSOS regresará do parón estival por todo o alto: Alvin Pang, de expresión inglesa, un dos autores máis activos e significativos da escena actual en Singapur, compartirá escenario coa auténtica autora galega do momento: Berta Dávila. Será o próximo 20 de outubro. El é Premio Nacional das Artes e a Cultura do seu país, prolífico escritor cuxa obra foi traducida en parte a quince linguas e participante en festivais e publicacións importantes de todo o mundo. Ela é narradora e poeta, e o seu último poemario "Raíz da fenda" conseguiu o pasado ano un éxito de público e crítica sen precedentes: esgotando a primeira edición en menos dun mes e conseguindo a terceira en menos dun ano, á vez que recibía os premios da Asociación de Escritores en Lingua Galega e da Crítica Española. De maneira semellante, a súa última novela recibiu o Premio Repsol, o Ánxel Casal e o da Asociación de Editores á mellor autora do ano.

A cita de novembro será o luns 17 e constituirá unha proposta máis performática, da man do peruano Peru Saizprez e do ceense David Creus: versos levados a escena, para facernos reaccionar, reflexionar e mesmo testar o noso sentido do humor.

Finalmente, o luns 1 de decembro dúas escritoras con lexión de seguidores nos seus países mostrarannos como a poesía e a tradución son vasos comunicantes: Erin Moure dende o Canadá e María Reimóndez dende Lugo. Tradutora tanto de Rosalía de Castro como de Chus Pato, a anglófona Moure é unha das autoras canadenses máis singulares, e as orixes galegas da súa familia levárona a abrazar a nosa lingua como unha noticia e querida vía de expresión. Por outra banda, a novelista, ensaísta e poeta Reimóndez é tradutora de profesión, e traballou nas edicións galegas de Moure. A escritora feminista e fundadora da ONG "Implicadas no desenvolvemento" publicou o pasado ano nin máis nin menos que tres libros de poesía, e tamén foi a última gañadora dos premios Xerais de Novela e La Voz de Galicia de Novela por entregas.

O ciclo seguirá facendo unha decidida aposta polas librerías de barrio, que poñerán á venda en cada acto os títulos dos e das protagonistas. As persoas asistentes poderán levar, así, sinaturas dos autores nos exemplares dos seus libros. Os novos retallos constituirán máis ocasións de establecer entre lectores/as e poetas un contacto directo, humano e cheo de emoción.

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión