Mércores, 23/5/2012
O Goberno local colabora na posta en marcha dunha escola de tenis adaptada a persoas discapacitadas
O alcalde, Carlos Negreira, destaca que esta iniciativa pioneira en España favorece a promoción do deporte e a integración social.

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, presentou esta mañá o novo proxecto, pioneiro en España, no que colabora o Goberno municipal para cumprir un dos seus principais obxectivos: lograr cada vez unha sociedade máis inclusiva e na que se desenvolvan medidas encamiñadas a mellorar a integración de todas as persoas. O rexedor destacou que a creación da escola de tenis adaptada a discapacitados psíquico-sensoriais é unha boa solución para mellorar tanto a súa calidade de vida como a das súas familias e unha aposta clara e decidida pola igualdade de oportunidades.
Carlos Negreira agradeceulles aos presidentes da Federación Española e da Federación Galega de Tenis, José Luis Escañuela e José Antonio Pereiro, respectivamente, a súa implicación neste proxecto pioneiro en España que permitirá potenciar a integración social a través do deporte, á vez que asegurou que o Goberno municipal sempre estará ao lado deste tipo de iniciativas. Na reunión de traballo previa e na presentación desta iniciativa tamén estiveron presentes o concelleiro de Deportes do Concello da Coruña, Francisco Mourelo; o vicepresidente da Fundación de Tenis Español, José Luis Terroba; e o máximo responsable da Escola de Tenis Marineda, Juan Hernández.
Negreira destacou que a creación da escola de tenis supoñerá lograr un dobre obxectivo: "Por unha banda, existe o compoñente deportivo, pois é unha excelente oportunidade para que os alumnos que se apunten á escola de tenis melloren a súa condición física; e polo outro, un compoñente social, para aumentar a súa autoestima e confianza, indispensables para a súa integración e para conseguir na práctica o noso desexo de contar cunha sociedade máis inclusiva, onde todos contemos coas mesmas oportunidades".
O responsable municipal asegurou que a creación desta escola de tenis será unha boa ferramenta para impulsar a mensaxe de "deporte para todos". De feito, nas clases de tenis participarán persoas con e sen discapacidade: "É unha actividade na que podemos participar todos, e na que ninguén queda á marxe. Queremos animar as familias e mentalizalas do importante que é que practiquen deporte para mellorar tanto a súa axilidade e equilibrio como o seu estado de ánimo e a súa integración cidadá", engadiu o alcalde coruñés.
As clases de tenis serán impartidas por expertos na materia. Monitores e educadores sociais velarán por garantir en todo momento que a actividade se desenvolva correctamente para lograr os obxectivos formulados. Ademais, segundo o acordo alcanzado polo Concello coas federacións de tenis española e galega tamén se ofrecerán charlas e organizaranse, entre asociacións e entidades veciñais e sociais que traballan con persoas con discapacidade, exhibicións para promover o deporte do tenis e para buscar a súa implicación neste proxecto de eminente carácter social.
O alcalde tamén aproveitou para agradecer a colaboración da Fundación de Tenis Español nesta iniciativa. Trátase dunha organización privada de carácter fundacional e sen ánimo de lucro, creada no 2010 pola Real Federación Española de Tenis con fins de carácter deportivo, educativo e social. Os seus obxectivos están relacionados directamente co desenvolvemento do deporte do tenis, a súa mellora integral, o fomento plural da súa práctica e o seu achegamento á sociedade, como medio de formación e de mellora para os seus practicantes e para os colectivos relacionados con esta modalidade deportiva.
Carlos Negreira destacou o compromiso do Goberno municipal coas políticas que sexan sinónimo de integración, e máis se levan emparelladas actividades deportivas. "O deporte permítenos cultivar entre a cidadanía valores esenciais como o compañeirismo, o traballo en equipo, a integración social ou o espírito de superación", concluíu o alcalde. Pola súa banda, o presidente da Federación Española de Tenis aplaudiu a predisposición do Goberno municipal para que A Coruña acolla este proxecto "innovador e de futuro" e que supón un "sopro de esperanza".