Quén somos
Constitúe para min unha satisfacción poder presentar a páxina web das bibliotecas municipais da nosa cidade. É unha oportunidade para dar a coñecer un servizo que medrou moito en moi pouco tempo e que segue medrando cun obxectivo: completar un proxecto que quere poñer de relevo a preocupación do Goberno municipal por lle facilitar a toda a cidadanía o acceso á información, á lectura e ás actividades que organizan as bibliotecas. Neste momento, dispoñemos de sete bibliotecas abertas á cidadanía con equipamentos de calidade, servizos innovadores e persoal cualificado. As bibliotecas obtiveron recentemente o certificado de calidade ISO 9.001 para o seu servizo de préstamo.
Arredor de 1.000.000 de coruñeses visitan as bibliotecas municipais actualmente, o que evidencia a calidade dos servizos prestados. Pero faltaba abrir esta porta virtual que lles permite ás bibliotecas darse a coñecer máis alá da nosa cidade e prestar novos servizos á cidadanía que as utiliza. Esperamos que sexa de utilidade para todos e que o intercambio e a inmediatez que posibilitan as tecnoloxías melloren as prestacións das bibliotecas municipais.