Xoves, 8/5/2008
Os "premios microcoruñas" entregarán unha tarxeta regalo canxeable en Fnac, entidade que colabora con esta iniciativa con motivo do 800 aniversario da cidade
O Concello premiará os mellores microrelatos, micropoemas e microcurtas que retraten a cidade
O Concello da Coruña convoca os "premiosmicrocoruñas" con motivo da conmemoración do 800 aniversario da cidade. O obxectivo é fomentar a participación dos cidadáns e recoller as súas propostas relacionadas coa cidade e a súa contorna. Os premios consistirán nunha tarxeta regalo de 800 euros, canxeable en Fnac Coruña, entidade que colabora con esta iniciativa. Coas obras premiadas e os finalistas, editarase un libro e un dvd.
O concurso establece tres categorías: microrelatos (cun máximo de 240 caracteres), micropoemas (8 versos) e microcurtas (80 segundos). As obras deben facer unha clara referencia á cidade da Coruña e deben ser inéditas e estar escritas ou dialogadas en galego e/ou castelán. O prazo de admisión remata o 16 de xuño.
Os interesados en participar poden obter máis información a través da web municipal, www.coruna.es/microcorunas, no correo centenario@coruna.es ou no teléfono de información 010. Os relatos, poemas e curtametraxes poderanse enviar dende o 15 de maio vía online na web municipal.
O Concello organiza estes premios en colaboración con Fnac Coruña e con Taller de Escritura 4 Cuentos. O creador deste taller, o escritor, guionista e director Pedro Ramos, é o encargado de coordinar este concurso. Pedro Ramos creou no ano 2004 o Taller de Escritura 4 Cuentos na Coruña (www.4cuentos.com). Impartiu talleres de escritura e de guión en toda a xeografía española, tanto en institutos como en entidades privadas.
Ramos García apareceu en varias antoloxías literarias. A súa primeira novela, Masculino singular, foi publicada por EDAF. Como director, Ramos García foi seleccionado para os Premios Mestre Mateo (Premios da Academia Audiovisual Galega) pola súa primeira longametraxe documental, Tolos por Xapón, no 2007.
Como guionista, colaborou nas series As leis de Celavella e Libro de familia emitidas por TVG e escribiu cinco guións de longametraxe -dous dos cales están en produción. A súa obra de teatro, Comida chinesa, actualmente está de xira por Galicia e conta coa dirección de Lino Braxe.
Bases do concurso
1. Poderá concursar calquera persoa sempre que a súa obra garde algún tipo de relación coa cidade da Coruña e a súa contorna.
2. A obra presentada debe ser inédita e estar escrita ou dialogada en galego e/ou en castelán.
3. Os MICRORELATOS terán un máximo de 240 caracteres, incluídos os espazos.
4. Os MICROPOEMAS terán un máximo de 8 versos.
5. As MICROCURTAS terán unha extensión máxima de 80 segundos, incluídos créditos.
6. Os autores fanse responsables da situación legal dos seus traballos, no que a dereitos de autor e de propiedade intelectual se refíie. Os traballos que por algunha razón, a organización do certame estime que non se adaptan á devandita lexislación, serán descualificados automaticamente.
7. O prazo improrrogable de admisión rematará o día 16 de xuño de 2008 ás 12 horas.
8. Cada persoa poderá enviar, como máximo, unha obra por cada categoría.
9. Os premios consistirán en tarxeta-regalo canxeable por valor de 800 € respectivamente para:
- Mellor microrelato recibido en galego.
- Mellor microrelato recibido en castelán.
- Mellor micropoema recibido en galego.
- Mellor micropoema recibido en castelán.
- Mellor microcurta recibida en galego.
- Mellor microcurta recibida en castelán.
10. A tarxeta-regalo de 800 € poderá trocarse na Fnac A Coruña (Mercado Eusebio da Guarda. Praza de Lugo s/n) ata o 31 de decembro de 2008.
11. Os premios serán únicos e indivisibles, e poderá o xurado declarar accésit especiais sen dotación económica. Así mesmo, o xurado resérvase o dereito a declarar os premios desertos se o considera oportuno.
12. Os autores das obras premiadas e/ou finalistas ceden os seus dereitos de reprodución ao Concello da Coruña especificamente para:
- Publicar en formato libro os 3 microrelatos e os 3 micropoemas finalistas tanto en galego como en castelán.
- Editar un DVD coas microcurtas finalistas.
- Reproducir na web, na cartelería e nas publicacións municipais as obras finalistas.
13. O xurado estará integrado por persoas de recoñecido prestixio. O seu ditame será público e inapelable.
14. Participación e inscrición:
- Todas as obras deberán ter un título e ir acompañadas polos seguintes datos: nome e apelidos do autor, domicilio, e-mail e teléfono.
- Os microrelatos e os micropoemas enviaranse vía online a través da web municipal.
- As microcurtas enviaranse en formato MPG ou DiVX (cun máximo de 10 megas) para o seu visionado previo e deberán ir acompañadas dunha breve sinopse e títulos de crédito. As seleccionadas deberán presentarse posteriormente en formato DVD (PAL).
- As obras que non cumpran cos requisitos anteriores non serán admitidas a concurso.
- A inscrición e o envío de obras farase vía online na web municipal a partir do 15 de maio.
- Información en: www.coruna.es/microcorunas; centenario@coruna.es; tel. 010 ou 981 18 42 00.
15. A interpretación destas bases ou calquera aspecto non previsto nelas é competencia exclusiva do xurado. A participación no certame supón a plena aceptación destas bases.
Organiza: Concello da Coruña.
Colaboradora: Fnac e Taller de Escritura 4 Cuentos.