Dende a súa construción polos romanos, o faro hoxe coñecido como Torre de Hércules foi un monumento digno de mención. Así o recollen as crónicas romanas e as fontes posteriores ata a actualidade. A súa singularidade fixo que a Torre se transformase no símbolo da cidade da Coruña, sendo asumido por todos os seus veciños e institucións. Agora, o faro máis antigo en funcionamento do mundo, que iluminou coa súa presenza ou a súa luz a milleiros de persoas nos centos de anos da súa existencia, é Patrimonio da Humanidade.