Saltar ao contido

Concello de A Coruña
Novo Espazo Xuvenil

Métodos cirúrxicos

A ligadura de trompas na muller e a vasectomía no home son métodos anticonceptivos que implican realizar unha operación cirúrxica e que deben presentarse como definitivos, aínda que nalgúns casos poden facerse reversibles.

A esterilización non afecta ao comportamento sexual, pero poden producirse problemas psicolóxicos se non existe unha boa información ou se a decisión de non querer ter máis fillos non foi clara e meditada.

Estes métodos non alteran a función hormonal, e non afectan ás relacións sexuais nin ao desexo. A súa eficacia anticonceptiva é altísima, pero tampouco protexen da SIDA nin doutras ETS.

Estes métodos indícanse, normalmente, para persoas que xa tiveron fillos e que non queren ter máis.

  • Vasectomía

A vasectomía consiste en seccionar os condutos deferentes, de maneira que se interrompe a traxectoria dos espermatozoides. A intervención é moi sinxela: dura só uns minutos e faise con anestesia local. Non hai postoperatorio; como moito, pode haber un hematoma e certas molestias durante uns días, e hai que seguir algúns coidados durante un par de semanas para asegurarse de que a recuperación é completa. Non ten efecto inmediato, senón que hai que esperar a que as canles queden completamente limpas de espermatozoides. Non afecta a ningún outro aspecto da vida do home, que segue producindo seme e mantén o seu desexo e resposta sexual sen cambios.

  • Ligadura de trompas

Consiste en seccionar ou ligar as trompas de falopio, impedindo así que se atope o óvulo cos espermatozoides. Trátase dunha intervención cirúrxica en toda regra, que necesita anestesia e un postoperatoiro. Non ten ningunha consecuencia paralela no funcionamento do corpo da muller: séguese ovulando, e séguese tendo a regra, só que os óvulos, ao non ter o seu camiño aberto, son reabsorbidos polo organismo.