Monday, 08/03/2010
Un ano máis, para conmemorar este día tan especial, a Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC) da Coruña pon en marcha diversas actividades lúdicas e formativas destinadas a pequenos e maiores.
O obxectivo principal deste evento é informar e formar aos cidadáns e cidadás acerca dos dereitos e deberes que temos como consumidores/as, e como dende a OMIC da Coruña podemos axudarlles a facer un consumo consciente, crítico e responsable.
As actividades desenvolveranse durante toda a mañá, en horario de 10.00 a 14.00 horas, nas instalacións da OMIC da Coruña, e pola tarde en dous centros cívicos coruñeses.
Diante das oficinas e aulas de formación colocaranse expositores con información, onde todos os interesados serán atendidos polo persoal educativo da OMIC e representantes de asociacións de consumidores, para o que contaremos coa colaboración de ADICAE (Asociación de Usuarios de Bancos, Caixas de Aforro e Seguros de Galicia) , a Asociación Provincial de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios da Coruña e a Asociaciación de Consumidores COETICOR. Entregarase tamén material divulgativo diverso.
Para os máis curiosos, proponse unha actividade na que se simulan unha serie de situacións de consumo a través das que se poden tratar diversos aspectos como a compra responsable, lista da compra, etiquetaxe, publicidade, compra ecolóxica…
E para os máis pequenos levaremos a cabo, durante toda a mañá, obradoiros destinados a grupos de centros escolares concertados con anterioridade:
Obradoiro de consumo responsable: Os nosos xoguetes.
Obradoiro sobre compra responsable: De compras no súper.
Ademais terá lugar a presentación do Manual do Pequeno Consumidor, destinado a rapaces e rapazas de entre 8 e 12 anos.
Pola tarde, en horario de 17.00 a 20.00 h, as actividades trasladaranse a dous centros cívicos da Coruña: San Diego e Os Rosales. Será “a portas abertas”, é dicir, poderán participar todas as persoas que se acheguen ao centro.
Realizarase tamén o obradoiro “Percorremos o centro comercial”: un pequeno percorrido no que os participantes intentarán facer unha compra responsable. Ao final entregaráselles un agasallo.

Breaking news
Documentación de interés.