Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

11 de marzo de 2014

Freire presenta unha nova campaña de educación viaria protagonizada por nenos e nenas en colaboración con Stop Accidentes

Flores destaca que a primeira campaña de vixilancia e control da Policía Local sobre estacionamentos indebidos en zonas reservadas finalizou con 928 vehículos sancionados

O tenente de alcalde de Seguridade e Mobilidade, Julio Flores, acompañado pola responsable de Tráfico, Begoña Freire, e a delegada de Stop Accidentes, Jeanne Picard, presentou esta mañá unha nova campaña de concienciación sobre educación viaria: "Nesta nova campaña centrada en estacionamentos indebidos teremos como aliados os máis pequenos, que se converterán por uns días en policías locais que avisarán os condutores das posibles infraccións que cometan", avanzou Freire.

Tal e como explicou a concelleira, nesta iniciativa participarán os escolares da Asociación de nenos e nenas camiñantes da Coruña (ANCAS) que utilizan o camiño escolar do centro Concepción Arenal, xunto cos seus monitores e voluntarios de Stop Accidentes: "Estes axudantes da Policía Local levarán unhas tarxetas que simulan unha multa nas que marcarán a norma que o infractor incumprise. Trátase de sensibilizar a cidadanía sobre a necesidade de respectar as normas de circulación e tráfico, co fin de evitar trastornos aos usuarios máis vulnerables: os peóns".

Freire lembrou que aparcar nas beirarrúas, en vaos ou ramplas peonís obstaculiza e impide que as persoas poidan transitar de forma segura; aparcar en dobre fila próximo ou encima de paso de peóns é unha conduta insolidaria que impide a visibilidade de peóns e condutores e pode provocar atropelos e accidentes; e aparcar en zonas destinadas a outros usuarios como carga e descarga, persoas con mobilidade reducida ou motos, dificulta o dereito doutras persoas para utilizar estes espazos reservados.

"Esta campaña, que se realizará dende o luns 17 de marzo ata finais de mes, tamén ten como obxectivo lograr espazos seguros de mobilidade para peóns; mellorar o coñecemento sobre a accidentalidade dos peóns e a súa mobilidade; e facer chegar a peóns e condutores a responsabilidade dos seus dereitos pero tamén das súas obrigas: respectar os demais usuarios da vía pública porque todos somos peóns e condutores", asegurou a concelleira e engadiu: "Implicando os nenos e as nenas nesta tarefa colaboramos na súa formación para que se convertan en usuarios responsables e tamén os convertemos na voz da conciencia dos adultos".

Esta nova iniciativa enmárcase dentro das campañas de concienciación e sensibilización que contempla o PMUS e que foi unha das demandas máis repetidas por cidadáns e colectivos que participaron na súa elaboración. "O 34,5% das denuncias efectuadas pola Policía Local correspóndense coa realización de estacionamentos indebidos, polo que se formulan campañas divulgativas que incidan nas consecuencias negativas de non cumprir as normas de tráfico, como a maior lentitude do transporte público e as situacións de risco tanto para peóns como para usuarios de bus ou doutros vehículos", sinalou Freire.

CAMPAÑA ESPECIAL DA POLICÍA LOCAL

Flores informou dos resultados da primeira campaña especial de control de estacionamentos indebidos en zonas reservadas, que tivo por obxectivo concienciar a cidadanía da necesidade de respectar as normas de circulación e previr malos hábitos que afectan a catro tipos de infraccións: zonas reservadas a paradas de autobús, zonas de estacionamento de motocicletas, zonas de carga e descarga, así como prazas reservadas a persoas con diversidade funcional e mobilidade reducida.

Esta campaña, desenvolvida do 27 de xaneiro ao 24 de febreiro, finalizou con 928 vehículos sancionados por estacionamento indebido, o que supón triplicar a cifra do mesmo período do ano anterior. Do total de vehículos sancionados, a Policía local considerou necesario retirar 145 co guindastre debido a que causaban un trastorno importante nestas zonas de estacionamento reservado.

Da análise por tipo de zona reservada pódese comprobar como se incrementaron de forma significativa as infraccións en zonas reservadas a carga e descarga (428 no 2014, fronte a 99 no 2013), en paradas de bus urbano (372 no 2014, fronte a 137 no 2013) e en zonas reservadas para aparcamento de motos (56 no 2014, fronte a 1 no 2013). Polo que respecta ás zonas reservadas a discapacitados, o nivel de incumprimento detectado pola Policía local foi menor que no resto de zonas reservadas (72 no 2014, fronte a 43 no 2013).

"Non son bos datos porque é evidente que o que se busca é que cada vez haxa menos sancións", indicou Flores, que sinalou: "Se analizamos os niveis de intensidade de tráfico urbano, pódese concluír que a maioría dos condutores son respectuosos coas normas de circulación, pero aínda hai un longo camiño por percorrer para lograr a concienciación de todos os condutores e lograr así a redución do número de sancións. En consecuencia, a vixilancia e control de estacionamentos indebidos nestas zonas reservadas continuará ao longo do ano como tarefa rutineira, tanto no traballo da Unidade de Tráfico como na Policía de barrio".

Flores finalizou lembrando que a Policía Local continúa colaborando coas campañas especiais da Dirección Xeral de Tráfico, que entre o 10 e 16 de marzo centrarase na vixilancia e no control do uso do cinto de seguridade e os sistemas de retención infantil, e continuarase desenvolvendo unha serie de dispositivos propios encamiñados a reforzar o cumprimento das ordenanzas municipais e as normas de circulación. "A Policía Local comezará a segunda campaña especial de control de estacionamentos indebidos do 24 de marzo ao 30 de abril e centrará o seu traballo nos estacionamentos indebidos nas esquinas das rúas, a dobre fila próxima aos pasos de peóns, os vehículos que aparcan diante dos colectores de lixo e os que ocupan os illotes afectando á visibilidade de condutores e peóns", indicou.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión