Portal Web del Ayuntamiento de La Coruña

Luns, 12/5/2008

Os espazos libres representan oito veces os xardíns de Méndez Núñez, e as vivendas situaranse a 500 metros da costa, segundo o documento aprobado no pleno

A urbanización do Portiño contará con 250.000 metros cadrados de zona verde

O pleno aprobou de maneira inicial a urbanización do polígono do Portiño, que se desenvolverá sobre unha superficie global de 626.538,8 metros cadrados na que se prevé a construción dunhas 3.200 vivendas, das que o 20 por cento serán protexidas, e a obtención de zonas verdes e espazos libres de uso e dominio público nunha superficie que supera os 250.000 metros cadrados, oito veces os xardíns de Méndez Núñez.

Mar Barcón na roda de prensa no Salón Real

A superficie neta do polígono é de 494.604,06 metros cadrados, cun aproveitamento lucrativo máximo de 341.473 metros cadrados. As vivendas distribuiranse en edificios e vivendas unifamiliares. Os veciños do Campanario poderán acceder a vivendas no mesmo polígono. A intensidade é a metade da que permite a lei.

O novo polígono contará cuns 250.000 metros cadrados de zona verde, dos que 183.000 serán un gran parque que bordeará a costa e enlazará os parques de San Pedro e Bens. Neste sentido, coidouse a actuación para evitar o impacto paisaxístico, de tal forma que a edificación prevista sitúase a máis de 500 metros da costa. Ademais, contémplase outro parque de 41.574 metros cadrados, que irá dende O Portiño ata o colexio Calasanz. O resto dos espazos verdes están nun bulevar central, na urbanización, e nos seus arredores.

Destínanse, igualmente, 34.687 metros cadrados para equipamentos públicos.

Prevense 12.838 metros cadrados para uso terciario comercial e a dotación de 1.708 prazas de aparcadoiro público. En canto a vías de comunicación prevense dous bulevares de comunicación, ademais doutro viario interior, todo iso concectado coa Terceira Ronda. As obras de conexión completaranse cun enlace do viario xeral do plan parcial coa vía existente no parque de Bens. O viario global do polígono suma 27.751,22 metros cadrados.

Deseño sostenible

O polígono encóntrase entre o parque de San Pedro e o parque de Bens. Trátase dunha zona sensible na que se rematará a cidade cara ao mar. Deseñouse a ordenación de acordo cos seguintes criterios:

-Reducir o uso de solo ao máximo para usos edificables, liberando deste xeito a maior superficie posible para espazos libres. Selección das zonas con pendente máis adecuada para albergar as edificacións. Disposición de espazos libres na zona máis próxima ao mar co fin de afastar a fachada das edificacións da costa e de favorecer a continuidade do futuro parque.

-Evitar excesiva densidade edificatoria tanto en planta como en alturas así como prever suficientes espazos axardinados na zona residencial para favorecer a integración coa contorna. Dispuxéronse avenidas e viarios de seccións adecuadas todos eles con arboredo. As parcelas privadas dispoñen de espazos libres mancomunados.

-Localización da vivenda colectiva na zona de vaguada, para adecuar a altura da edificación á cota do terreo buscando unha cornixa adaptada a este. Localización da vivenda unifamiliar nas zonas de bordo do sector para producir unha transición adecuada entre o solo urbano e o de espazos libres.

-Situar as dotacións e os usos comerciais lindeiros cos desenvolvementos urbanos xa consolidados. Distribución racional das zonas verdes e equipamentos para facilitar o acceso da poboación a elas.

-Previsión da porcentaxe correspondente de vivenda de protección, e localización dunha zona para producir o reacollemento dos ocupantes do barrio do Campanario nas proximidades do núcleo de San Pedro de Visma.

-Preténdese unha imaxe ordenada e uniforme da cidade, para iso fixouse unha altura de cornixa e establécese o proxecto unitario tanto dos espazos libres privados como dos cerramentos dos grupos de casas para a vivenda colectiva así como a obrigatoriedade de proxecto arquitectónico común por fileira de vivenda unifamiliar encostada.

Aprobado inicialmente polo pleno, o expediente someterase a información pública e aos preceptivos informes sectoriais.

Polígono avenida dos Caídos

Doutra banda, o pleno tamén debaterá a aprobación definitiva do estudo de detalle no ámbito denominado parque de Oza, que posibilitará a apertura da avenida dos Caídos.

A execución deste polígono (cando se aproben os proxectos de compensación e de urbanización) permitirá a obtención e urbanización dos terreos necesarios para a completa apertura e remate das seguintes rúas: avenida dos Caídos, e rúas Antonio Ríos, Montes, Casanova de Eirís e Castrillón.

Descargar documentos

Resumo dos asuntos do pleno

Pódese atopar nas seguintes categorías: