• A rexeneración urbana da Agra sumará un paso máis coa próxima finalización da praza dos Mariñeiros

Actualidade do plan

16 de outubro de 2010

A segunda fase desta actuación, que se enmarca no proxecto Urbana-C, supón un investimento de 400.000 euros para completar a instalación dos xogos infantís e para maiores, iluminación e mobiliario

A rexeneración urbana da Agra sumará un paso máis coa próxima finalización da praza dos Mariñeiros

A rexeneración urbana do barrio da Agra do Orzán e a súa contorna suma un paso máis coa próxima finalización da praza dos Mariñeiros, cuxas obras entran na recta final coa segunda fase dos traballos para completar a transformación desta zona da cidade e dentro da aposta do goberno municipal pola renovación de todos os barrios.

O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Infraeestruturas que dirixe Esteban Lareo, e no marco do proxecto Urbana-C con fondos do Feder, impulsou esta actuación para que os veciños conten cun novo espazo de esparexemento e lecer con zonas de xogos para nenos, novos e maiores. Ademais, haberá unha barreira vexetal e amplas zonas verdes.

A empresa Construcciones López Cao encárgase de realizar a segunda fase de acondicionamento da praza dos Mariñeiros. O proxecto supón completar a pavimentación, así como a instalación de xogos infantís, iluminación pública e dotación de mobiliario urbano. Na primeira fase realizáronse as canalizacións de servizos, así como a pavimentación da praza e a xardinaría.

Así, na segunda fase pavimentaranse 1.470 metros cadrados de superficie, parte da cal destinarase á área de xogos, onde se instalarán ata oito xogos, como randeeiras, xogos de rubido e múltiples. Tamén se instalarán cinco mesas de tenis de mesa; 10 mesas de granito; 10 papeleiras, e 6 bancos de descanso. Ademais, renovaranse doce farois, co fin de mellorar a iluminación na zona.

Esta actuación está incluída no Plan Urban cofinanciado pola Unión Europea e forma parte dun completo programa de obras que se está desenvolvendo nos barrios de Agra do Orzán, Ventorrillo e Os Mariñeiros, que supón a renovación de rúas, con novo pavimento, iluminación e espazos verdes. O investimento total da iniciativa URBANA C na cidade é de 11 millóns de euros. Con estes fondos financiáronse tamén actuacións nos barrios de Mariñeiros e a Agra do Orzán, entre as que cómpre destacar a construción do gran centro cívico-cultural Ágora, que encara os últimos meses para a súa posta en marcha.

O obxectivo da praza dos Mariñeiros é urbanizar a zona e dotar o barrio de novos servizos e infraestruturas para os veciños. A praza estará rodeada de zonas axardinadas. Así, haberá unha gran barreira vexetal no lateral da ronda de Outeiro, para illala do ruído do tráfico. Tamén haberá accesos peonís directos ao aparcadoiro dende a propia praza.

  • Logo Concello da Coruña
  • Logo FEDER
    • Ayuntamiento de A Coruña | Concello da Coruña.
    • Praza de María Pita, 1. 15001 A Coruña.
    • 981 184 200 | 010