Portal Web del Ayuntamiento de La Coruña

Mércores, 4/2/2009

Suman 317 actuacións en 523 rúas e 5.000 postos de traballo

Javier Losada presenta o Plan Investidor Municipal de 78,8 millóns de euros para crear emprego e modernizar os barrios

O alcalde, Javier Losada, presentou o Plan Investidor Municipal de 78,8 millóns de euros para este ano co fin de crear emprego e modernizar os barrios, respondendo ao compromiso adquirido cos coruñeses para enfrontar a crise con todos os argumentos económicos posibles e para defender o benestar social e a calidade de vida da cidadanía.

Javier Losada presenta o Plan Investidor Municipal 2009

Javier Losada destacou as grandes cifras deste plan investidor, que cualificou de histórico, pois supón duplicar o investimento nun só ano, unha cifra nunca alcanzada ata agora e que permitirá executar dous orzamentos nun mesmo exercicio. Así, este ano invístense 78,8 millóns de euros en 317 actuacións que chegan a todos os barrios da cidade, a 523 rúas, a metade das rúas da Coruña. E crearanse 5.000 postos de traballo, entre directos e indirectos.

Unha rúa de 27 quilómetros de lonxitude

A magnitude do Plan Investidor Municipal, que recolle os investimentos do Orzamento Municipal, dos FEIL e dos Fondos Feder, queda reflectido nas citadas cifras globais, así como noutras concretas como as que seguen:

-Este ano, grazas ao plan investidor, vanse pavimentar 275.700 metros cadrados de beirarrúas e calzada, máis que nos tres anos anteriores, nos que se sumaron 230.000 metros cadrados. Estes 275.700 metros cadrados supón pavimentar unha rúa de 27,5 quilómetros de lonxitude se se toma como medida unha vía tipo de dez metros de ancho. É dicir, o que sería unha rúa dende A Coruña ata Betanzos.

-Este ano vanse renovar e instalar 4.423 puntos de luz, o que supón o 25 por cento dos puntos de luz que existen na cidade, uns 17.000.

-Este ano vanse plantar 495 árbores na cidade, case tantas coma as que se plantaron nos últimos dous anos (520). Supón plantar todo o arboredo dos xardíns de Méndez Núñez.

-Este ano vanse crear, mellorar e renovar 54 áreas infantís, tantas actuacións como as que se realizaron nos últimos tres anos. Na cidade hai 85 áreas infantís.

Os barrios, protagonistas

Á vista dos datos, Javier Losada garantiu que "coma nunca antes os barrios van ser protagonistas, e vivirán unha modernización sen precedentes", dentro dun plan investidor que permitirá "axudar máis e mellor ás familias" nesta conxuntura económica.

Neste sentido, o alcalde presentou o plan investidor como "un contrato por escrito, traducido en números e letras, palabras e feitos concretos para este ano, compromisos que traduciremos en realidades".

Ao mesmo tempo puxo en valor o esforzo de todos os coruñeses e coruñesas, e a boa xestión municipal, que permitiu elaborar "uns orzamentos serios, rigorosos e equilibrados que crecen, cun importante esforzo investidor e comprometidos coas políticas de benestar e as políticas de emprego e xeradoras de actividade económica".

Así mesmo, "grazas aos FEIL, ao Plan Zapatero, contamos cunha achega adicional, cun compromiso engadido que redunda en máis investimento para a cidade. Compromiso cos concellos, compromiso coa cidadanía, especialmente nun momento difícil para as familias; é un ano difícil, pero un ano de intenso traballo e grandes retos", engadiu o alcalde.

Por iso, manifestou Javier Losada, "este ano representa unha oportunidade única, porque podemos actuar máis rápido, dar dous pasos nun; estamos a preparar a cidade para o futuro; estamos a facer unha cidade nova sobre a cidade actual".