Martes, 23/2/2010
Os internautas poden acceder dende a web municipal, así como dende a web e o blog do alcalde
Javier Losada estende a facebook e twitter a súa presenza nas redes sociais para achegarse máis aos coruñeses
O alcalde da Coruña, Javier Losada, abriu unha páxina en facebook e en twitter co fin de ampliar a súa presenza nas redes sociais e así achegarse aínda máis aos coruñeses. No desexo de aproveitar os últimos avances que ofrecen as novas tecnoloxías e co fin de poñelos ao servizo da cidadanía, o alcalde dá un paso máis no seu obxectivo de manter unha comunicación próxima e o máis inmediata posible cos veciños.

Javier Losada considera fundamental esta aproximación a través das novas tecnoloxías, que permiten unha comunicación máis directa, que non substitúe ao cara a cara, moi ao contrario reforza a súa presenza permanente na rúa e as súas visitas continuas e constantes aos barrios e ás obras que se están executando, co fin de coñecer en persoa as demandas e opinións da cidadanía. Por iso, co ánimo de profundar nesta comunicación e contacto directo, abriu páxinas en facebook e twitter.
Este novo paso é continuación de anteriores iniciativas de comunicación directa cos coruñeses, como a web do alcalde, coa que iniciou a súa andaina hai tres anos, á que seguiu unha canle propia de vídeos en youtube, en xaneiro de 2009, e posteriormente o blog do alcalde, aberto en abril de 2009, e que tivo grande aceptación xa que lles permite aos coruñeses dirixir as súas preguntas e opinións de maneira directa.
Deste xeito, o alcalde reforza a súa presenza e amplíaa, empregando todas as canles que hoxe en día ofrecen as novas tecnoloxías. Así seguirán abertas as canles actuais e amplíanse con facebook e twitter.
Coa páxina en facebook o alcalde pretende un contacto aínda máis directo coa cidadanía, con comentarios, opinións e anuncios de actualidade tanto do alcalde como dos coruñeses.
Twitter permitiralle contar ao momento, de maneira máis áxil e inmediata o que está a facer, o que está a ocorrer.
A web do alcalde seguirá recollendo as noticias máis institucionais, actos e intervencións e discursos do alcalde. Dende a web poderase enlazar ao resto de canles.
O álbum de fotografías segue recollendo as imaxes dos actos do alcalde e as súas visitas aos barrios.
A canle de youtube mantense aberta cos vídeos dos actos máis relevantes do alcalde e outros de información de interese para os coruñeses.
O blog mantén o seu formato con comentarios sobre a actualidade, así como opinións propias e da cidadanía.
A todas estas canles pódese acceder dende calquera deles, pois todos e cada un terá enlaces ao resto. Nestes momentos, dende a web municipal www.coruna.es hai un acceso directo á web e ao blog do alcalde e en cada un deles hai enlaces ao resto.
Ao mesmo tempo, os coruñeses que o desexen teñen a posibilidade de subscribirse por email, RSS e acceder dende o móbil a estas canles, sempre co obxectivo de achegar a actividade do alcalde, as súas propostas e opinións á cidadanía, e facelo da forma máis directa e áxil posible.