Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

14 de maio de 2014

Mobilidade e Stop Accidentes asinan un convenio para ampliar a rede de camiños escolares e realizar novas campañas de seguridade viaria

A concelleira Begoña Freire destaca que o PMUS consolida o fomento da mobilidade sostible e segura na Coruña

O Concello da Coruña, a través da Concellería de Mobilidade e Tráfico que dirixe Begoña Freire, informou do novo convenio con Stop Accidentes para impulsar a creación de novos camiños escolares e desenvolver novas campañas de sensibilización e concienciación para mellorar a seguridade viaria na cidade.

O convenio enmárcase na liña de colaboración que xa mantén o Concello con Stop Accidentes durante estes anos, desenvolvendo accións conxuntas en materia de seguridade viaria e mobilidade sostible. O obxectivo é impulsar novas medidas e accións, achegando de forma construtiva e con sentido común. "Teño que lle agradecer á delegada de Stop Accidentes a súa implicación e a dos seus colaboradores nas accións que levamos a cabo, na organización e nos eventos da Semana Europea da Mobilidade, nas diferentes campañas de concienciación e sensibilización, e na posta en marcha dos camiños escolares, ademais do Plan de Mobilidade Urbana Sostible, o primeiro PMUS co que conta esta cidade", destacou a responsable municipal.

A concelleira de Mobilidade e Tráfico, Begoña Freire, e a delegada en Galicia de Stop Accidentes, Jeanne Piccard, rubricaron un convenio de colaboración que ratifica o compromiso do Goberno municipal e desta asociación na súa aposta pola formación e a educación da sociedade en materia de seguridade viaria, fomentando a mobilidade sostible e segura dentro do termo municipal da Coruña.

Begoña Freire explicou que o novo convenio con Stop Accidentes inclúe a organización e participación en campañas de difusión e promoción da seguridade viaria e a mobilidade sostible a través de actuacións formativas e informativas, así como accións lúdico-culturais -como exposicións, talleres ou xogos- que se desenvolverán ao longo deste ano na Coruña.

A responsable municipal de Tráfico e Mobilidade destacou que unha das principais iniciativas que xa se está desenvolvendo con Stop Accidentes é a creación de camiños escolares nos colexios de Educación Infantil e Primaria (CEIP), que ademais está apontoada nas propostas do PMUS. Tras o éxito que se acadou no 2013 co proxecto piloto do colexio Concepción Arenal, está a ampliarse a rede de camiños escolares, que agora chegará a colexios situados en 5 dos 10 distritos da cidade.

A partir de setembro deste ano, sumaranse á Asociación de Nenos e Nenas Camiñantes da Coruña (ANCAS), novos alumnos dos barrios de Sagrada Familia, Os Mallos, A Grela, Catro Camiños, A Cubela, Monelos, Os Castros, Juan Flórez ou A Falperra. En concreto, xa se traballa cos colexios San Francisco Javier, Wenceslao Fernández Flórez, Sagrada Familia e Labaca.

A concelleira explicou que a implantación estase facendo de forma que quede consolidada en cada colexio co que se traballa, de forma meticulosa e con traballo previo cos nenos, nenas e os seus titores, polo que a colaboración de entidades sen ánimo de lucro como Stop Accidentes é vital, así como a de todo o persoal docente e comunidade educativa en xeral, a das familias, de veciños e de comerciantes que locen un distintivo no seu establecemento que os identifica como puntos de seguridade.

O Concello proporciona 20.000 euros para o desenvolvemento de todas as accións que se inclúen para este ano no convenio asinado con Stop Accidentes, unha entidade coa que o Goberno municipal colabora de forma moi activa pola coincidencia de obxectivos cara á mobilidade sostible que, como lembrou a concelleira, non se entende sen seguridade.

OUTRAS ACCIÓNS

Este ano realizáronse 40 talleres de 2 sesións cada un, coa participación de máis de 1.000 alumnos, e que teñen por finalidade preparar os nenos e nenas como membros da Asociación de Nenos e Nenas Camiñantes da Coruña.

Nos talleres trabállase a sensibilización, observación, análise do percorrido escolar, a percepción dos riscos, a seguridade, a sostenibilidade e a implicación; de forma que todos aprenden a utilizar e interpretar os símbolos que se dispoñen nos camiños que os levan da súa casa ao colexio e tamén de regreso.

Tamén se realizan enquisas de mobilidade para organizar os itinerarios, execútanse estes, elabórase o material gráfico e informativo asociado e lévanse a cabo reunións cos titores, co fin de explicarlles os percorridos, e organízanse os grupos de voluntarios que serán os guías dos camiños, garantíndose así a implicación dos colaboradores e sostenibilidade económica do procedemento.

A concelleira lembrou que é imprescindible a colaboración e implicación de todas as persoas para conseguir unha cidade máis viva, na que os máis pequenos recuperen o seu espazo vital na cidade, e que tamén son moi importantes as campañas de mellora da seguridade viaria.

Neste sentido, Begoña Freire lembrou as campañas postas en marcha contra os estacionamentos indebidos, co obxectivo de lograr espazos seguros de mobilidade para peóns; mellorar o coñecemento sobre os accidentes dos peóns e a súa mobilidade; e facer chegar a peóns e condutores a responsabilidade dos seus dereitos pero tamén das súas obrigas.

A última campaña posta en marcha en marzo centrouse na ocupación indebida dos pasos de peóns, paradas de autobús, invasión de ramplas de beirarrúas e outros puntos vitais para a mobilidade segura das persoas. A concelleira lembrou a especial colaboración dos nenos e nenos de ANCAS, na que os máis pequenos convertéronse por uns días en policías locais, que avisaron os condutores das posibles infraccións que cometen, repartindo 5.000 folletos nos parabrisas dos seus vehículos.

Mediante o convenio asinado, Stop Accidentes seguirá colaborando noutras campañas, por exemplo, dirixidas ás persoas maiores ou nas campañas de difusión do PMUS Barrio a Barrio, orientadas ao cumprimento dos obxectivos do Plan de Mobilidade Urbana Sostible.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión