Portal Web del Ayuntamiento de La Coruña

Martes, 10/11/2009

A Concellaría de Cultura organiza o ciclo "Poetas di(n)versos"

A concelleira de Cultura, María Xosé Bravo, presentou a iniciativa "POETAS DI(N)VERSOS", un ciclo de poesía onde a literatura actual das 5 linguas da Península pasa pola Coruña nunha programación cíclica estable. A poetisa Yolanda Castaño será a encargada de dirixir o ciclo.

Bravo nun momento da presentación.

A Concellaría de Cultura ofrece a mellor poesía escrita en galego, castelán, catalán, eúscaro e portugués. Os poetas vivos de maior prestixio nunha cita mensual co público coruñés. A posibilidade de gozar da poesía máis recoñecida, ofrecida polos seus autores/as en vivo e en directo. A mellor maneira de alimentar o gusto literario e de consolidar un público propio para a lírica de hoxe.

Os recitais realizaranse o terceiro martes de cada mes, ás 20.30 na Casa da Cultura Salvador de Madariaga e serán impartidos con dous poetas:

* un/a deles, pertencente á máis recoñecida poesía feita en castelán, catalán, eúscaro ou portugués e,
* o outro/a, en galego, procurando a maior diversidade de rexistros, xeración ou xénero.

A programación deste primeiro trimestre é a seguinte:

* 17 de novembro: Luis Eduardo Aute e Lucía Aldao
* 15 de decembro: Luis García Montero e Luz Pozo Garza
* 19 de xaneiro: Joan Margarit e Xosé María Álvarez Cáccamo

17 de novembro, 20.30 Casa da Cultura Salvador de Madariaga (Rúa Durán Loriga, 10).

LUIS EDUARDO AUTE

Enormemente popular como cantautor dende os anos 60, conta con toda unha traxectoria igualmente como pintor e como poeta. Compuxo máis de 300 cancións, gravou unha vintena de discos, publicou varios libros de poesía e inventou unha pequena delicatessen de xénero poético que el chama poemigas. Se a poesía naceu para ser cantada, Aute posúe o ritmo, o enxeño e a graza dun talento co que resulta doado conectar.

LUCÍA ALDAO

Un dos nomes máis axitadores, des-solemnizantes e renovadores do panorama poético galego é este poeta coruñesa moza que mostra máis interese pola palabra interpretada en directo que polas publicacións en papel. A súa solvencia na oralidade e o seu enxeño creativo consegue meter o público no peto cada vez que desprega novas maneiras de comunicar a poesía.

15 de decembro, 20.30 Casa da Cultura Salvador de Madariaga (Rúa Durán Loriga, 10)

LUIS GARCÍA MONTERO

Un dos nomes máis recoñecidos e recoñecibles da poesía española actual, é posuidor do Premio Nacional de Poesía entre os moitos galardóns cos que conta a súa brillante carreira. Profesor, ensaísta e columnista de opinión, foi unha das cabezas visibles da coñecida como "poesía da experiencia" e segue a resultar unha voz imprescindible.

LUZ POZO GARZA

A gran dama da poesía galega recita os seus poemas na cidade na que vive dende hai décadas, e onde tamén exerce como Académica da Lingua. Na súa palabra poética alenta unha elegancia tan culta como natural, evocadora e iluminada.

19 de xaneiro, 20.30 Casa da Cultura Salvador de Madariaga (Rúa Durán Loriga, 10)

JOAN MARGARIT

O Premio Nacional de Poesía do 2008 foi esta gran voz da emoción, da dor e da esperanza. Unha das figuras máis significativas da poesía contemporánea en catalán é este arquitecto de profesión capaz de tocar o cerne do lector/a co seu verso fondamente humano.

XOSÉ Mª ÁLVAREZ CÁCCAMO

A poética deste autor vigués destaca entre a da Xeración dos 80 e o resto de tradicións poéticas pola súa incuestionable calidade e fondura. Un estilo veraz pero que non deixa de procurar a excelencia dota a todos os seus libros dunha enorme capacidade para contar e cantar, recuperar a memoria.