Métodos anticonceptivos
A sexualidade é unha das grandes fontes de pracer para os seres humanos, unha forma de autocoñecemento e de relación cos demais. Pero ademais de todas estas vantaxes, as relacións sexuais teñen unha serie de consecuencias que hai que ter presentes para non ter que enfrontarse a situacións non desexadas. De aí que sexa importante ver o sexo como unha opción que leva consigo unha serie de responsabilidades. Unha das consecuencias das relacións sexuais, cando inclúen a penetración vaxinal, é a posibilidade dun embarazo. E é unha das consecuencias da práctica sexual que pode afectar dunha forma máis radical á vida dunha persona; tanto máis se o embarazo non é desexado e, sobre todo, se se produce na adolescencia. A segunda consecuencia, esencial, é a posibilidade de contaxio dunha enfermidade de transmisión sexual.
Se non se ten a certeza de que se vai poder asumir un embarazo de forma adecuada, o mellor é tomar precaucións. Para iso, hai dúas opcións:
- BUSCAR ALTERNATIVAS AO COITO VAXINAL que permitan gozar da relación sexual, pero evitando o perigo do embarazo: bicos, caricias, masturbación, sexo oral, masaxes, coito anal etc. Moita xente goza con estes xogos tanto ou máis que coa penetración, e as súas posibilidades son tantas como as que ofreza a imaxinación de cada parella. As prácticas sexuais non coitais teñen a vantaxe de que, en principio, son prácticas seguras, sempre que teñas en conta que o mozo non debe exacular nunca na entrada da vaxina. Se isto ocorrese, o esperma podería entrar nesta e comezar o seu ascenso cara ao útero posibilitando o embarazo. É difícil, pero pode ocorrer, polo que é imprescindible eliminar todos os xogos nos que o pene roce a entrada da vaxina.
Iso si, ten en conta que non todas as alternativas ao coito vaxinal te libran do risco de contaxio dunha enfermidade de transmisión sexual. Non o esquezas!
- EMPREGAR ALGÚN MÉTODO ANTICONCEPTIVO. A anticoncepción é a forma de evitar que o coito provoque un embarazo, interferindo en calquera dos métodos que o producen.
A muller que ten relacións sexuais de forma regular e non usa ningún método anticonceptivo ten un 85 % de posibilidades ao ano de quedarse embarazada.
Sobre este tema tes que ter claro que:
- Un só coito vaxinal pode producir un embarazo. Por iso cómpre empregar algún método anticonceptivo dende a primeira relación con penetración, a non ser que se queira ter un fillo.
- Hai anticonceptivos moi eficaces na prevención de embarazos non desexados que non te protexen da SIDA e doutras ETS. Non o esquezas!
- Á hora de elixir un método anticonceptivo hai que ter en conta moitos factores: saúde da muller, grao de participación masculina, posibles riscos de enfermidades de transmisión sexual, contraindicacións médicas, ideas relixiosas e morais...
Se cres que xa é o momento de ter relacións sexuais, ou se xa as tes, debes pensar en protexerte das enfermidades de transmisión sexual e de previr embarazos non desexados, deste xeito estarás coidando a túa saúde afectivo-sexual e a da túa parella, e evitarás riscos innecesarios.
MÉTODOS:
- Biolóxicos
- De barreira
- Hormonais
- Anticoncepción intrauterina
- A "marcha atrás", un "método" inseguro
- Métodos cirúrxicos (definitivos)