Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

18 de marzo de 2016

O Campión do Mundo de Maratón, Abel Antón, participará na carreira paralela de 10 quilómetros que tamén se celebrará o 17 de abril

Coruña42 presenta o percorrido desta edición, de tres voltas á beira do mar e que finalizará na praza de María Pita

A proba amplía o primeiro prazo de inscrición até o día 31 de marzo e que poderá realizarse a través de internet ou de forma presencial desde o día 22

Un mes antes da súa celebración, o vindeiro 17 de abril, o Maratón Atlántica Coruña42 presenta o seu percorrido. A proba, organizada polo Servizo Municipal de Deportes coa colaboración da Federación Galega de Atletismo, coincidirá co Campionato de Galicia Absoluto e de Veteranos da distancia, e pertencerá ao calendario estatal da Real Federación Española de Atletismo. Coruña42 contará este ano cun circuíto situado no centro urbano da cidade cunha distancia de 42.195 metros homologada pola Real Federación Española de Atletismo. O trazado, que terá a súa saída ás 08.30 horas no Cantón Grande, percorrerá o litoral da enseada do Orzán, desde o Aquarium até Riazor, para dirixirse cara á zona do porto coruñés, onde as e os atletas correrán á beira do mar entre Oza e Autoridade Portuaria, até volver aos Cantóns. Serán tres voltas en total a este trazado, de 14.000 metros cada unha, as que conformarán o circuíto. Unha vez finalizadas as tres voltas, a cola de meta pasará por Autoridade Portuaria, Avenida da Marina, de Montoto e Porta Real até chegar á meta, situada un ano máis na Praza de María Pita.

Seguindo as normas da Asociación Internacional de de Federacións de Atletismo, instalaranse ao longo do percorrido postos de auga a partir do quilómetro 5 e aproximadamente cada 5.000 metros, e haberá postos de avituallamento sólido a partir do 10 km. Coma en todas as carreiras organizadas polo Servizo Municipal de Deportes, quen desexen empregar un avituallamento propio deberán entregalo á Organización ata unha hora antes da saída da proba, debidamente pechado e marcado co seu número de dorsal e punto quilométrico onde queira atopalo.

Todas aquelas persoas interesadas en participar no Maratón poderán formalizar a súa inscrición a través da web www.carreirasgalegas.com Neste sentido, a Concellería de Deporte vén de ampliar o primeiro tramo do prazo de inscrición, no que a cota é de 25 euros até o 31 de marzo, ou ata acadar as 1.500 inscricións. O segundo tramo habilitarase do 1 ao 10 de abril, no que o importe subirá até os 35 euros. Finalmente, os días 11 e 12 de abril, abrirase un prazo extraordinario de inscrición, no que a cota de participación será de 50 euros. Co obxectivo de facer máis accesible a participación en Coruña42, o Servizo Municipal de Deporte lembra que haberá bonificacións do 50% na cota de inscrición para persoas desempregadas, posuidoras do carné xove ou maiores de 65 anos, que deberán solicitar no momento de formalizar a inscrición. O prazo para enviar a documentación acreditativa rematará co peche do segundo prazo de inscrición, ás 24.00 horas do 10 de abril.

Desde o vindeiro martes 22, ademais, abrirase a inscrición presencial para participar no Maratón. Esta poderá realizarse nos departamentos de deportes dos centros comerciais El Corte Inglés da Coruña (Ramón y Cajal e Marineda City), Compostela e Vigo até as 22.00 horas do 9 de abrilPor outra banda, todas e todos os atletas que queiran participar no Campionato Galego, cuxa inscrición será gratuíta para quen posúa licencia da FGA debidamente dilixenciada, terán que facelo exclusivamente a través do sistema online da RFEA (http://isis.rfea.es/sirfea2/) até as 23.59 horas do 12 de abril.
 

Premios e trofeos

Ao Maratón poderán inscribirse persoas maiores de 18 anos, e cuxa participación establecerase a través das seguintes categorías : Junior, Promesa, Senior e até sete modalidades de veteranos, en función do ano de nacemento. Todas as persoas que cheguen á meta recibiran o seu diploma e medalla acreditativa.  Tamén haberá recoñecementos en metálico para as oito primeira persoas clasificadas tanto na categoría absoluta feminina e masculina, así como para as e os primeiros atletas estatais e galegos (tres premios) e da Coruña (un premio). A organización, ademais, premiará con 1.000 euros a quen supere o récord da proba, sendo este de 2:12:21 na categoría absoluta masculina e 2:40:23 na feminina.

Por outra banda, realizarase unha clasificación por cada unha das categorías absoluta e de veteranos do Campionato galego, coincidindo coas categorías da proba popular.

Carreira de 10 quilómetros

Á vez, celebrarase unha carreira paralela popular de 10 quilómetros, que sairá tamén do Cantón Grande ás 08.45 horas, e cuxo circuíto tamén se atopa homologado pola Real Federación Española de Atletismo. A proba, que percorrerá o litoral coruñés desde a zona do porto até a Torre de Hércules, pasado polas Ánimas e Menhires, contará coa presencia do atleta olímpico Abel Antón, dobre Campión do Mundo en Maratón (Atenas 1997 e Sevilla 1999) e  Campión de Europa de 10.000 metros en Helsinki 1994.  

O prazo de inscrición para esta proba, no seu primeiro tramo, tamén se ampliará, coma no caso de Coruña42, até o 31 de marzo ou ata chegar as 1500 persoas inscritas. Este grupo pagará 5 euros, mentres que as persoas que formalicen a súa inscrición do 1 ao 10 e abril aboarán unha cota de 10 euros. Extraordinariamente, habilitarase un novo prazo de inscrición os días 11 e 12 de abril,e a cota de participación pasará a ser de 15 euros.

Documentos:

Percorrido Maratón (2 MB)

Percorrido 10 km Coruña42 (1 MB)

Botóns sociais

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión