Saltar ao contido

Concello de A Coruña
Novo Espazo Xuvenil

Consellos xerais

Documentación

Lembra que deberás levar a túa documentación en regra, aínda que non saias ao estranxeiro. Comproba que o teu DNI ou pasaporte non estean caducados e se es menor de idade e non vas acompañado de teu pai/nai ou titor, deberás levar unha autorización paterna para viaxar ao estranxeiro.
Para viaxar aos países da U.E., é suficiente o DNI. Non obstante, infórmate ben de toda a documentación necesaria no teu destino e se debes adoptar algunhas precaucións sanitarias e de seguridade. Podes consultar as páxinas do Ministerio de Asuntos Exteriores e de Cooperación e do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade

Asistencia sanitaria

Para obter asistencia sanitaria en Europa, pasa por unha Oficina de Asistencia e Información da Seguridade Social e solicita a Tarxeta Sanitaria Europea. Para outros países, deberás xestionar un seguro privado.
Lembra que para viaxar a algúns países é necesario poñer certas vacinas, por iso se vas a áreas non desenvolvidas achégate ao Servizo de Sanidade Exterior (Durán Loriga 3, 5º - A Coruña) onde te informarán das vacinas esixidas nese país.
Nalgúns países onde as condicións sanitarias non son as máis adecuadas, deberás ter especial coidado coa auga. Bebe sempre auga embotellada, e procura non tomar alimentos crus.
Nalgúns países, pode resultar complicado atopar medicamentos, artigos de hixiene ou de primeiros auxilios. Sé previsor e inclúe unha pequena caixa de primeiros auxilios.

Diñeiro

Ten coidado co diñeiro, non leves moita cantidade en efectivo. O máis seguro é levar unha tarxeta de crédito ou cheques de viaxe.
 O euro é a moeda de curso legal en 17 países da UE: Alemaña, Austria, Bélxica, Chipre, Eslovaquia, Eslovenia, España, Estonia, Finlandia, Francia, Grecia, Irlanda, Italia, Luxemburgo, Malta, Países Baixos e Portugal.

http://europa.eu/travel/money/index_es.htm

Carné de conducir

Un carné de conducir emitido por un país da U.E. é válido en todos os demais estados membros.
A póliza de seguro do teu coche ofréceche automaticamente a cobertura mínima (seguro a terceiros), que esixe a lexislación de calquera país da U.E. (tamén é aplicable a Islancia, Noruega e Suíza).
A carta verde non fai falta dentro da U.E., pero serve como proba do seguro recoñecida internacionalmente e facilita a reclamación de indemnizacións en caso de accidente.

Carnés especiais

Lembra que tes á túa disposición unha serie de carnés especiais cos que poderás obter interesantes descontos ou aloxarte en albergues:

Carné Xove Euro<30

Carné Internacional de Estudante

Carné Internacional Xuvenil

Carné de Alberguista

Carné Internacional de Campista

Carné Federado de Montaña

Ademais...

Algúns truquiños, como levar fotocopias dos documentos gardados en lugar distinto dos orixinais, poden axilizar os trámites en caso de roubo ou perda da documentación.
Leva os teléfonos da axencia de viaxes, os folletos que che desen e os teléfonos e enderezos das embaixadas e consulados.
Respecta as leis doutros países, que, en moitos casos, difiren de forma sustancial das leis españolas. Esta recomendación é especialmente importante no que se refire á tenencia e ao tráfico de estupefacientes (incluído o alcohol, nalgúns países), e respecta a cultura e os costumes do país ou da rexión que visites.