Portal Web del Ayuntamiento de La Coruña

Venres, 5/6/2009

A Xunta de Goberno destina 123.000 euros a programas de urxencia social de Cruz Vermella e aproba un obradoiro de emprego para atender a persoas dependentes

O Concello inviste 650.000 euros na renovación do barrio dos Mariñeiros

A Xunta de Goberno aprobou un investimento de 649.998,55 euros na renovación do barrio dos Mariñeiros, dentro do Plan Urbana-C aprobado pola Unión Europea. Esta actuación supón a modernización deste espazo e a creación dunha gran praza encima do aparcadoiro subterráneo que se converterá nunha sala de estar para os veciños. Así, as principais características da praza son as sendas verdes e a accesibilidade, ademais da creación de tres áreas diferenciadas para cada tipo de idade.

Plano da futura praza de Mariñeiros

O proxecto está financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Plan Urban, co que tamén se construirá o centro Ágora e se renovarán os barrios da Agra e Mariñeiros. O investimento total superará o millón de euros. En primeiro lugar, procederase á execución da rúa Sur, Urbana C, que linda co aparcadoiro subterráneo, coa instalación dos servizos de canalizacións e infraestruturas; e á urbanización da praza. En segundo lugar, procederase á dotación do mobiliario urbano e á creación das tres áreas de actividades.

As obras comezarán coa urbanización da rúa Sur, para dotala dun adecuado servizo de recollida de pluviais e fecais, así como unha calzada e beirarrúas novas, que serán de baldosa ornamental.

A praza, que estará situada encima do aparcadoiro subterráneo, terá varios accesos, o principal, situado no extremo próximo a San Pedro de Visma. Para solucionar os cambios de rasante, establecéronse tres franxas separadas por sendas verdes e peonís:

-Zona xuvenil: contará con mesas de ping pong, bancos, unha cancha multideporte, e un pequeno espazo para concertos e espectáculos.

-Zona infantil: diversos xogos infantís, nunha zona de 1 a 6 anos e noutra, de 6 a 15 anos; bancos e mesas, con marquesiña, un areeiro.

-Zona de maiores: pistas para xogar á petanca e á chave, unha zona de descanso, unha alameda, bancos, un taboleiro de xadrez e zona de mantemento deportivo.

O obxectivo é urbanizar a zona e dotar o barrio de novos servizos e infraestruturas para os veciños. A praza estará rodeada de zonas axardinadas. Así, haberá unha gran barreira vexetal no lateral da ronda de Outeiro, para illala do ruído do tráfico. Tamén haberá accesos peonís directos ao aparcadoiro dende a propia praza.

No innovador deseño da praza dos Mariñeiros destaca o seu acceso principal por debaixo dunha ponte ornamental de zona verde dende o que se accederá a esta "sala de estar" do barrio e ao seu foro con bancadas onde se poderán realizar eventos ao aire libre.

Novo acceso dende a A-6

A Xunta de Goberno tamén aprobou elevar a 1.250.000 euros a partida destinada a expropiacións para a construción do novo acceso á cidade dende a Autovía do Noroeste (A-6), froito do convenio asinado no seu día co Ministerio de Fomento. Cómpre sinalar que esta nova vía ten un orzamento de 93 millóns de euros, dos que o Ministerio de Fomento proporciona 83 e o Concello os 10 restantes.

Igualmente, aprobou o proxecto reformado das obras de remodelación do barrio de Sagrada Familia, cuxo orzamento ascende a 1.044.999,98 euros, e que executará a empresa Extraco Construcción e Proxectos SA. Tamén, aprobouse un investimento de 558.049,55 euros para as obras de urbanización da rúa Orzán, e a urbanización da rúa Alameda e Arévalo, cun orzamento de 604.397,70 euros.

Subvención a entidades sociais e benéficas

A Xunta de Goberno aprobou unha partida de 123.106,27 euros para Cruz Vermella co fin de destinalo ao programa de Servizo de Urxencias Sociais, destinado á prestación de servizos sociais e de promoción e reinserción social de persoas en risco de exclusión social. Esta subvención tamén se dedica en parte a financiar o transporte sanitario.

Todo iso forma parte do programa municipal de subvencións a entidades sociais e benéficas, así como dentro dos plans de urxencia social que desenvolve o Concello da Coruña e que este ano suma un investimento global de 7 millóns de euros.

Tamén, aprobouse a cesión gratuíta por 25 dun edificio municipal situado na praza dos Chopos, bloque 22, do Barrio das Flores, á Asociación prol Enfermos Mentais da Coruña co fin de favorecer o desenvolvemento da súa actividade.

Ademais, aprobouse a solicitude dunha subvención á Consellería de Traballo para un taller de emprego Agora Máis no ámbito da atención a persoas en situación de dependencia que se desenvolverá entre outubro de 2009 e outubro de 2010, cun orzamento global de 1 millón de euros.

Outros asuntos

Concedeuse licenza de apertura ao Consorcio de Turismo para punto de información no número 6 da praza de María Pita. E autorizouse a execución de actuacións do Consorcio das Mariñas incluídas no convenio de Turismo coa Coruña.

A Xunta adxudicoulle á empresa Dalkia Energía y Servicios o proxecto e as obras de climatización do Concello, cun orzamento de 321.092,62 euros e un prazo de execución de tres meses. Autorizouse licenza para a ampliación do edificio de aparcadoiro do hospital Teresa Herrera, na estrada das Xubias.

Pódese atopar nas seguintes categorías: