Venres, 31/7/2009
Destina 3 millóns de euros á segunda fase do parque de Oza, que terá 55.000 metros cadrados dedicados ao lecer e paseo dos veciños
A Xunta de Goberno aproba o proxecto de expropiación do cuarto tramo da Terceira Ronda cun investimento de 2,7 millóns de euros
A Xunta de Goberno aprobou definitivamente o proxecto de expropiación complementario do cuarto tramo da Terceira Ronda, por un importe de 2.743.120,20 euros, o que supón un incremento de 227.025,58 euros, e que permite abordar de maneira integral xa a construción desta vía de entrada e saída da cidade. Este paso é xa definitivo para a construción de todos os tramos pendentes da Terceira Ronda e que permite avanzar na apertura desta vía fundamental para as comunicacións da cidade coa súa contorna.
Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou a contratación da segunda fase das obras de urbanización do parque de Oza por un importe de 3 millóns de euros, o que permite dar continuidade ao proxecto que xa se vén executando e que dará lugar a un gran parque de 55.626 metros cadrados de superficie.
O parque está delimitado pola ronda de Outeiro, a igrexa de Santa María de Oza, e o instituto Monelos. A finalidade é crear un grande espazo verde con áreas deportivas, infantís, zonas de paseo, aparcadoiro, usos hostaleiro e quiosco. Todo para ofrecer aos veciños un gran parque que atenda as súas demandas e necesidades de lecer e descanso. O proxecto foi deseñado polo estudo Naves Arquitectura.
Na primeira fase, xa en execución, intervense sobre 20.200 metros cadrados, dos que 12.800 metros cadrados son de zona verde e nos que se crean os xardíns inglés e francés: 3.600 metros cadrados dedícanse a áreas infantís; 2.300 corresponden a carreiros peonís, e 1.500 metros cadrados son acondicionados como zona para persoas maiores.
Optouse por un tipo de vexetación autóctona para unificar a imaxe xeral do parque, de maneira que se recrean as masas arbóreas propias da paisaxe galega, á vez que se salpica o parque con xardíns de tipo inglés e francés.
Nesta primeira fase proponse un acceso principal pola ronda de Outeiro, ao que seguirán outros accesos de menor entidade que permitirán vincular o parque a outros barrios da contorna. Consolídase a principal circulación preexistente que comunica os extremos norte e sur do parque, como é o Camiño do Corgo, mantendo un ancho de tres metros, e establécense novos camiños para guiar o paseante polas distintas zonas do parque. Tamén se ten en conta nos percorridos o seu uso por persoas con mobilidade reducida.
A área infantil situarase na parte baixa do parque e créanse terrazas planas de uso infantil enmarcadas por noiros que absorben a caída natural do terreo. Polo que se refire á zona para maiores, habilitaranse espazos para xogos de petanca, chave e mesas. As mesas situaranse preto de estanques e baixo pérgolas para protexer das inclemencias meteorolóxicas.
Descrición do proxecto xeral do parque
A nova zona verde ten como principais protagonistas os xardíns doutras nacionalidades, que reproducirán a tipoloxía dos xardíns inglés (grandes espazos verdes con masa vexetais caducas recreando restos de construcións); xaponés (arces, liquidambar, bambús e nenúfares); italiano (especies colgantes de flor e diversos tipos de piceas) e francés (especies recortables xeométricas como mirto, loureiro, photinia, buxo, e especies de flor tipo rosácea). Contará con estanques, fervenzas e láminas de auga que ocuparán unha superficie duns 7.000 metros cadrados; mentres que se destinarán outros 2.200 metros cadrados á área polideportiva; 3.600 para zona de xogos infantís, e 1.500 metros cadrados dedicados aos maiores.
No proxecto prevese a conservación dalgunhas das árbores pola súa antigüidade e interese. Contémplase, así mesmo, a creación de zonas concretas para distintos usos: xunto á igrexa de Oza e o instituto, habilitarase a área xuvenil cunha pista polideportiva con vestiarios e circuíto de skate; haberá unha zona de xogos infantís nos bordos superior e inferior do parque; no centro estará a zona para as persoas maiores, con pistas para petanca, chave e mesas para xogar ás cartas. Resérvanse tamén espazos para cans. En cada unha destas zonas instalaranse aseos públicos. Igualmente prevíronse áreas de aparcadoiro público nos accesos.
Doutra banda, aproveitarase a configuración do terreo, con desniveis, para crear fervenzas de auga, estanques, lagos e falsas escorrentías, con xogos interactivos e muíños. A vexetación tamén se empregará para diferenciar espazos e paseos: inglés, francés, italiano e xaponés. Haberá varias entradas: no bordo da ronda de Outeiro, que se singulariza cun pórtico a xeito de entrada e que servirá para acoller pequenas edificacións de servizo, como un quiosco, aseos, e almacén. Haberá outras entradas para vincular o parque cos barrios que o rodean.
Contémplase a creación dunha cafetería, que se situará na parte alta do parque, para facer as veces de miradoiro. Este establecemento terá unha edificabilidade de 400 metros cadrados, que se poderán construír nunha ou dúas plantas. Tamén se prevé un quiosco na parte baixa, na zona de acceso vinculada á ronda de Outeiro. O proxecto deseñouse con criterios de sustentabilidade, e así ademais de dar protagonismo á auga e vexetación, tamén se previu a instalación de paneis solares para soportar as necesidades enerxéticas do parque e prevese recorrer a materiais reciclados para elementos de pavimentación, muretes e mobiliario urbano.
Mariñeiros
A Xunta de Goberno adxudicou de maneira provisional a Construcciones López Cao o proxecto de renovación ambiental do barrio de Mariñeiros, que afecta á rúa sur, cun orzamento de 552.392 euros e un prazo de execución de dous meses e medio.
O proxecto contempla para esta rúa, que linda co aparcadoiro subterráneo, a instalación dos servizos de canalizacións e infraestruturas; así como unha calzada e beirarrúas novas, que serán de baldosa ornamental.
Doutra banda, a este proxecto súmase, a construción da praza, que estará situada encima do aparcadoiro subterráneo, terá varios accesos, o principal, situado no extremo próximo a San Pedro de Visma. Para solucionar os cambios de rasante, establecéronse tres franxas separadas por sendas verdes e peonís:
-Zona xuvenil: contará con mesas de ping pong, bancos, unha cancha multideporte, e un pequeno espazo para concertos e espectáculos.
-Zona infantil: diversos xogos infantís, nunha zona de 1 a 6 anos e noutra, de 6 a 15 anos; bancos e mesas, con marquesiña, un areeiro.
-Zona de maiores: pistas para xogar á petanca e a chave, unha zona de descanso, unha alameda, bancos, un taboleiro de xadrez e zona de mantemento deportivo.
O obxectivo é urbanizar a zona e dotar o barrio de novos servizos e infraestruturas para os veciños. A praza estará rodeada de zonas axardinadas. Así, haberá unha gran barreira vexetal no lateral da ronda de Outeiro, para illala do ruído do tráfico. Tamén haberá accesos peonís directos ao aparcadoiro dende a propia praza.
Ordenanza do Servizo de Axuda a Domicilio
Aprobou a Ordenanza Municipal do Servizo de Axuda a Domicilio e que se trasladará a pleno para a súa aprobación inicial. O obxectivo é prestar un conxunto de atencións domiciliarias con carácter personalizado, asistencial, que favoreza a conciliación familiar e laboral.
Centro de saúde de Mesoiro
A Xunta de Goberno tamén concedeu licenza urbanística á Consellería de Sanidade para a construción do centro de saúde en Mesoiro. O centro estará situado nunha parcela de 4.000 metros cadrados, cedida polo Concello, que delimita ao sur coa rúa Os Ancares e ao leste coa rúa Laxe. Terá unha superficie total construída de máis de 1.400 metros cadrados, cun orzamento de licitación superior aos 1,5 millóns de euros. O prazo de execución é de 12 meses.
O plan funcional do centro de saúde de Mesoiro contempla a creación de sete consultas de medicina xeral, oito de enfermería, dúas de pediatría, unha de enfermería pediátrica, unha sala polivalente, unha sala de curas e outra para a toma de mostras, ademais das zonas administrativas.
Así mesmo, o futuro centro de saúde de Mesoiro dispoñerá de sala de técnicas, e nel desenvolverase cirurxía menor ambulatoria, teledermatoloxía, e o Programa de Atención Integral á Saúde da Muller.
A creación deste novo centro de saúde permitirá un avance na calidade da atención asistencial do concello coruñés, xa que atenderá a unha poboación de preto de 12.000 persoas e permitirá desconxestionar os centros de saúde de Ventorrillo e Elviña.
Rehabilitación de vivendas
Aprobouse abrir o prazo de presentación de solicitudes de axudas económicas para as obras de rehabilitación de edificios e vivendas en Fernández Latorre, programa ao que se destinarán 267.265,64 euros. O prazo de presentación de solicitudes abrirase o 1 de setembro e concluirá o 30 de outubro.
Tamén se aprobou o proxecto básico das obras de reurbanización do barrio da Sagrada Familia, segunda fase, cun orzamento de 373.500 euros.
Cidade Vella
A Xunta de Goberno aprobou o proxecto reformado de mellora de infraestruturas na Cidade Vella (primeira fase) cun orzamento de execución de 2.249.636,84 euros e encomenda a execución das obras a Dragados. Tamén aprobou o proxecto reformado adicional de remodelación da praza do Xeneral Mola e contorna da capela Castrense de San Andrés, cuxo orzamento ascende a 658.414,54 euros, e autorizou o gasto de 109.571,71 euros que supón a contratación das obras do proxecto adicional. Igualmente aprobouse o proxecto reformado adicional do centro sociocultural Ágora, por importe de 983.293,72 euros. Ademais, aprobouse de maneira inicial o proxecto reformado de urbanización para os espazos libres de varias parcelas no Recinto Feiral.
Outros asuntos
Aprobouse o programa municipal de axudas para a adquisición de vivendas para familias procedentes do asentamento de Penamoa, cun orzamento de 167.000 euros.
Aprobáronse as bases da convocatoria de subvencións e iniciativas municipais de emprego do Concello, para o que se autorizou un gasto de 90.000 euros.
Ademais aprobouse o convenio de colaboración entre o concello e a Asociación de Fútbol Afeccionado da Coruña (AFAC) por importe de 200.000 euros para a iniciación e fomento do fútbol afeccionado.