Bibliotecas

Calidade no préstamo

Sistema de calidade do servizo de préstamo

Por que a calidade?
As bibliotecas son servizos públicos que actualmente xestiónanse con criterios de racionalidade económica, visión de futuro, planificación e avaliación de resultados, por iso non é suficiente ofrecer un servizo bibliotecario básico, é imprescindible que sexa de calidade, que proporcione un valor distinto ás múltiples ofertas que se encontran a disposición dos cidadáns. A biblioteca concíbese como un elemento de desenvolvemento e de transformación da comunidade. Por iso, abren as súas portas nos barrios, preto dos seus usuarios, e establécense canles para coñecer os seus intereses e necesidades de información, así como os seus hábitos e actitudes, co fin de adaptar os servizos bibliotecarios a todas estas variables. 

A calidade nas bibliotecas municipais da Coruña
Dende hai anos avaliamos os resultados co fin de coñecer o rendemento dos servizos e de lles prestar aos nosos usuarios e visitantes unha atención personalizada e completa. Pero co modelo de xestión baseado na calidade buscamos asegurar esta no servizo e aumentar a satisfacción dos nosos usuarios. Coa implantación do sistema de calidade esperamos mellorar a comunicación coas persoas que acoden ás bibliotecas e polo tanto a información e a imaxe que teñen delas, aumentar a súa competitividade, ofrecer unha calidade sostida nos servizos, en definitiva, que as persoas que fan uso das instalacións, servizos e actividades se sintan atraídos ante a idea de volver á biblioteca e á vez lles falen dela a outras persoas que non son usuarias para que a coñezan.

O proceso de implantación 
O servizo de préstamo é un servizo fundamental nas bibliotecas e o que conta con meirande número de usuarios. Non hai que esquecer que durante o ano 2005 prestáronse nas bibliotecas municipais 379.719 documentos entre libros, vídeos, audios, CD-ROM..., o que supón que cada día se fan 1.295 préstamos. E é neste servizo no que se inicia a implantación do modelo de calidade. Durante parte do ano 2003 e o primeiro trimestre do 2004 levouse a cabo o estudo para identificar todos os procedementos relacionados co préstamo, elaborouse e adaptouse a documentación que require a norma, tomáronse as decisións oportunas para a coordinación dos procedementos en todas as bibliotecas municipais e comezou o proceso de implantación do sistema de calidade. En xuño do 2005 obtivemos de AENOR a certificación de calidade para o servizo de préstamo. A xestión de calidade e a certificación acadada é un medio para mellorar resultados, aproveitar recursos e acadar o compromiso coa mellora continua orientada a conseguir que as persoas que visitan as bibliotecas se vaian contentas, se animen a participar, demanden novos servizos e difundan a imaxe positiva que teñen da biblioteca.