Martes, 3/6/2008
Os que se reúnan de forma reiterada, abusiva ou en número elevado nas zonas sinalizadas como de especial protección poderán ser multados con ata 3.000 euros
O Goberno municipal impedirá a concentración de persoas nas zonas que declare como de Especial Protección durante o descanso nocturno
As concelleiras responsables das áreas de Igualdade e Participación e Medio Ambiente, Margarida Vázquez e Nieves Vázquez, presentaron a ordenanza para regular a convivencia e o ocio nos espazos públicos, que aborda os problemas derivados do denominado fenómeno do "botellón". O texto normativo, que recolle algunhas das suxestións proporcionadas por veciños e outros colectivos sociais e empresariais durante o período de alegacións, será levado ao próximo pleno municipal para a súa aprobación definitiva.

A ordenanza ten por obxecto "regular o uso dos espazos públicos polos veciños, evitando unha utilización abusiva e excluínte deles que perturbe a normal convivencia cidadá". Para estes efectos enténdese como convivencia cidadá o dereito das persoas ao descanso nocturno regulado polas disposicións locais, autonómicas e estatais vixentes en materia de contaminación acústica e o cumprimento da ordenanza de xestión de residuos municipais e limpeza viaria, fundamentalmente.
Para logralo, o Concello "prohibe e consecuentemente impedirá, as concentracións de persoas na vía pública que alteren a normal convivencia cidadá, sempre que leven a cabo condutas que perturben o dereito das persoas ao descanso nocturno, entre as 22.00 e as 08.00 horas".
Zonas de Especial Protección
Así mesmo, a ordenanza establece que, por acordo da Xunta de Goberno, o Concello poderá declarar determinados espazos públicos como Zonas de Especial Protección naqueles casos en que as concentracións reiteradas de persoas neles produzan unha moi grave perturbación da convivencia cidadá.
Para declarar un espazo urbano como Zona de Especial Protección deberán concorrer as seguintes circunstancias:
• Un uso abusivo e reiterado no tempo do espazo público, polo que non se terán en conta as concentracións de persoas de carácter ocasional.
• Un número elevado de persoas concentradas nos devanditos espazos públicos en relación coa densidade de vivendas e veciños do lugar.
• Que existan informes municipais previos que indiquen a vulneración reiterada dos niveis sonoros permitidos no interior das vivendas; que se producisen actos vandálicos na zona; ou que realizase investimentos económicos o Concello para a devolución dese espazo público ao seu uso común e xeral.
As Zonas de Especial Protección serán debidamente sinalizadas como tales, polo que se impedirá a concentración de persoas nelas no horario de descanso nocturno fixado na ordenanza.
O Concello elaborará cada seis meses un informe público de seguimento das Zonas de Especial Protección para os efectos de manter ou non a prohibición acordada.
Segundo recolle a ordenanza, o incumprimento das ordes e sinalizacións relativas ás Zonas de Especial Protección ou aos requirimentos formulados polas autoridades municipais ou os seus axentes en directa aplicación do disposto na ordenanza consideraranse infracción moi grave, que poderá ser castigada con multa de ata 3.000 euros.
Serán consideradas tamén infraccións moi graves:
• As que supoñan unha perturbación da convivencia que afecte de maneira grave, inmediata e directa, á tranquilidade ou ao exercicio de dereitos lexítimos doutras persoas ou ao normal desenvolvemento de actividades de toda clase, ou á salubridade ou ornato públicos e cando iso se derive da concentración de persoas na vía pública nas que se consuma ou non alcol, entre as 22 horas e as 8 horas.
• O impedimento do uso dun Servizo público por outra ou outras persoas con dereito á súa utilización.
• O impedimento ou a grave e relevante obstrución ao normal funcionamento dun Servizo público.
• Os actos de deterioración grave e relevante de equipamentos, infraestruturas, instalacións ou elementos dun Servizo público.
• O impedimento do uso dun espazo público por outra ou outras persoas con dereito á súa utilización.
• Os actos de deterioración grave e relevante de espazos públicos ou de calquera das súas instalacións e elementos, sexan mobles ou inmobles, non derivados de alteracións da seguridade cidadá.
• A comisión de dúas faltas graves no prazo dun ano cando se sancionou a primeira delas por resolución firme en vía administrativa.
As infraccións sancionaranse de acordo co seguinte baremo:
- Infraccións moi graves, multa de 1.501 ata 3.000 euros.
- Infraccións graves, multa de 751 ata 1.500 euros.
- Infraccións leves, multa de 200 ata 750 euros.
A ordenanza recolle así mesmo que, de conformidade coa Lei 2/1996 de Galicia está prohibida a venda ou subministración de bebidas alcohólicas a menores de 16 anos, e, no caso de bebidas alcohólicas de máis de 18 graos centesimais, aos menores de 18 anos. Prohíbeselles así mesmo aos establecementos comerciais, máquinas expendedoras, venda ambulante, ou calquera outra forma de expedición, a venda de bebidas alcohólicas entre as 22.00 e as 8.00 horas, co réxime de apertura que lle sexa de aplicación.
A ordenanza mantén unha profunda vocación educadora e de defensa da saúde pública. Por iso, establece que o Concello fomentará o diálogo con organizacións xuvenís, de pais e nais, veciñais, etc., co fin de exercer un labor preventivo entre a mocidade no uso moderado do alcol e no respecto á contorna e á veciñanza.
Así mesmo, realizarase un labor preventivo en centros educativos, en colaboración coa Consellería de Educación e Sanidade da Xunta de Galicia, e levarán a cabo campañas sobre o consumo responsable de alcol e convivencia cívica e social.
Segundo recolle a ordenanza, será exixible a responsabilidade civil dos pais, nais ou persoas que resulten legalmente responsables dos menores de idade polos danos e prexuízos que os ditos menores causen. En todo caso, os pais, nais ou titores que resulten legalmente responsables recibirán comunicación das infraccións cometidas polos menores de idade ao seu cargo. Así mesmo, poderase trasladar esa comunicación ao órgano competente en menores da Xunta de Galicia.