Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

30 de novembro de 2013

O Concello e o Club Rialto organizan a IV Carreira Popular San Silvestre

O número de participantes que se poden inscribir na proba, que se realizará o 31 de decembro, aumenta ata os 2.000 atletas.

O Concello da Coruña, a través da Concellería de Deportes, e o Club Rialto organizan a IV Carreira Popular San Silvestre, que se disputará o 31 de decembro polo paseo marítimo, con saída na avenida de Montoto e chegada na praza de María Pita. O número de corredores que poden participar ampliouse este ano ata os 2.000, fronte aos 1.250 atletas da anterior edición no 2012.

A Carreira Popular San Silvestre será unha nova oportunidade para potenciar a aposta do Goberno municipal polo deporte e os hábitos saudables, en especial entre os máis novos; por converter A Coruña nun referente a nivel galego e no noroeste de España; e por divulgar e promover a cidade a través deste acto de carácter festivo.

Neste sentido, a última proba do calendario do 2013 completará un ano repleto de eventos deportivos no campo do atletismo na cidade, como Coruña10, Coruña21, o maratón Coruña42 e Coruña Corre, unha ambiciosa iniciativa con seis probas en seis barrios da cidade e que no seu segundo ano aumentou a participación nun 120%. A actual edición de Coruña Corre empezouse a disputar o pasado mes de outubro nos Rosales e terminará en Oza en agosto do 2014 -disputaranse o próximo ano as carreiras de Torre de Hércules, San Pedro de Visma, Ventorrillo e Oza-.

A IV San Silvestre consta de 7,7 quilómetros de percorrido. Con inicio na avenida de Montoto e final na praza de María Pita, os atletas percorrerán o paseo marítimo entre Porta Real e os arredores da Torre de Hércules e Adormideras. A proba disputarase o 31 de decembro a partir das 17.00 horas e estableceranse, ademais da clasificación absoluta, outras seis categorías tanto en homes como mulleres:

-Sénior: 18-29 anos

-Veteranos A: 30-40 anos

-Veteranos B: 41-50 anos

-Veteranos C: 51-60 anos

-Veteranos D: 61 anos en diante

-Mellor disfrace: todas as idades

O Club Rialto e a Concellería de Deportes, que entregarán trofeos aos tres primeiros clasificados de cada categoría e da proba absoluta, contarán durante a realización da carreira co apoio de voluntarios de ambas as entidades, así como efectivos de Protección Civil, Policía Local e persoal sanitario.

As persoas interesadas en participar poden formalizar a súa inscrición a través das páxinas web www.championchipnorte.com e www.sansilvestrecoruna.com, cun prezo de 12 euros por participante -10 euros se xa posúe o chip-. A retirada dos dorsais e os chips poderá realizarse no complexo municipal de San Diego (teléfono 981 13 92 55) durante os días 29 e 30 de decembro, de 10.00 a 13.30 horas. Tamén se poderán retirar o 30 de decembro en horario de tarde, de 16.00 a 20.00 horas.

Debido ao aumento do número de prazas para participar nesta edición, os dorsais e chips recolleranse no centro municipal de San Diego, en lugar de no Club Rialto, como ocorreu en edicións anteriores. Todos os participantes que adquiran o chip para esta carreira deberán devolvelo ao finalizar a proba. Ademais, durante a recollida de dorsais, os días 29 e 30 de decembro, todos os inscritos terán acceso gratuíto ás instalacións do complexo deportivo de San Diego.

Botóns sociais

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión