Portal Web del Ayuntamiento de La Coruña

Sábado, 30/1/2010

Tráfico instala un novo panel indicador de velocidade na entrada á cidade por Alfonso Molina

O Concello organiza visitas guiadas á Sala do 092 e a Cocheiras con motivo do Consello de Ministros de Transportes da Unión Europea na cidade

O Concello da Coruña organizou un programa de visitas guiadas á Sala de Pantallas do 092 e ás Cocheiras, sede da Compañía de Tranvías, con motivo da próxima celebración na cidade do consello europeo de transportes. O goberno municipal pretende achegar máis ao cidadán o labor que se desenvolve na Coruña en materia de tráfico e mobilidade, así como os últimos proxectos.

Así, a partir do luns día 1 de febreiro e ata o 12 de febreiro a Sala de Pantallas do 092 na Estación de Autobuses permanecerá aberta ao público entre as 17 e as 18 horas, onde un axente informará aos visitantes sobre o funcionamento desta.

Ademais, organizáronse visitas de escolares para as dúas próximas semanas. Así, os días 1, 2, 3 e 4 serán alumnos do colexio Puga Ramón os que visitarán as instalacións, mentres que os días 8, 9 e 10 farano alumnos do colexio de Eirís.

Ademais, o día 9 programouse unha visita da Policía Municipal ao colexio Puga Ramón e o día 11 ao colexio Obradoiro, onde se ofrecerán sendas charlas sobre mobilidade, tráfico e seguridade.


Visitas a Cocheiras

O xoves, día 4, haberá unha visita guiada ás Cocheiras de Tranvías, para que a cidadanía coñeza as instalacións e a sede da Compañía de Tranvías. Nesta primeira visita participarán usuarios de centros cívicos da cidade, que serán recollidos nos centros cívicos de Monelos e dos Mallos e trasladados a Cocheiras.

Os participantes visitarán as instalacións de cocheiras dos tranvías, na zona de Monte Alto, e a continuación visitarán as cocheiras de autobuses, nos Rosales. Un guía explicará a historia da Compañía de Tranvías, a recuperación histórica do tranvía, e as medidas e iniciativas do goberno municipal pola mobilidade e o transporte público (carril bus, novas liñas, tarxeta Millennium, transporte universitario....) así como o proxecto de metro lixeiro.

Simulador de tráfico
Tamén, como complemento das actividades dirixidas aos cidadáns durante estas dúas semanas, a Policía Municipal instalará o Simulador de Tráfico do 1 ao 5 de febreiro no Centro Comercial de Catro Camiños, entre as 17 e as 20 horas, que poderá utilizar calquera cidadán para coñecer as normas de tráfico. A semana seguinte, entre os días 8 e 12, e co mesmo horario, o Simulador de Tráfico estará no Centro de Lecer do Porto.

Panel indicador de velocidade
A Concellaría de Tráfico instalou un innovador panel indicador de velocidade no acceso á cidade por Alfonso Molina, á altura da rúa Castiñeiras. O panel comezará a funcionar a próxima semana, co obxectivo de informar e alertar aos condutores sobre o cumprimento dos límites de velocidade no centro urbano.

O panel funcionará as 24 horas do día marcando a velocidade de cada coche que pase, ademais contabilizará o número de vehículos e rexistrará a súa velocidade.

A principal característica deste sinal luminoso é que marcará dixitalmente a velocidade de cada vehículo da seguinte forma:
-Cor verde: se o coche circula a menos de 50 km/h
-Cor vermella: se circula a máis de 50 km/h
-Cor vermella con escintileos: se circula entre 75-80 km/h

Desta forma, o Concello da Coruña pretende advertir e concienciar aos condutores sobre a obriga de respectar os límites de velocidade e as normas de tráfico.

Pódese atopar nas seguintes categorías: