Venres, 2/5/2008
A concellaría de Normalización Lingüística organiza este acto e un ciclo de documentais ao redor do galego durante todo o mes
O acto central do Día das Letras Galegas será o 17 de maio no parque de Santa Margarida
A concelleira de Mocidade, Solidariedade e Normalización Lingüística, a nacionalista Ermitas Valencia, presentou a programación que organiza a súa concellaría durante todo o mes de maio para celebrar o Día das Letras Galegas. A iniciativa ten por obxectivo animar a todos os coruñeses a sumarse a esta festa e "facer reflexionar á cidadanía sobre a situación actual do galego"

O acto central, que se organiza en colaboración coas concellarías de Cultura e Deportes, terá lugar o día 17 no parque de Santa Margarida. A partir das 17.00 h desenvólvese un torneo de chave e ás 18.00 h outro de billarda. Xa ás 20.00 h, comezarán os concertos coa actuación de Pablo Díaz, Chámalle Xis!, Loretta Martin, Transilvanians e Skárnio.
Outra das actividades que organiza Mocidade con motivo do Día das Letras Galegas é o ciclo de documentais Doculingua, que se proxectará no Fórum Metropolitano todos os luns do mes de maio, co gallo de afondar na situación da lingua galega. Os pases comezarán ás 19.30 h na Sala Marilyn:
- Luns 5: estrea do documental 'Galiza somos', producido pola Mesa pola Normalización Lingüística
- Luns 12: documental 'Crónicas da represión lingüística' e coloquio ao remate da proxección a cargo de Xosé Luís Axeitos
- Luns 19: documental 'Fronteiras' e coloquio ao remate a cargo de Rubén Pardiñas e Carlos Varela Aenlle
- Luns 26: documental 'O decálogo do galego. Por unha nova concepción da lingua galega'. Coloquio ao remate a cargo de María do Pilar García Negro.
Ademais do Doculingua, a Concellaría de Normalización Lingüística organiza o martes día 6 na Coruña o Correlingua, que contará coas actuacións de Touriñán e Marcos Pereiro (Os dous de sempre), Grupo Chévere e o gañador do concurso "A mocidade coa nosa lingua". Entregaranse os premios ao gañador do certame de pancartas "A Coruña móvese co galego".
Un día antes, o próximo luns 5 de maio, a concelleira Ermitas Valencia recibirá ás 12.00 h na Casa dos Peixes os nenos e nenas que veñen dende O Bierzo para participar nesta actividade.
O martes día 13 inaugúrase a exposición A Europa das linguas ás 20.00 h. A mostra estará na Casa Museo Casares Quiroga.
Xa o domingo 18, logo da realización do acto central o propio Día das Letras Galegas, Mocidade porá a disposición dos interesados e de maneira gratuíta, autobuses para acudir ao acto organizado en Santiago de Compostela baixo o lema "Polo dereito de vivirmos en galego". Os autobuses sairán dende a praza da Palloza ás 10.30 h.
O xoves 22 de maio, na sala de Cultura do Sporting Club Casino, Cándido Pazó ofrece o monólogo "O espectáculo da palabra".
Ao día seguinte, o venres 23, na Casa Museo Casares Quiroga, Francisco Rodríguez pronunciará a conferencia "A vixencia da obra de Curros". Será a partir das 20.00 h.
Por último, o martes 27, Normalización Lingüística celebra o acto de fin de curso para os alumnos dos cursos preparatorios dos CELGA na sala de cultura do Sporting Club Casino.