Servizos sociais

Cada un dos programas da Concellería de Servizos Sociais do Concello da Coruña traballa polo benestar de toda a cidadanía e dedica un esforzo especial ao traballo cos colectivos máis sensibles, máis desfavorecidos ou en desvantaxe social. A súa acción céntrase en ámbitos como a atención á dependencia, as respostas á diversidade funcional das persoas, a inmigración, a terceira idade, a infancia, a mocidade, a drogodependencia, a igualdade, a exclusión social, a cooperación ao desenvolvemento ou o voluntariado. Entre os diferentes programas -dunha carteira de máis de setenta servizos- encóntranse os servizos especializados, con accións transversais de intervención específica ante temáticas sociais, como a exclusión social, o asesoramento e inserción sociolaboral de persoas inmigrantes ou o relacionado cos malos tratos de xénero e a recuperación e tratamento integral das persoas maltratadas.

Dentro da Área de Servizos Sociais encóntrase tamén unha rede de vinte e un centros cívicos, sociais e veciñais, así como as Unidades de Atención Social, buque insignia dos Servizos Sociais Comunitarios. Todos eles contan cun equipo multidisciplinar, cuxa misión principal é a articulación da comunidade na que están situados. Contribúen a solucionar os problemas sociais de persoas e familias e apoian e fomentan o asociacionismo e a participación social, cultural, formativa e lúdica do barrio. Dentro de tales Unidades de Atención Social, o Programa do Servizo de Información, Valoración e Orientación (SIVO) ten como función xenérica garantir o acceso de toda a poboación que o necesite ao sistema público de servizos sociais e potenciar os recursos persoais e sociais. Ademais ten tamén funcións específicas tales como a atención e información á poboación nos temas concernentes ás demandas e recursos sociais, a realización de diagnósticos de cada situación co fin de planificar o proceso de intervención, ou a xestión e o trámite dos recursos dos diferentes sistemas de protección social cara ao usuario. Entre os seus obxectivos máis importantes destaca o de lle facilitar a toda a poboación a información necesaria para o exercicio dos seus dereitos sociais, estudando e analizando as demandas de forma individualizada. Con iso pódense valorar as alternativas máis apropiadas, propoñéndollas ao/á usuario/a e asesorándoo/a no proceso de toma de decisións. Todo iso contribúe a establecer unha relación de axuda entre o profesional e a persoa usuaria do servizo, que lle permite a esta última mellorar o seu desenvolvemento integral.

Pois ben, neste magnífico equipamento do Centro Ágora está a primeira Unidade de Atención Social Centralizada da cidade, tamén denominada "Ágora", que atende a unha boa parte do seu territorio. Nela conxúgase o antedito SIVO coa Unidade de Atención a Persoas Migrantes (UAMI) e o Equipo de Inclusión Social.

A UAMI entende das cuestións relacionadas co asesoramento integral a persoas inmigrantes e emigrantes retornados, dende os puntos de vista social, laboral e xurídico. Complementa a súa acción con actividades como o Club de Emprego ou Aulas Interculturais.

O Equipo de Inclusión Social está orientado, como o seu nome indica, a utilizar todos os recursos dispoñibles (asesoramento, prestacións, etc.) para frear os procesos de exclusión social, tratando de normalizar a situación socioeconómica das persoas mediante a posta en marcha de proxectos personalizados de inclusión social.

Todos iso orientado á excelencia na atención á cidadanía, dende a máis profunda convicción de servizo público.

Benvido/a ao Centro Ágora! As e os profesionais de Servizos Sociais estamos, sobre todo, ao teu servizo.

SIVO

O Servizo de Información, Valoración e Orientación (SIVO) ten como función xenérica garantir o acceso de toda a poboación que o necesite ao sistema público de servizos sociais e potenciar os recursos persoais e sociais. Ademais ten tamén funcións específicas tales como: atender directamente e informar a poboación nos temas concernentes ás demandas e recursos sociais; realizar o diagnóstico de cada situación co fin de planificar o proceso de intervención, capacitar, potenciar e dotar de habilidades aos destinatarios do programa para facilitar o acceso aos recursos sociais; mobilizar, xestionar e tramitar recursos dos diferentes sistemas de protección social cara ao usuario; e, ademais, deseñar estratexias e actividades que faciliten o acceso e o uso adecuado dos recursos sociais.

Entre os seus obxectivos máis importantes están: facilitar a toda a poboación a información necesaria para o exercicio dos seus dereitos sociais, estudar e analizar as demandas de forma individualizada, valorando as alternativas máis apropiadas, propoñéndollelas ás persoas usuarias asesorándoas no proceso de toma de decisións e establecer unha relación de axuda entre o profesional e a persoa usuaria do servizo, que lle permita a esta última mellorar o seu desenvolvemento integral. 

Plano de situación

Planta primeira

Mapa planta primeira
  • Servizos á cidadanía
  1. Ventá municipal
  2. Servizos sociais
  • Vestíbulo
  1. Vestíbulo entrada
  2. Vestíbulo entrada
  • Aulas
  1. Aulas  5, 6, 7, 8 e 9
  • Auditorio
  1. Platea

Lenda símbolos

  1. Acceso ao edificio
  2. Escaleiras
  3. Ascensores
  4. Aseos

Enlaces relacionados

  • Logotipo do Concello da Coruña
  • Logotipo FEDER
  • alt
  • alt
  • alt