9 de febreiro de 2010
O Concello impulsa a creación dun novo pulmón verde e de diversos servizos para os veciños da Agra e contorna
Un edificio para múltiples usos e un aparcadoiro completarán a dotación do novo parque da Agra, que o Concello impulsa para modernizar e renovar a imaxe do barrio da Agra do Orzán e dotar de máis servizos aos veciños. Así, ademais de contar cunha grande área verde, os coruñeses contarán cunha nova instalación municipal que albergará unha escola infantil, un centro de día, un viveiro de empresas e a Casa das Mulleres.
A aposta do goberno municipal por este novo pulmón verde da cidade demóstrase ao convocar o concurso público para elaborar o proxecto básico desta infraestrutura. A proposta que resulte seleccionada deberá redactar o proxecto aos tres meses da sintura do contrato e, a continuación, sacaranse a concurso as obras, que transformarán a imaxe do barrio da Agra.
Este proxecto está financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Regional (FEDER), no marco da iniciativa URBANA do eixe 5 de Desenvolvemento Local e Urbano do Programa Operativo Rexional de Galicia.
O plan urbanístico do parque da Agra desenvolverase sobre unha superficie total de 31.814,45 metros cadrados e ten como obxectivo favorecer a construción dun gran parque, así como completar a apertura das vías de comunicación e ordenar a edificación na contorna do coñecido como Campo da Burra e nunha área delimitada polas rúas Gregorio Hérnández, avenida de Peruleiro, Camino del Pinar, rúas Páramo, Canceliña e Almirante Mourelle. En definitiva, apóstase por un urbanismo que buscar crear lugares de encontro e convivencia. O novo pulmón verde da Agra ocupará máis de 14.000 metros cadrados.
Escola infantil
O edificio para múltiples usos do parque da Agra estará situado nunha parcela de máis de 2.800 metros cadrados, na zona máis elevada do ámbito. Contará cunha escola infantil, con capacidade para 82 alumnos e un total de 6 aulas, cun patio exterior de xogos. Está previsto que na planta inferior se faga unha área de recepción e unha área de actividade coas aulas para bebés de 0 a 1 ano.
Na planta superior estarán as áreas de administración e arquivo, sala de usos múltiples e as aulas para nenos de 1 a 2, e de 2 a 3 anos. En total, a gardaría ocupará 837 metros cadrados.
Centro de día
O proxecto do parque da Agra establece que o centro de día terá unha comunicación fácil co exterior e cos espazos libres circundante. O acceso será independente e apropiado para a tipoloxía de usuarios, polo que se prevé unha zona de aparcamento reservado para transporte adaptado e un ascensor, ademais dunha zona exterior nunha praza pública interior. Estará situado na segunda planta.
Os servizos do centro de día serán: atención persoal, consulta médica, sala de curas, sala polivalente (sala de estar, de xogos, de terapia ocupacional,...), sala de rehabilitación, comedor, baños asistidos, cociña, vestiarios, lavandería. En total, 837 metros cadrados para un centro que completará a dotación asistencial na cidade.
Viveiro de empresas
O Concello creará o Centro Municipal de Promoción e Desenvolvemento Empresarial , cumprindo co seu compromiso para o fomento do emprego e para favorecer a creación de empresas na cidade.
O centro ocupará as plantas terceira e cuarta do edificio multiusos do Parque da Agra e contará cunha área de recepción e administración, áreas de actividade e espazos auxiliares.
A dotación das áreas de actividade é a seguinte: sala de reunións, auditorio e sala de conferencias para 150 persoas, aulas de informática, arquivo e espazos modulares para albergar un mínimo de 20 viveiros e facilitarlles aos emprendedores un espazo no que desenvolver os seus proxectos.
Casa das Mulleres
O goberno municipal creará a Casa das Mulleres no parque da Agra co obxectivo de ofrecer un servizo integral, de información e asesoramento á muller. Entre outros servizos, ofrecerá consultoría e asesoramento xurídico, psicolóxico e xestións vinculadas á conciliación da vida laboral e familiar.
O proxecto contempla crear o Centro de Documentación "Filomena Dato", cun fondo bibliográfico, unha sala para consultas e unha sala de consulta especializada que podería acoller presentacións de libros e actividades de grupos de lectura. Tamén haberá unha zona de medios, para a divulgación, con postos informáticos, un equipo de redacción e posta en funcionamento dunha radio propia "Igualdade Coruña".
Tamén se reservan zonas para un espazo asociativo e estudantil e para a atención á infancia para o coidado de menores.
Aparcadoiro
O concurso que abriu o Concello para elaborar o proxecto básico desta actuación tamén comprende a creación dun aparcadoiro no subterráneo do edificio multiusos do parque da Agra.