Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

29 de xaneiro de 2014

Coruña21 estrea circuíto e homologación

A adaptación do circuíto de Coruña21 permitiranos gozar dunha carreira sen dobraxes, non obstante iso supón unha serie de tarefas. Que é unha homologación dunha carreira e como se realiza? Jorge Blanco, xuíz árbitro nacional da RFEA e homologador internacional de ruta da IAAF resólvenos as dúbidas.

É un certificado que dá a Real Federación Española de Atletismo (RFEA) e que garante que unha determinada carreira mide a distancia regulamentada. Unha carreira en ruta está homologada unicamente cando ten este certificado da RFEA, que é o único organismo en España que pode emitilo. As federacións territoriais non homologan nunca, soamente funcionan como intermediarias entre a petición dun organizador para que a súa proba sexa homologada (petición que debe ser aceptada pola federación territorial correspondente) e a RFEA.

As distancias que normalmente son susceptibles de ser homologadas son as que marca o Regulamento Internacional, é dicir, 10 Km, 15 Km, 20 Km, Medio Maratón, 25 Km, 30 Km, Maratón e 100 Km. En España tamén son homologables, ás veces, as distancias de 1 milla e 5 Km. En xeral, aquelas distancias nas que as marcas son consideradas válidas oficialmente para aceptalas en ranking e como mínimas para campionatos, marcas, bolsas e similares.

De todas elas as máis habituais son 10 Km, Medio Maratón e Maratón, que son as competicións que adoitan ter campionatos específicos e coas que habitualmente se confecciona ranking.

Unicamente as marcas conseguidas en probas oficiais de atletismo (é dicir, que estean no calendario oficial dunha federación territorial, da RFEA ou da IAAF (Federación Internacional de Atletismo) e que estean homologadas pola RFEA son consideradas como válidas. Outro tipo de competición que non cumpra estes requisitos non se considera como atletismo oficial e as marcas non son recoñecidas.

De todo isto dedúcese que a homologación dunha carreira en ruta é un proceso necesario e imprescindible para aceptar como válidas as marcas de probas en ruta, a efectos oficiais.

¿Como se homologa unha carreira en ruta?

Segundo o Regulamento Internacional o único método válido é o da bicicleta calibrada (cun contador Jones aplicado na roda dianteira). Outros sistemas de medición non son aceptados por ser máis imperfectos, aínda que a súa tecnoloxía aparentemente poida parecer máis precisa que a dun ciclista pedaleando.

Vexamos un pouco o porqué deste método da bicicleta calibrada:

  • Un ciclista á velocidade adecuada (10 a 15-18 Km/hora) no seu percorrido pola zona de carreira é o máis parecido a un corredor, pois pode facer exactamente o mesmo traxecto ca el, asumindo as irregularidades do terreo, seguindo a trazada adecuada, axustando o preciso nas curvas, etc. Ademais a bicicleta calibrada permite a precisión de ata un milímetro na distancia. E manéxase a unha velocidade similar á dun corredor, o que fai razoable o tempo empregado para realizar unha homologación.
  • Unha roda de medir, aínda que poida servir para dar unha primeira aproximación para unha carreira, non é válida. Por unha banda non permite seguir unha traxectoria exacta, pois a dificultade de levala á man leva o ir facendo “eses”, é case imposible levala recta canto isto sexa preciso. Ademais a roda adoita ser maciza, co cal non absorbe as irregularidades do chan e vai “dando botes” sobre o terreo falseando a medición. Á parte disto, a precisión destes aparellos non é inferior, no mellor dos casos, a 10 centímetros. E do mesmo xeito que a bicicleta (como veremos un pouco máis adiante), precisa dun calibrado previo, cousa que normalmente non se fai por non dispoñer da contorna previa adecuada. Engadamos que, ao ser levada á man, prolonga enormemente o tempo de medición (imaxinemos un maratón medido levando unha roda a pé durante nove horas ou máis…).

Visto isto, como funciona unha bicicleta calibrada?

O instrumento que se utiliza é o contador Jones (ver foto 2) axustado á roda dianteira no seu eixo, que é a roda que mide. O dito contador (ollo, non confundir cos contaqulómetros que se axustan aos radios dunha bicicleta e que tamén serven para medir distancias pero menos aproximadas) non mide distancias senón que o que fai é dividir a lonxitude da circunferencia da roda dianteira nun determinado número de partes, normalmente en 36. Polo tanto no dito contador soamente se reflicten unha sucesión de números que avanzan consecutivamente pero que non se corresponden con metros ou outra unidade de medida, senón con porcións de lonxitude da circunferencia da roda dianteira.

Deste xeito se se mide a distancia dende un punto A ata outro B, no contador lemos unicamente que se percorreron X números. Como sabemos a que distancia equivale esta medición en números? Para iso temos que facer, antes de poñerse a medir, un proceso que é a clave da homologación: calibrar a bicicleta.

Como se calibra unha bicicleta?

Unha vez que o contador está situado na bicicleta, axustada a presión da roda dianteira aos desexos do homologador (normalmente bastante alta de presión, para evitar no posible alteracións do diámetro da roda dianteira pola variación de temperatura ao rodar) e preparado o homologador co peso que vai levar na medición (roupa e outros complementos, para que o peso sobre a roda non varíe), faise pasar a bicicleta un mínimo de 4 veces sobre unha distancia moi precisa previamente preparada, chamada "base de calibrado", que normalmente ten entre 300 e 500 metros, e é totalmente en liña recta e sen ningunha pendente, con precisión de ata 1 milímetro. A confección desta "base" é un proceso moi complexo que normalmente se fai con cinta métrica de aceiro, dinamómetro para manter a tensión da cinta, medidor de temperatura do chan para ver a dilatación da cinta, etc. Con estas 4 pasadas obtense un número uniforme de contador chamado "constante de precalibrado". Deste xeito "calíbrase" a bicicleta, é dicir, sábese a priori cantos números de contador son precisos para medir un quilómetro. É unha sinxela regra de tres aritmética.

Así, con esta "constante" que se calculou, na medición feita dende A ata B pódense traducir os números que reflectiu o contador e convertelos nunha distancia exacta en metros, ata unha aproximación de milímetros.

Pero esta non é aínda unha medición final. Como pode haber unha variación do diámetro da roda dianteira medidora (polo aumento de temperatura do aire interior debido ao rodar e a consecuente dilatación da roda, pola diferenza de temperatura que pode haber no chan dende que se sae de A ata que se chega ata B, por un cambio brusco das condicións climáticas ambientais?), tras medir dende A ata B hai que proceder de novo a facer outras 4 pasadas mínimo sobre a "base de calibrado". Deste xeito obtemos unha nova "constante", chamada "constante de post calibrado". E facendo unha media ente ambas "constantes", a "pre" e a "post", obtemos a "constante final", que é a que se usa para saber exactamente a distancia que hai dende A ata B.

Se pola contra o que se quere é marcar unha distancia exacta para unha carreira, por exemplo un maratón, o que se faría sería calcular cantos números de contador se necesitan para saíndo dende A completar un maratón. Para iso partiríase da "constante de precalibrado" e calcularíanse os números de contador necesarios para completar o maratón. Aplicariámoslle logo a "constante final", tal como se dixo antes e coa corrección que saia determinaríase o punto exacto final para homologar o maratón.

Que criterios se usan á hora de medir coa bicicleta calibrada?

Son os seguintes, segundo o Regulamento Internacional:

  1. A distancia final medida nunca poderá ser inferior á oficial que se quere homologar.
  2. Medirase polo camiño máis curto posible que un corredor poida seguir dentro da sección de estrada que se lle permita utilizar na carreira. Como nunha pista de atletismo, medirase a 30 cm. das beirarrúas ou bordos, se os hai, ou se non a 20 cm. do bordo exterior da calzada.
  3. Para evitar que o circuíto quede curto nunha futura posible remedición da carreira (por exemplo, se en caso de marca a federación correspondente quere comprobar a posteriori que o circuíto cumpre coa distancia), recoméndase incluír un factor de prevención de percorrido do 0´1% á hora de medir. É dicir, que un quilómetro mide en realidade 1.001 metros. Isto non quere dicir que se lle engadan 10 metros a unha carreira de 10 quilómetros, por exemplo, senón que dende o principio mídese coa bicicleta calibrada preparada de tal forma que un metro non sexa de 1.000 milímetros, senón de 1.001 milímetros. Ou sexa, que dende o primeiro metro de medición vaise aplicando o criterio de prevención do 0´1%.

Calquera outro instrumento (roda, bicicleta con contaquilómetros, etc.) que se queira empregar para facer unha medición previa moi aproximada (non unha homologación, que só serve co contador Jones) debe ser sempre tamén calibrado, do contrario a marxe de erro pode ser grande.

 

Podes descargar o documento no seguinte enlace:

Documentos relacionados

  • Homologacións de distancia de carreiras en ruta (462 KB)

Botóns sociais

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión