18 de decembro de 2015
A Concellaría de Igualdade e Diversidade, con motivo do Día Internacional das Migracións e das persoas migrantes, ten una lembraza especial das persoas que este ano perderon a vida ou desapareceron mentres trataban de chegar a outro destino en procura de oportunidades de vivir ao amparo dos seus dereitos humanos.
O Concello da Coruña súmase a esta conmemoración como parte do seu compromiso político cun modelo de desenvolvemento centrado nas persoas, os dereitos humanos e o principio da igualdade de xénero, ingredientes necesarios para unha cidade inclusiva e acolledora en Igualdade. Ademais, resulta imprescindible tomar en consideración que as relacións de xénero determinan (e son determinadas por) cada paso do ciclo migratorio; e isto refírese non só ás decisións tomadas nos fogares e núcleos de convivencia, senón tamén a nivel comunitario e institucional. .
Coa adhesión da Coruña á rede de ‘cidades-refuxio’ reafirmouse o compromiso político deste goberno municipal coa necesidade de dar unha resposta institucional ante a crise humanitaria que estamos a vivir e as situacións de extrema vulnerabilidade que afectan a persoas migrantes e que, en certo sentido, agrávanse como efecto das leis de estranxeiría españolas e a construción legal e social que provoca de confrontación entre «inmigrantes irregulares» e «inmigrantes regulares». Tampouco axuda a falta de regulamento da Lei de Asilo do 2009 ao provocar unha confusión permanente e unha demora inxustificada na seguridade e garantía xurídica de quen solicita asilo.
Neste sentido, o traballo que se realiza desde a Concellería de Igualdade e Diversidade pretende cambiar a narrativa sobre a migración, poñendo en valor a diversidade e as moitas maneiras nas que as persoas migrantes contribúen a enriquecer os valores da cidade da Coruña, como sociedade anfitrioa.
Por todo iso, hoxe, 18 de Decembro de 2015 queremos lembrar especialmente ás persoas que este ano perderon a vida ou desapareceron mentres trataban de chegar a outro destino en procura de oportunidades de vivir ao amparo dos seus dereitos humanos; e tamén hoxe facemos unha chamada á cidadanía e institucións para que asuman como propios os obxectivos cos que este goberno municipal xa se comprometeu:
- A protección dos Dereitos Humanos das persoas migrantes –con especial atención aos/ás menores-
- A necesidade de erradicar a explotación e trata de quen ten que emigrar dos seus países de orixe.
- A importancia de reforzar as políticas de igualdade e os dereitos das mulleres.
- O compromiso de fomentar a convivencia intercultural desde o principio de igualdade na diversidade.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible