Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Ayuntamiento de A Coruña/Concello da Coruña

Cando:

6 de outubro de 2016

O Concello establecerá un dispositivo especial de tráfico este domingo no Paseo Marítimo pola carreira Coruña10

A Carreira Popular Coruña10 celebrarase no Paseo Marítimo

A décima edición da proba, que comezará ás 10.30 horas da mañá, provocará o corte total da circulación entre as 10.00 e as 12.00 horas da mañá entre a glorieta do Millennium e a da Torre de Hércules. As liñas de transporte público urbano 3, 3A, 4, 6, 6A, 7 e 11 verán afectado o seu itinerario habitual durante a carreira.

A Carreira Popular Coruña10, que celebra este ano a súa décima edición, celebrarase este domingo, 9 de outubro, na enseada do Orzán. As e os atletas da categoría absoluta tomarán a saída ás 10.30 horas, e percorrerán o Paseo Marítimo, desde o Millennium ata a Torre de Hércules ata alcanzar a meta fronte ao Pazo dos Deportes de Riazor, mentres que desde as 11.30 ata as 13.00 horas terán lugar as carreiras de menores na contorna do recinto deportivo municipal. Así, co gallo da realización desta proba, o Concello da Coruña despregará un dispositivo especial de tráfico na mañá do domingo, desde as 07.30 horas ata as 13.30 horas, que velará pola seguridade das e dos deportistas, e permitirá que a cidadanía poida empregar tanto o transporte público urbano como os seus vehículos nos seus desprazamentos.

Os primeiros cortes produciranse ás 07.30 na avenida da Habana á altura da Praza de Portugal, na que se desviará o tráfico cara a avenida Calvo Sotelo e Manuel Murguía ata as 12.00 horas. Este roteiro manterase para a circulación cando se produza o corte total no Paseo Marítimo, á altura da zona da antepraza do Pazo Dos Deportes de Riazor, fronte o Playa Club, desde as 08.30 ata as 13.30 horas, espazo no que estará situada a meta da Coruña10. Para permitir a circulación, manterase operativa a glorieta das Esclavas, agás cando se produza o corte total na cortorna do estadio municipal de Riazor --avenida da Habana, Paseo de Ronda, Manuel Murguía-- na saída da caarreira, entre as 10.25 e 10.35 horas.

Unha hora antes do comezo da proba, desde as 09.30 horas e ata as 13.30 horas, realizaranse distintos cortes no Paseo Marítimo, na zona do Paseo de Ronda e Manuel Murguía, no que se desviará o tráfico por Almirante Eulate cara Julio Rodríguez Yordi e por Almirante Lángara ata María Luisa Durán Marquina. O corte total de tráfico producirase de 10.00 a 12.00 horas, e terá lugar entre a glorieta da avenida de Gerardo Porto coa Ronda de Outeiro --xunto ao Obelisco Millennium-- e a da Torre de Hércules en ambos sentidos da circulación, manténdose a conexión da rúa Sol con Hospital para o paso do autobús urbano.

Durante a mañá do domingo tamén se verán afectadas as distintas zonas de estacionamento que se atopen ao longo do percorrido. A este respecto, non se permitirá estacionar desde as 08.00 horas do sábado 8 ata a finalización da proba o domingo. O día 9, desde as 08.00 horas, tampouco poderá estacionarse na avenida de Navarra, 63 --fronte ao restaurante Roma II--, e a partir das 09.30, ata as 12.00 horas, estará prohibido desaparcar dos tramos nos que transcorra a proba.

Modificación das liñas de autobús

As liñas 3, 3A, 4, 6, 6A, 7 e 11 verán afectado o seu itinerario pola celebración da proba. Así, desde as 07.30 horas, as liñas 3, 3A e 7, no lugar de circular por Manuel Murguía e avenida de Buenos Aires, farano pola avenida da Habana, praza de Portugal, Alfredo Vicenti e praza de Pontevedra.

No momento do corte total ao tráfico no Paseo Marítimo, a partir das 10.00 horas, e ata que se abra de novo ao tráfico o circuíto, as liñas 3A, 4, 6, 6A e 11 --que habitualmente saen ao mesmo pola rúa Alta-- pasarán a transitar por San Andrés, Sol, Hospital, Campo da Leña e San Amaro. Neste punto, a liña 3A continuará cara Adormideras, as liñas 4, 6, e 6A retomarán o seu itinerario habitual cara a avenida de Hércules e a liña 11 circulará pola avenida de Navarra e ronda de Monte Alto para incorporarse ao seu itinerario habitual na glorieta de Alcalde Sanjurjo de Carricarte con avenida de Hércules. Pola súa banda a liña 3, no sentido de circulación de Adormideras cara a praza de Pontevedra, ao non poder transitar polo Paseo Marítimo regresará pola avenida de Navarra, rúa Torre, Campo da Leña, Panaderas e San Andrés.

A previsión de apertura das 12.00 horas do tráfico entre a glorieta das Catalinas e a Torre de Hércules, permitirá que as liñas que circulan polo tramo recuperen o seu itinerario habitual, se ben o comprendido entre a Casa del Agua e a praza de Portugal permanecerá pechado ata despois das 14.00 horas, unha vez finalicen as probas e entregas de premios.




 

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?